O Sáhara occidental e a volta ás armas

Juan Soroeta - 04 Dec 2020

A ONU deuse por vencida ante a imposibilidade de resolver o conflito pola intransixencia de Marrocos e Francia. É triste ter que recoñecer que, como sinala a declaración de guerra da Fronte Polisario, a ONU se converteu nun simple fedatario da ocupación

 Hai xa 45 anos que o Estado español decidiu abandonar á súa sorte o pobo saharauí, entregando a súa antiga posesión colonial a Mauritania (que abandonou o territorio en 1979) e Marrocos, que o ocupa militarmente desde aquela. Tras 15 anos de guerra (1975-1991), a Fronte Polisario decidiu cambiar as armas polas urnas, confiando en que os novos tempos inaugurados coa fin da Guerra Fría farían posíbel a promesa das Nacións Unidas de organizar un referendo de autodeterminación no que os saharauís decidisen o futuro do territorio.

 Naquel momento produciuse un duro debate no seo do movemento de liberación nacional saharauí entre quen defendía que había que continuar a guerra, porque a decisión de Hassan II de negociar con quen até ese momento consideraba unha simple organización terrorista, era mostra dun evidente esgotamento, e faltaba pouco para que claudicase, e quen consideraba que chegara o momento da paz; que había que confiar na promesa da ONU de descolonizar o territorio, tal e como fixera nas décadas anteriores na práctica totalidade do continente africano. Finalmente impúxose a opción pacífica, pero, infelizmente, o tempo terminou dando a razón aos que apostaban pola guerra.

 O Plan de Paz, negociado libremente entre as dúas partes e aprobado polo Consello de Seguridade (1991), prevía a celebración dun referendo de autodeterminación nun prazo de seis meses, no que a poboación podería optar entre a integración do territorio en Marrocos e a independencia. Igualmente prevía que o censo para o referendo tería como base o confeccionado por España en 1974, que sería actualizado con pequenos cambios, derivados dos 15 anos de conflito bélico, incluíndo nel a quen chegara á maioría de idade e excluíndo os falecidos. O feito de que se previse un prazo tan curto para a celebración do referendo dá unha idea do limitados que debían ser os cambios a realizar.

 Por desgraza para o pobo saharauí, paralelamente ao comezo do proceso de identificación de votantes, prendeu a guerra civil que atinxiu Alxeria durante unha década. Nese momento Hassan II intuíu que, se este Estado retiraba o seu apoio aos saharauís, podería facer desaparecer o conflito da axenda internacional. Afortunadamente, Alxeria nunca variou o seu compromiso coa aplicación do Dereito internacional no conflito. Porén, o monarca alauí utilizou o proceso de identificación co obxecto non disimulado de aprazar indefinidamente a celebración do referendo, conseguindo que un proceso que debía culminar en menos de seis meses se alongase unha década enteira. Finalmente, pouco despois de que a Minurso (Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental) fixese público o censo (2000), Marrocos comunicou que nunca aceptaría un referendo de autodeterminación, despois de acusar de parcialidade á ONU.

 Os posteriores intentos de resolver o conflito por unha “terceira vía” que admitise a celebración dun referendo de autodeterminación, pero que, á súa vez, garantise dalgunha forma a vitoria marroquí neste, protagonizados en especial polo exsecretario de Estado dos EUA, James Baker (Plans Baker I e II), e malia favorecer claramente os intereses marroquís, fracasaron pola intransixencia deste Estado, que non quería correr ningún “risco de perder” o territorio. O propio Baker afirmouno expresamente cando, indignado polo obstrucionismo deste Estado, presentou a súa dimisión.

 Desde aquel momento as negociacións están en punto morto. As resolucións do Consello de Seguridade exhortan desde aquela “ás partes a que renoven as negociacións baixo os auspicios do secretario xeral sen condicións previas e de boa fe”, pretendendo ignorar que, froito de negociacións desenvolvidas baixo esas mesmas premisas, se aprobou hai xa case tres décadas un plan de paz perfectamente aplicábel na actualidade; que a Minurso xa concluíu cunha parte fundamental do seu mandato principal, a confección do censo; e que a única razón pola que non se resolve o conflito de forma definitiva mediante a aplicación do mencionado plan é o rexeitamento dunha das partes, Marrocos, e o apoio incondicional do cómplice necesario, Francia, que veta a posibilidade de que o Consello de Seguridade impoña ás partes a aplicación do devandito plan.

 É obvio que non se pode negociar con quen non quere: entre as “condicións previas” a que se refiren as mencionadas resolucións está o rexeitamento expreso de Marrocos a celebrar un referendo de autodeterminación. A partir de aí, que tería que negociar a parte saharauí?

