O que vén: un capitalismo (aínda) máis salvaxe

Gonzalo Fernández -

O poder corporativo vehiculiza a súa pretensión de avanzar na mercantilización da vida a través da imposición dunha lex mercatoria en defensa da seguridade do investimento e o comercio, situada por riba do marco internacional de dereitos e da soberanía nacional e popular. A nova vaga de tratados (TTIP, TISA, CETA, etc.) enmárcase nesta lóxica

O proxecto civilizatorio construído en torno ao capitalismo atravesa unha fonda crise que pon de manifesto non só as crecentes dificultades do sistema para se autorreproducir, senón tamén a ofensiva que este desenvolve contra a vida, cuxa sostibilidade corre serio perigo. Partindo deste conflito capital-vida, proliferan tanto as axendas emancipadoras que pretenden defender a reprodución ampliada da vida como aquelas que se centran en salvar e redefinir o capitalismo neste momento crítico, aínda que iso nos conduza ao abismo social e ao colapso ecolóxico. Se queremos evitar este fatal desenlace, é preciso coñecer estas apostas pro-capital e as súas perspectivas de futuro, co ánimo de se adiantarse a elas e facelas reverter desde lóxicas alternativas.

 Este é precisamente o obxectivo deste artigo: coñecer que diferentes propostas pugnan hoxe en día a defensa dos valores civilizatorios hegemónicos do crecemento ilimitado, a primacía dos mercados, a reprodución ampliada do capital e a agudización das asimetrías de clase, xénero e raza/etnia. Destacamos neste sentido a confrontación actual entre quen avoga polo avance dun mercado universal autorregulado desde unha suposta perspectiva progresista, por unha banda, e quen aspira desde claves máis extremas a capturar, nun contexto de profunda crise, a máxima ganancia posíbel para os capitais nacionais propios baixo a premisa de guerra económica e xeopolítica entre bloques rexionais, polo outro.

 Sexa unha ou outra a axenda que se impoña -ou mesmo a máis que probábel síntese de ambas-, as perspectivas parecen consolidar unha versión do modelo global aínda máis antidemocrática, excluínte e violenta. Concluiremos o artigo sinalando cales poderían ser, ao noso ver, as claves que definen a nova versión do vello proxecto civilizatorio da modernidade capitalista, no que o poder corporativo tecido ao redor das grandes empresas transnacionais cobra un gran protagonismo.

O conflito capital-vida agudízase, mais tamén a disputa entre capitais

 Atravesamos momentos de gran incerteza sistémica, cuxa orixe reside basicamente en dous grandes nós aos que o sistema vixente parece non atopar resposta.

 Por unha banda, o capitalismo evidencia serias limitacións para iniciar unha nova fase expansiva de crecemento económico, que xere un círculo virtuoso de produtividade, rendibilidade, investimento, emprego e consumo. Neste sentido, a propia OCDE prognostica un lánguido desempeño económico global até 2060[1], o que reforza a idea de que cada vez é máis complicado reproducir o fluxo do inxente excedente xerado por un sistema financeirizado, sobrecomplexizado e desregulado, ademais nun marco de austeridade e grandes desigualdades estruturais. Neste contexto, visualízanse con maior nitidez as contradicións dun sistema incapaz de poñer en marcha unha revolución tecnolóxica con potencialidade para impulsar un círculo virtuoso como o antes citado. Se a aposta é, neste sentido, a automatización e a robótica, non hai seguridade ningunha de que esta teña unha incidencia xeneralizada sobre a produtividade do conxunto do tecido económico global. Mesmo existen serias dúbidas sobre se o hipotético saldo de empregos deste proceso sería negativo e non positivo, destruíndo máis emprego que o que se puidese crear, tal e como sinala a UNCTAD[2]. En todo caso, máis aló do debate sobre se o capitalismo é capaz de se reinventar de novo nun contexto de fondas limitacións, si que podemos afirmar tallantemente que este afronta grandes dificultades no curto, medio e longo prazo, o que nos aboca a décadas de forte inestabilidade.

