O regreso ao futuro en América Latina (sobre as derrotas electorais de Arxentina, Venezuela e Bolivia)

Alfredo Serrano -

As subxectividades actuais difiren daquelas fraguadas en pleno padecemento do tsunami neoliberal. É esta unha nova etapa no actual cambio de época latinoamericano. A fase inicial disruptiva está dando a substitución a outra caracterizada máis polo repregue e o refluxo

 Quedar apreixado pola persistente defensa do conquistado é un risco político. No momento no que as alusións ao pasado lle gañan ao futuro, entón, pódese afirmar que un proceso de cambio atravesa unha fase de esgotamento relativo. As revolucións do século XXI en América Latina indubidabelmente axudaron a cambiar as condicións sociais, económicas e políticas da poboación. E porén, aínda en moitas ocasións, seguen actuando coma se o mundo non cambiase. A conscienciación política non transita unicamente pola explicación do logrado tempo atrás. O gañado normalízase e naturalízase con celeridade. Sobre esta base, constrúese un novo campo de esperanzas. Cada proxecto político débese osixenar mirando cara a adiante. A súa reprodución depende de como se recicle o relato, os símbolos, os significantes-mestres, sempre baixo o trazo dun horizonte estratéxico.

 Esta advertencia non significa que se deba romper co pasado. Pensar o futuro non é incompatíbel con valorar aquilo que se logrou, co rescate das raíces. A memoria do conquistado ten que servir como pedra angular para construír o que vén. Pero non serve de nada quedar apreixado polo pretérito sen atender á emerxente nova estrutura de clases, e aos seus novos marcos culturais. As subxectividades actuais difiren daquelas fraguadas en pleno padecemento do tsunami neoliberal. É esta unha nova etapa no actual cambio de época latinoamericano. A fase inicial disruptiva está dando a substitución a outra caracterizada máis polo repregue e o refluxo. Non é un ciclo despolitizado. É un novo período no que a política se transforma.

 Son moitos os factores que cambiaron e deben ser considerados. Entre eles, un asunto non baladí é a desaparición de líderes imprescindibles (Hugo Chávez, Néstor Kirchner). Apareceron novos candidatos no seo dos procesos co complicado labor de suceder a quen foron os seus referentes históricos. Terminouse o tempo no que prevalecía a admiración polo orixinal, polo insólito. A mesma política que fora nova a inicios de século XXI xa non o é; comeza a pasar de moda. Precisamente por iso o desafío está en reacomodarse ao novo tempo político-cultural, aos novos modos de comunicación, ás redes sociais, á linguaxe e estética da mocidade. Hai que buscar como actualizar a formación discursiva propia para que continúe instituíndo un campo de aceptabilidade. Precísase dunha pedagoxía máis acorde á nova sociedade; con outras formas de identificar o inimigo histórico. Goliath xa non é visto como tal. David creceu e hai que asumilo.

 No económico, o vento de atrás tamén cambiou de sentido; agora constitúe un verdadeiro freo que asfixia externamente. Non estamos fronte ao mesmo escenario de hai unha década. A economía mundial está inmersa na súa propia encrucillada sen dar sinais de recuperación. Os prezos das materias primas seguen en caída libre. Ábrese unha etapa montañosa que non se parece en nada a tempos remotos. Nesta ocasión, a responsabilidade para buscar solucións non recae (afortunadamente) no FMI nin en ningún outro poder económico alleo. Esta vez, son os gobernos progresistas os encargados de decidir que facer fronte a tales adversidades. Non abonda con rexeitar o vieiro neoliberal. Esíxese a reconstrución dun camiño propio, propositivo, proactivo, que obteña vitorias temperás para asentar expectativas positivas. A ausencia relativa dunha folla de ruta propia pode xogar unha mala pasada. A resposta ante a demanda de solucións futuras non pode nin debe estar secuestrada por alusións constantes ao pasado. O regreso ten que ser ao futuro.

 Toca responder a múltiples desafíos que se veñen de aquí en diante. Do asalto, hai que pasar á transformación do Estado. Acabouse co Estado Aparente pero hai que definir como se constrúe o Estado Integral. Hai que elixir si se replica o Estado de Benestar ou se se opta por unha construción propia que sexa innegociábel co capital. Hai que incorporar a eficiencia como criterio indispensábel na xestión pública. Tamén urxe caracterizar a sociedade con mercado (e non de mercado) á que se apunta; redefinindo que tipo de relación se quere co sector privado, en que área, baixo que condicións de propiedade, con que regras de reparto da ganancia. Neste mesmo sentido, cómpre estudar que estratexia elixir para adherir ao proxecto colectivo as diversas clases medias de orixe popular que emerxeron á calor dunha política pública decididamente inclusiva. O proceso de individuación desta nova xeración preséntase como un obstáculo para esta desafiante tarefa. Ignoralo supoñería descoñecer o novo suxeito político presente nesta conxuntura.

 Seguramente, as últimas derrotas en Arxentina (presidencial), Venezuela (lexislativas) e Bolivia (referendo para a repostulación da fórmula presidencial) explícanse en parte por esta excesiva presenza do pasado no debate sobre o futuro. Non é a única razón, pero si é unha cuestión fundamental neste ciclo curto de eleccións perdidas. É inapropiado falar polo momento de fin de ciclo. Avecíñase un estadio descoñecido en clave política. Non sabemos que vai pasar no futuro. A controversia está servida. A dereita decidiu enterrar o seu funesto pasado con promesas para o mañá. Os gobernos progresistas aínda teñen dificultade para modificar o tempo verbal da súa proposta. Por agora, isto concedeulle unha lixeira vantaxe electoral á dereita latinoamericana que vén coa lección aprendida tras moitos anos de fracasos. Estamos en plena guerra de expectativas. E esta non se gaña mirando polo retrovisor.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Celag’, do 9 de marzo de 2016]

Volver