O "bo" das nosas derrotas en Venezuela e Arxentina

Pedro Santander - 07 Xan 2016

A diferenza da dereita, as forzas progresistas de América Latina non temos clareza de como construír un suxeito social que acompañe, defenda e fortaleza os profundos procesos de reformas sociais que emprendemos no continente nos últimos anos

 Ocorreron con apenas dúas semanas de diferenza e deixáronnos entre abraiados, pampos e desacougados. Foron, ademais, as primeiras de magnitude e fondo significado político en máis de 15 anos en América do Sur. Refírome ás derrotas das forzas progresistas nas eleccións parlamentarias venezolanas e as presidenciais arxentinas.

 Porén, ambas as experiencias, por dolorosas que nos resulten ás forzas de esquerda do continente, poden significar unha oportunidade para iniciar un necesario proceso de autocrítica e de comprensión que nos permita enfrontar de mellor modo os próximos escenarios de disputa, e así impedir a restauración neoliberal. Cómpre lembrarmos, nese sentido, a afirmación de Perry Anderson de que “o único punto de partida concicíbel hoxe para unha esquerda realista consiste en tomar conciencia da derrota”.

 E estas dúas derrotas teñen moito que nos dicir e constitúen a partir de agora un necesario campo de observación e aprendizaxe empírica para a esquerda latinoamericana, tanto para entender mellor as nosas eivas, como para observar analoticamente o comportamento da dereita nos seus novos contextos de triunfos electorais.

 O primeiro que podemos concluír é que tras as súas vitorias a dereita actuará de xeito inmediato, para reinstalar as súas concepcións clasistas e explotadoras da vida social. Se alguén pensou que tras décadas de ser minoría na rexión actuarían con gradualidade, errou. A restauración neoliberal será fulminante. Diversas medidas tomadas polo Goberno de Macri en escasas dúas semanas e os contundentes anuncios realizados pola dereita venezolana demostran que, unha vez (re)instalados en posicións de poder institucional, non haberá medias tintas, senón políticas a velocidade de shock.

 E de acordo co observado, isto verificarase en tres dimensións: a do capital, do consumo e da comunicación. O coidado por estes tres “c”, estará no centro da restauración neoliberal latinoamericana.

 En canto á primeira, nin unha semana tardou a dereita venezolana e arxentina en deixar explicitamente claro o seu interese por reinstalar o brutal desequilibrio entre capital e traballo, en beneficio do primeiro, por suposto. A organización patronal Fedecámaras pediu a seguinte día do triunfo da MUD derrogar a Lei Orgánica do Traballo. Trátase dunha das máis importantes conquistas socio-económicas da revolución bolivariana que, entre outros, converte a Venezuela nun dos poucos países do mundo onde se prohibe o traballo terceirizado, protexendo así os traballadores dunha das prácticas máis características e perversas da explotación neoliberal. Á súa vez, en Arxentina o Goberno de Macri non tardou unha semana en comezar a construír unha nova arquitectura da distribución do ingreso e a riqueza, disolvendo os mecanismos de control cambiario, megadepreciando a moeda, levantando impostos á exportacións agropecuarias, etc. Como vemos, a dereita nunca se esquece dos seus propósitos clasistas, non importa canto tempo leve perdendo eleccións, nin canto de desprestixiado estea o neoliberalismo no sentido común: trátase de rexenerar canto antes as condicións necesarias para asegurar a transferencia de riqueza desde un sector maioritario cara ao reducido sector da clase empresarial, ou sexa, do poder económico. Non importa canto de drástico deba ser o axuste da macroeconomía, nin o consecuente empobrecemento da poboación mediante o ataque ao salario, o que importa é destruír prontamente o socialmente conquistado, restablecer o extremo desequilibrio entre capital e traballo e así devolver o favor aos grupos económicos que financiaron as campañas.

 Claramente os grandes prexudicados serán os de sempre: os sectores populares, nomeadamente aqueles con ingresos fixos, os xubilados, asalariados, beneficiarios de programas sociais, etc. que coa depreciación da moeda arxentina verán reducido o seu poder adquisitivo. O mesmo ocorrería en Venezuela se a dereita chega a gobernar: o 7 de decembro, un día despois das eleccións lexislativas, o presidente de Fedecámaras, Francisco Martínez, expresou que a nova Asemblea Nacional “debe derrogar a Lei de Prezos Xustos para que poida activarse a produción no país”. É dicir, que se eliminen as leis de control de prezos. Porque a dereita teno claro: o consumo débese manter, pero a través do endebedamento dos cidadáns. Porque se a derrogación da Lei do Traballo significaría o despedimento de ducias de miles de traballadores e a insuficiencia salarial, a eliminación do control de prezos produciría unha alza abrupta destes, tal como ocorre en Arxentina coa depreciación fulminante da moeda, e o endebedamento será o que garantirá o consumo.