 Mais, doutra banda, aos problemas do sistema económico para reproducirse únese un segundo elemento xerador de incerteza, que non é senón o gravísimo colapso ecolóxico que vén. Trátase, en palabras de Tanuro[3], dunha catástrofe silenciosa provocada polo cambio climático e polo esgotamento das tres fontes de enerxía fósil sobre as que se asentou o patrón de desenvolvemento desde a segunda guerra mundial: o petróleo, o gas e o carbón. Se o petróleo xa alcanzou o seu pico, o carbón e o gas farano nas próximas décadas, tratándose de recursos -sobre todo, o petróleo- imposíbeis de ser substituídos por outros, renovábeis ou non, debido a unha capacidade de transporte, almacenamento, múltiples usos e alta densidade enerxética sen igual. Xa que logo, enfrontámonos, si ou si, a unha redución da base material sobre a que opera a nosa sociedade global e, en consecuencia, a unha profunda transformación das fórmulas hexemónicas de produción, consumo e organización social.

 Vinculando ambos os procesos -límites do capitalismo e colapso ecolóxico-, explicítase a gravidade do momento presente, xa que a hipotética superación do primeiro dos procesos non faría senón afondar a catástrofe ecolóxica, mentres que enfrontar de xeito taxativo o segundo esixiría descentrar o capital e os mercados como valores hexemónicos e, xa que logo, transcender completamente o modelo civilizatorio articulado en torno ao capitalismo. O piso móvesenos a todos e todas e, queirámolo ou non, grandes mudanzas están a chegar, nun ou outro sentido. Asistimos, pois, a unha fase histórica especialmente crítica, marcada pola crise do capital e polo conflito deste coa vida mesma, dando lugar a un recruamento da disputa de axendas e suxeitos. E non falamos só da confrontación de quen defende a vida fronte á lameira ao que nos conduce o capital, senón tamén entre os que pretende manter o statu quo capitalista, mais desde parámetros diferentes aos até o de agora hexemónicos.

 Xorde neste sentido unha nova versión capitalista nítidamente reaccionaria, que Trump abandeira pero na que se inscriben fenómenos como o auxe da extrema dereita en Europa, o Brexit ou Putin, por poñer só algúns exemplos. Esta nova proposta política en voga reprodúcese ante a crecente deslexitimación da até o de agora axenda hexemónica do capital, que denominamos capitalismo universalista. Este sustentouse sobre dous alicerces fundamentais: en primeiro lugar, a aposta por un mercado único global e autorregulado -ou polo menos conformado por grandes bloques económicos que colaboran entre si, a través de pactos entre diferentes capitais, encarnados en tratados e acordos multilaterais-, que garanta o comercio e a seguridade dos investimentos a nivel planetario; en segundo termo, un modelo de gobernanza política sustentado sobre un relato de democracia formal, respecto aos dereitos humanos e defensa da diversidade e a multiculturalidade, edificado sobre unha estrutura multilateral para ese efecto.

 Para garantir este mercado de proxección universal apóstase principalmente por tratados e acordos rexionais e globais de comercio e investimento. Estes pretenden conformar unha nova gobernanza corporativa, que institucionalice novas estruturas de converxencia reguladora entre rexións -para harmonizar á baixa en protección social e ambiental-, e que acabe de implantar unha lex mercatoria[4] sostida sobre tribunais privados de arbitraxe, nos que as corporacións teñen a capacidade de denunciar ás institucións públicas se estas ameazan os seus beneficios. Como sinalamos previamente, este proxecto sofre hoxe en día un crecente descrédito, evidenciándose que o valor forte do capitalismo universalista -o mercado autorregulado- é incompatíbel co segundo -democracia e dereitos-, que se converte en pura retórica, tal e como mostra esta ofensiva contra o poder lexislativo e xudicial. Constátase así a primacía do capital sen caretas democráticas e inclusivas, condenando as grandes maiorías populares ao desemprego, a precariedade, a exclusión e, en definitiva, a múltiples e diversas fórmulas de dominación. Así, un proxecto retoricamente universalista, progresista e pacifista, na súa pretensión de desarraigar a dimensión económica do resto de variábeis sociais, políticas e culturais a partir da constitución dun mercado global autorregulado, acaba explotando á vasta e diversa clase traballadora e amputando os mínimos resortes democráticos no altar do devandito mercado. Karl Polanyi, na súa certeira análise realizada hai oito décadas, xa alertou destes intentos de desarraigamento, situando no patrón ouro e no impulso universalista do capital a xénese das guerras mundiais e os fascismos que se desenvolveron a primeira metade do século XX[5].

