O salario mínimo, crise e relato

Manuel Mera - 30 Dec 2020

Non hai ningunha razón de peso para non subir o salario mínimo, e moitos argumentos a prol de aumentalo. Ante todo, porque a suba a mil euros aínda estaría moi por debaixo do que propón a OIT como criterio razoábel, é dicir, uns 1.150 euros mes, que sería o 60% da media salarial no Estado español

 En relación co salario mínimo interprofesional (SMI) abriuse no mes de decembro un novo debate público entre o PSOE e UP. Esta última é partidaria de aumentalo, malia que non din canto, mentres que o PSOE coida que hai que adialo, seica por mor da crise económica. Na práctica trataríase de conxelalo durante uns anos, porque o PIB pode que non se recupere a valores de antes da pandemia até finais de 2022. Evidentemente a proposta esquece que a caída dos ingresos non atinxe a todas as clases por igual, e mesmo hai unha minoría privilexiada que está facendo máis cartos a esgalla. Agora ben, mentres non se pronuncie o Goberno como tal é difícil saber cal será a postura final, aínda que o tempo vai pasando e dende o Executivo cada vez se fala menos do tema.

 Outro aspecto a termos en consideración é se esta diverxencia irá a máis. Do que non hai dúbida é de que se escenificou nos medios por ambos os partidos, mesmo coa participación de ministros e ministras. A cuestión polo tanto é: en que grao aumentará a fenda entre os socios do Goberno e/ou só se trata de marcar territorio e conseguir un troque de cromos. Por exemplo, SMI por despexos por mor dos impagos motivados na pandemia, ou con respecto a non derrogar a reforma laboral...

 O que non semella que estea en perigo polo momento é a coalición, máxime cando un Executivo só do PSOE tardaría en superar as feridas abertas, e tería moi difícil atopar apoios mesmo circunstanciais nas forzas da dereita. Polo tanto, unha ruptura, aínda que se aprobasen uns orzamentos feitos á medida dos partidos coligados, non é garantía para o PSOE de continuidade. Asemade, unha ruptura da coalición tampouco sería moi doada de explicar por parte de UP, por máis que se acumulen friccións. Lembremos que baseou o seu relato, para facer o pacto co PSOE, na ocupación de espazos de poder para ser unha forza útil neste intre histórico, deixando nun segundo lugar a presión na rúa, aínda que acotío amague dende o púlpito neste aspecto.

 En relación co salario mínimo interprofesional non hai ningunha razón de peso para non subilo, e moitos argumentos a prol de aumentalo. Ante todo, porque a suba a mil euros aínda estaría moi por debaixo do que propón a OIT como criterio razoábel, é dicir, uns 1.150 euros mes, que sería o 60% da media salarial no Estado español (tal como esixe a CIG e outros sindicatos). Ademais, non se pode esquecer que serían os únicos traballadores excluídos dun aumento nos ingresos, xa que a media de suba salarial na empresa privada será do 1,8%-2% no 2021, os pensionistas con ingresos máis baixos terán un aumento do 1,8%, e os funcionarios públicos do 0.9%.

 Cómpre ter en consideración que se trata de asalariados/as carentes de convenio, hoxe sobre a metade do total. Ademais coa hipótese dun aumento de 50 euros ao mes brutos como a máis alta. Foi moi superior no ano 2020. A falta de viabilidade empresarial é unha mala escusa, xa que esta radica noutras cuestións (tecnoloxía, innovación, capitalizacións, etc). Ademais trátase dun aumento que vai afectar ao 2021, un ano que se valora de forte medre do PIB. No fondo o que está en disputa, para alén das persoas afectadas, é a taxa de lucro empresarial, e polo tanto a oposición férrea da patronal e tamén da Unión Europea. Aínda que neste último caso chocaría coa postura de Portugal. Ou realmente dependente de como se toman as recomendacións de Bruxelas en cada estado?  

 O PSOE desmente cunha oposición férrea á subida a súa viraxe a unha postura máis social, xa que faría sufrir con maior dureza a crise aos/as máis explotados. Nesta liña regresiva cos de abaixo afirmaba Nadia Calviño que o seu límite estaría en derrogar a reforma laboral. Non aumentar o SMI nunha contía tan simbólica tampouco deixaría moi ben parada a Podemos, unha forza que se denomina rupturista, xa que cuestiona máis unha vez a eficacia para o cambio da suma de poder institucional, presenza nos medios e atrevemento, cando se carece de mobilización social abondo e dunha estrutura militante activa. Algo que por certo se cansaron de repetir os teóricos do marxismo.

 

[Artigo tirado do sitio web Nós Diario, do 27 de decembro de 2020]