 A ONU deuse por vencida ante a imposibilidade de resolver o conflito pola intransixencia de Marrocos e Francia. É triste ter que recoñecer que, como sinala a declaración de guerra da Fronte Polisario, a ONU se converteu nun simple fedatario da ocupación. A última resolución do Consello de Seguridade deixa pouco marxe á dúbida: apoia “unha solución política realista, viábel e duradeira para a cuestión do Sáhara Occidental baseada na avinza”. Que significa “solución política realista”? É obvio que para a ONU a independencia non é unha “solución realista”, polo que o que propón é algo moi grave: abandonar o Dereito internacional para conseguir unha solución política, que ignore a vontade do pobo saharauí.

 Pola súa banda, a Unión Europea negocia con Marrocos a explotación dos recursos naturais do territorio, incumprindo desta forma o requisito establecido en febreiro de 2018 polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea para que tal explotación sexa acorde co Dereito internacional: que o pobo saharauí dea o seu consentimento a tal explotación. A Fronte Polisario, en termos da Asemblea Xeral da ONU, “único e lexítimo” representante do pobo saharauí, rexeitou de plano dar o seu consentimento a tales acordos. Ao concluír estes acordos, tal e como sinalou o Avogado Xeral nas súas conclusións relativas aos acordos de pesca, a UE viola varias das normas fundamentais do Dereito internacional: o dereito de autodeterminación dos pobos, a prohibición de recoñecer situacións derivadas do uso da forza (a ocupación militar), a prohibición de contribuír co seu comportamento á consolidación de tal situación...

 Polo que respecta ao Estado español, que, de acordo co Dereito internacional e co noso propio ordenamento xurídico (afírmano dous autos da Audiencia Nacional de 2014), segue a ser a potencia administradora do territorio, foi variando a súa posición inicial de tácita defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí do primeiro goberno da democracia, o da UCD, até o actual apoio á ocupación e anexión ilegal do territorio por Marrocos. Os representantes dos sucesivos gobernos españois, tanto do PSOE como do PP, repetiron até a saciedade as frases ocas das resolucións do Consello de Seguridade (“apoiamos os esforzos das partes para alcanzar unha solución mutuamente aceptábel...”), mentres participaron activamente na consolidación da ocupación do territorio. Cómpre lembrar que os proxectos de resolucións que chegan ao Consello de Seguridade emanan do denominado “Grupo de amigos do Sáhara Occidental” (do Sáhara Occidental ou do conflito?), unha especie de “Consello de Seguridade para o conflito saharauí” composto polos EUA, Rusia, Francia, Reino Unido e o Estado español, que substituiría así o quinto membro permanente, China.

 Entre os que mantemos a esperanza de que o conflito ser resolva mediante un referendo de autodeterminación, a chegada de Unidas Podemos ao goberno foi moi ben recibida, porque desde o final da ditadura o Partido Comunista e Izquierda Unida viñeron defendendo con firmeza esta solución, e porque o propio Pablo Iglesias se comprometeu publicamente a impulsala, participando ata en actos de solidariedade co pobo saharauí. Mais semella que as cousas se ven de forma moi diferente desde o goberno. Todo o mundo é consciente da gravidade dos temas cos que o goberno marroquí chantaxea e extorsiona ao Estado español e a Europa. A cooperación en materia de contrabando ou terrorismo internacional, Ceuta e Melilla, pero moi especialmente, a inmigración, constitúen argumentos difíciles de xestionar. É que hai algunha dúbida de por que comezaron a chegar a Canarias, precisamente nestes momentos, miles de inmigrantes en apenas unhas semanas? Marrocos manexa como ninguén a billa da inmigración ilegal, que abre cada vez que se cuestionan ou se poden chegar a cuestionar as súas relacións coa UE. Mais o pobo saharauí non pode ser unha vez máis a moeda de cambio para solucionar os problemas do reino alauí.

 Nestas circunstancias, que saída lle queda ao pobo saharauí? Seguir agardando outro medio século cando nos campamentos de refuxiados alxerianos naceron xa dúas xeracións? Abandonar á súa triste sorte a quen sofre na súa propia terra a violenta ocupación marroquí? Non serei eu quen defenda a vía da guerra para resolver o conflito. Admiro profundamente a quen, despois de sufrir desaparicións forzadas de máis de dezaseis anos, defende aínda a vía pacífica como forma de solución do conflito. Pero a Fronte Polisario é un movemento de liberación nacional a quen o Dereito internacional lle recoñece o dereito ao uso da forza fronte á ocupación e dominación coloniais, polo que se decide retomar efectivamente as armas estará a exercer o seu dereito.

 

[Artigo tirado do sitio web aragonés AraInfo, do 3 de decembro de 2020]