 Mais esta deslexitimación do capitalismo universalista, como antes especificamos, non é só evidente para as propostas emancipadoras en defensa da vida. Tamén o é para que avogan por unha redefinición do statu quo. Estes constatan, por unha banda, como este modelo universalista rompeu os consensos ou pactos nacionais entre capital e traballo conforme a diferentes formulacións do Estado do Benestar -fundamentalmente no Norte Global, que é onde estas se permitiron, e que foron base de certa estabilidade social e política-, sen ofrecer alternativa algunha ás lóxicas de deslocalización, terceirización, desinvestimento interno, desemprego e precariedade vinculadas á globalización neoliberal. E, por outra banda, consideran que a delegación de soberanía nacional a órganos supraestatais, propia da lóxica dos acordos e tratados rexionais e globais, impide o desenvolvemento de políticas autónomas e constrinxe as capacidades económicas dos capitais propios, ao obrigar a pactar cos foráneos desde un prisma multilateral, cedendo así necesariamente poder nun momento no que a torta non dá para todos.

 Por tanto, non todos os capitais teñen expectativas positivas no modelo de capitalismo universalista, nin posibilidade de sustento político e social que garanta a súa sustentabilidade. Debido a iso, algúns deles -sobre todo os que teñen a súa matriz no Norte Global, e que acumulan xa que logo un notábel poder de negociación-, apostan por ampliar o seu anaco de torta fronte a outros, transitando do universalismo á guerra económica. Dáse así a posibilidade de impulsar un relato e unha axenda que prime a defensa dos capitais nacionais fronte ao capital en xeral; que limite o custo da aposta global na súa retórica multilateral; que integre na súa base política non só o capital nacional, senón tamén a parte da clase traballadora ávida de recuperar investimento e emprego e que foi desprezada polas elites beneficiadas pola globalización; que, finalmente, confronte aínda retoricamente coas devanditas elites desde unha ofensiva contra o seu imaxinario liberal e progresista (dereitos e liberdades fundamentais, igualdade de oportunidades, diversidade sexual, protección do medio natural…), situando o debate político nunha guerra entre pobres, contra o outro, centrado especialmente na migración como fenómeno directamente vinculado á globalización e os seus efectos.

 Cal destas dúas versións do capitalismo -universalista ou de guerra económica- se vai dispor nesta disputa en ascenso, ninguén o sabe. En todo caso, a deslexitimación da aposta universalista, por unha banda, e os estreitos límites que o capital impón ás propostas de corte populista de dereitas que poñan en cuestionamento a globalización e o modelo deseñado nas últimas décadas, pola outra, lévannos á conclusión de que seguramente a axenda hexemónica será un híbrido de ambas, configurando un modelo de capitalismo máis salvaxe, ditatorial, excluínte e violento. Vexamos a continuación cales poderían ser as súas características principais.