 Ese é, indubidabelmente, o escenario desexado pola dereita: consumo mediante endebedamento; só así se crea un contexto económico-político de disciplinamento social e de precariedade humana. Porque non se trata soamente dun tema económico, ten tamén profundas implicacións ideolóxicas. O neoliberalismo sabe ben cal é o seu suxeito social ideal e necesario para a reprodución do seu sistema de dominación. Trátase do suxeito consumista que pon no centro das súas utopías e anhelos o consumo. Como ben advirte a economista salvadoreña, Julia Martínez, “o sistema capitalista é unha poderosa máquina de xerar suxeitos que voluntariamente subordinan as súas vidas aos valores e aos principios de autoridade que son propios da orde económica, xurídica, política e cultural establecida polo Capital”. E neste terreo o bloque reaccionario mostra unha gran vantaxe comparativa coa esquerda latinoamericana, vantaxe que quedou nidiamente establecida nestas derrotas electorais: a diferenza da dereita, as forzas progresistas de América Latina non temos clareza de como construír un suxeito social que acompañe, defenda e fortaleza os profundos procesos de reformas sociais que emprendemos no continente nos últimos anos e que nos permiten falar dunha “década gañada”. É dicir, á vez que conquistamos posicións e avanzamos no electoral, o social, o xeopolítico, o cultural, etc., non tivemos suficiente claridade político-conceptual para, á súa vez, ir construíndo o suxeito social desta época de cambios. Isto ocorre, entre outra razóns, porque a transferencia da renda cara aos desposuídos sen a construción dunha conciencia revolucionaria, redundou nun reforzamento do estilo de vida propio da sociedade de consumo. Noutras palabras, nós mesmos, mediante as políticas de distribución e igualdade, de melloras salariais, de incentivo da demanda interna, etc. creámoslles ás clases subalternas un espazo (inédito) na sociedade de consumo, convertendo, dese xeito, o consumismo nunha (alienada) conquista social. Así sucedeu a paradoxal situación de que mentres ocorrían os nosos triunfos no que se coñece como “o xiro á esquerda” do continente, afastábasenos do horizonte político o suxeito social que debía acompañar ditas vitorias e consolidábase, consumismo mediante, un suxeito culturalmente afín aos propósitos ideolóxicos da dereita.

 Finalmente, está o tema da comunicación. E cando digo comunicación non só me refiro á mediática, senón ás estratexias xerais que hoxe manexa a dereita no plano do simbólico. En primeiro lugar, debemos aprender a enfrontar as súas campañas electorais e a súa nova discursividade política. Son campañas que apelan ao invisíbel e ao baleiro. É así como en Venezuela os candidatos chavistas se enfrontaban a candidatos pantasmas da oposición, a ausencia de rostros da MUD na propaganda electoral, carteis sen caras, sen nomes, un enfrontamento fantasmagórico, desigual por ausencia semiótica do outro. No seu reemprazo a dereita erixiu o significante baleiro do Cambio como o gran adversario das forzas progresistas arxentinas e venezolanas. Esta baleira expresión serviulle para ocultar a súa raíz privatizadora e antipopular, pero tamén para volver lograr adherencia con parte do sentido común popular, do cal a dereita fora expulsado na última década, e establecer sintonía electoral. É certo que se trata dunha demanda sen contido, opaca, cínica e mediaticamente formateada, pero igualmente certo é que funcionou comunicatimente como discurso de campaña, tanto en Arxentina como en Venezuela. É dicir, foi un acerto político-comunicacional que posibilitou que as maiorías cresen en eslogans, sen preguntar por programas. E iso débenos facer reflexionar autocriticamente.

 Nestes anos de derrotas nas urnas, a dereita aprendeu a mimetizarse, a trasvestirse, a enfrontar en contextos adversos os escenarios electorais, e, a diferenza das forzas de esquerda, parece non deixar de estudar a importancia da comunicación na loita política, e de actualizar o seu coñecemento respecto diso. Non é de estrañar, polo mesmo, que una das primeiras medidas de Macri sexa crear o 10 de decembro, vía decreto, o Ministerio de Comunicación de Arxentina (ministerio até o de agora inexistente na historia dese país). O novo Ministro de Comunicacións trasandino é Oscar Aguad, un férreo opositor á Lei de Servizos de Comunicación Audiovisual, aprobada o 2009 e considerada unha das mais progresistas e democráticas do mundo. Así mesmo, tivo lugar de xeito inmediato a intervención, tamén por decreto simple, das autoridades regulatorias das leis audiovisual e de telecomunicacións, AFSCA (Autoridade Federal de Servizos de Comunicación Audiovisual) e AFTIC (Autoridade Federal de Tecnoloxías da Información e a Comunicación), respectivamente. O máis probábel agora é que se revogue a participación de Arxentina en Telesur.

 Son estas algunhas das dimensións que como esquerda, e enfrontados a novos e sorpresivos escenarios de derrota electoral, deberiamos comezar a estudar. A dereita, despois de décadas perdendo a disputa electoral sudamericana aprendeu moito, recompoñendo ao seu favor elementos que deben lerse con atención. A “década en disputa” comezou de vez, literalmente.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Celag’, do 30 de decembro de 2015]