O Secretariado Confederal da CIG acorda atrasar o cobro da cota sindical
Estamos a padecer unha grave situación económica que afecta a un número importante de traballadores e traballadoras do noso País, á que non son alleas as afiliadas e afiliados da nosa central sindical. Esta situación está a supor que a estas alturas moitas persoas traballadoras galegas estean a ser vítimas dun ERTE, perderon os seus postos de traballo ou teñen reducida a súa xornada con redución salarial e, ademais, a inmensa maioría deles/as, a día de hoxe, aínda non percibiron o ingreso das prestacións por desemprego debido á nefasta xestión tanto do Goberno do Estado, como da Xunta de Galiza.
Diante desta situación e co ánimo de contribuír a non dificultar esa situación económica, no Secretariado Confederal da CIG vimos de acordar atrasar un mes o cobro da cota sindical que correspondería realizar no vindeiro mes de maio. Deste xeito o cargo do recibo correspondente ao 2º trimestre do ano realizarase na primeira quincena do mes de xuño, na vez de no mes de maio como correspondería.
Isto, así mesmo, supón que, polos prazos establecidos para os diferentes procedementos bancarios, tamén retrasará o cargo dos recibos dos 3º e 4º trimestres deste ano, de tal xeito que o 3º trimestre pasará a ser cargado non primeiros días de setembro, na vez de en agosto e o 4º trimestre, previsibelmente, arredor do día 15 de novembro.
Por últimos animámosvos, unha vez máis, a seguir loitando e mobilizando coa CIG na defensa das nosas condicións laborais: QUE NON CONFINEN OS NOSOS DEREITOS!!