Perspectivas do capitalismo que se nos vén enriba

 A axenda de síntese que parece prefigurarse nun contexto de crise de reprodución do sistema semella a resposta dun león ferido. Así, malia que se ven cada vez máis as fendas polas que verte o seu sangue, segue sendo tremendamente perigoso e acumula a forza suficiente para conducirnos á humanidade e ao planeta no seu conxunto ao abismo. Un león ferido que, nesta situación, minimiza a súa retórica sobre democracia, dereitos e inclusividade -sacrificados para tratar de salvar o capital-, mentres que sitúa e xustifica fundamentalismos, exclusións e asimetrías como oferendas necesarias para o devandito sacrificio. Baixo esta premisa, expoñemos brevemente cales poderían ser, ao noso ver, algunhas das claves que darían forma a esta nova versión de capitalismo para as próximas décadas[6]:

  1. O poder corporativo, protagonista da ofensiva final para mercantilizar a vida. Nunca antes as grandes empresas acumularan tanta forza como durante a globalización neoliberal, configurando unha axenda e unha estrutura cultural e política ao servizo do seu poderío económico -hoxe en día 69 das 100 maiores entidades do mundo son empresas e só 31 Estados[7]-. Este inxente poder sitúaas como premisa de todo proceso político, protagonistas e principais beneficiarias da aposta pola reprodución incesante do capital. Para iso, avogan, como resposta á crise, por afondar na mercantilización definitiva de toda forma de vida e sector, incidindo especialmente na contratación pública, os servizos, as economías campesiñas, etc., convertendo os nosos corpos precarizados -nomeadamente os das mulleres-, en pistas de aterraxe da súa estratexia. Deste xeito o poder corporativo -que transcende ás propias empresas, conformando unha ampla rede de Estados e organismos multilaterais cómplices-, tenta abranguer o espectro completo das nosas vidas, proxectándose no marco dunha sociedade empresarial, privatizada, centralizada e concentrada en termos de poder -como mostran as fusións recentes das seis grandes empresas da agroindustria[8]-.
  2. A lex mercatoria como base dunha gobernanza corporativa que pon en xaque a democracia. O poder corporativo vehiculiza a súa pretensión de avanzar na mercantilización da vida a través da imposición dunha lex mercatoria en defensa da seguridade do investimento e o comercio, situada por riba do marco internacional de dereitos e da soberanía nacional e popular. A nova vaga de tratados (TTIP, TISA, CETA, etc.) enmárcase nesta lóxica, que debe entenderse como unha agresión contra a capacidade institucional de regulación fronte a todo atranco ao comercio e ao investimento, situando nese sentido un novo modelo de gobernanza corporativa que xera unha institucionalidade conformada, como xa dixemos previamente, conforme á converxencia reguladora e aos tribunais privados de arbitraxe. Deste xeito a democracia -xa en por si mínima- molesta, e sofre unha ofensiva definitiva, instaurando unha arquitectura da impunidade para as grandes empresas, na que coinciden tanto o capitalismo universalista como o de guerra económica, xa que ambos só cuestionan quen e como negocia os acordos, non a existencia nin o contido destes.
  3. A tensión xeopolítica e polos recursos escasos increméntase. A crise capitalista e a sensación de que a torta económica non medra –e mesmo se esgota en termos enerxéticos- posibilita unha agudización da confrontación entre bloques polo posto de hegemón, así como polos escasos recursos fundamentais para a vida. Parece entón que asistiremos a un recruamento da disputa entre bloques económicos e os seus capitais, liderados polas grandes empresas (EUA, UE e China), de consecuencias imprevisíbeis, mesmo en termos militares. Á súa vez, asistiremos a unha ampliación dos conflitos xerados pola situación climática e enerxética, acompañados posibelmente dunha pretensión de acaparamento dos devanditos recursos escasos -enerxía, auga, terra, etc.- mesmo na súa versión renovábel, baixo o paraguas do capitalismo verde.
  4. Unha economía estruturalmente sobrecomplexizada, financeirizada e especulativa. Debido ás escasas expectativas de crecemento económico xeneralizado conforme a unha nova onda longa expansiva, é máis que probábel que se manteña e mesmo afonde a tendencia actual de procura de reprodución do capital pola vía financeira. Así, mentres non se senten as bases que permitan incrementos xeneralizados na produtividade e na taxa de ganancia, a crucial cuestión do endebedamento público e privado seguirá sendo un aspecto de especial relevancia, mentres que os acenos de identidade da financeirización se seguirán trasladando ao conxunto do modelo económico. Xa que logo, curtopracismo, ingobernabilidade, lucro e especulación serán conceptos que definan o escenario tamén no futuro próximo, incidindo posibelmente no incremento da inestabilidade estrutural e das asimetrías sociais. A aposta de Trump de derrogar os tímidos controis financeiros establecidos por Obama tras o crash de 2008, así como o contido das negociacións do TISA, parecen abundar neste sentido.
  5. Un modelo de sociedade global máis abertamente excluínte e violenta. A aposta polo capital fronte á vida nun momento de crise ten como corolario a agudización da matriz excluínte do proxecto civilizatorio conforme á clase, o xénero e a raza/etnia. Deste xeito, o capitalismo heteropatriarcal e colonial prívase progresivamente de toda retórica, mostrando lóxicas de fascismo social, nas que se establece un réxime de relacións de poder extremadamente desiguais que concede á parte máis forte un poder de veto sobre a vida e o sustento da parte máis débil. Parecería, xa que logo, que o relato da cidadanía con dereitos e da igualdade perde valor, e a axenda hexemónica ofrécenos en toda a súa crueza a súa xénese excluínte e violenta, alentando a guerra entre pobres -para agochar a responsabilidade do poder corporativo-, así como desatando a violencia machista, de odio, empresarial e xeopolítica de todo tipo.

 Este semella ser o capitalismo que se perfila neste século XXI, nun contexto de crise sistémica e civilizatoria: un modelo pirómano que parece querer apagar o lume con máis madeira, dirixido por un poder corporativo que atenta contra a democracia e contra a sustentabilidade da vida para tratar de manter o fluxo do capital, para o que non dubida en recruar a exclusión e a violencia.

 Polo tanto, desmantelar o poder corporativo, poñendo freo aos novos tratados rexionais e globais; defender os territorios e os bens comúns, tanto públicos como comunitarios; desmontar o sistema financeiro desregulado e sobrecomplexizado; enfrontar a exclusión e violencia de todo tipo; así como abandeirar a democracia como valor fundamental, entre outras cuestións, son prioridades estratéxicas para calquera axenda alternativa que pretenda avanzar en defensa da vida e do ben común.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] OCDE (2014): «Policy challenges for the next 50 years», OECC Economic Policy Papers, n.º 9, dispoñíbel en: http://www.oecd-ilibrary.org/economics/policy-challengesfor-
the-next-50-years_5jz18gs5fckf-en

[2] UNCTAD (2016), «Robots and industrialization in developing countries», Policy Brief n.º 50, dispoñíbel en:http://unctad.org/en/PublicationsLibrary/presspb2016d6_en.pdf

[3] Tanuro (2015), «Enfrentar la urgencia ecológica», Inprecor n.º 619-620, dispoñíbel en: http://www.inprecor.fr/article-CLIMAT-Face%20%C3%A0%20l’urgence%20%C3%A9
cologique?id=1795

[4] Hernández, Juan, e Ramiro, Pedro (2015): Contra la lex mercatoria. Propuestas y alternativas para desmantelar el poder de las empresas transnacionales, Icaria, Barcelona.

[5] Polanyi, K., (1944), La gran transformación, Siglo XXI, México.

[6] Fernández, Gonzalo (2016): Alternativas para desmantelar el poder corporativo. Hegoa, Bilbao. Dispoñíbel en: http://omal.info/spip.php?article8246

[7] Datos do Informe 10 biggest corporations make more money than most countries in the world combined, publicado en
setembro de 2016 por Global Justice Now.

[8] ETC Group (2016): Campo Jurásico. Syngenta, DuPont, Monsanto: la guerra de los dinosaurios del agronegocio. Dispoñíbel en: http://etcgroup.org/sites/www.etcgroup.org/files/files/etc_breakbad_esp_v5-final_may11-2016.pdf

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web OMAL, do 26 de xuño de 2017]

 

Volver