• Nova

O sector da limpeza da Coruña terá que ir á folga se quere un novo convenio

A patronal propón un incremento salarial para 2020 do 0% e para 2021 do 0,8%
Compostela - 21 Dec 2020

O pasado mércores, día 16 de decembro as tres centrais sindicais con representación na mesa de negociación do convenio de Limpeza da provincia da Coruña celebraban unha xuntanza para valorar a situación da negociación do novo convenio colectivo na que consideraron as propostas da patronal “unha tomadura de pelo” e avaliaron a convocatoria de folga, se o sector quere un novo convenio digno.

As propostas das dúas patronais da Limpeza redúcense á eliminación do dereito á xubilación parcial no sector e a supresión do dereito das e dos traballadores a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa.

A cambio o que ofrecen é un incremento salarial para 2020 do 0% e para 2021 do 0,8%.

Fronte a isto CIG, UGT e CCOO propoñen pactar primeiro os salarios do ano 2020, para despois continuar co resto da negociación do convenio, proposta que rexeita a patronal. Diante disto, o representante da CIG-Servizos, Paulo Rubido, asegura que “o único que queren é quitarnos dereitos a cambio de nada. Por eles volveriamos aos tempos da escravitude”.

As centrais sindicais aseguran que están “fartas da actitude da patronal” non só neste convenio, senón tamén nos anteriores, porque “non respectan as regras de xogo, nin actúan cunha mínima lealdade na mesa de negociación” e, sobre todo, “non lle teñen respecto ningún ás traballadoras e traballadores”.

Grandes beneficiados da pandemia

Denuncian ademais que a patronal non pode argumentar a súa proposta coa crise provocada pola COVID, porque “son uns dos grandes beneficiados, polo incremento de horas e facturación coas desinfeccións e limpezas extra”, mentres ao persoal “que é quen está realmente a poñer a cara e a saúde nesas desinfeccións, o que pretenden é quitarlle dereitos e conxelarlle o salario.

Por iso as centrais sindicais acordaron iniciar unha campaña de denuncia desta situación; iniciar unha recollida de sinaturas de traballadores e traballadoras do sector e da súa representación sindical, apoiando a convocatoria dunha folga no sector da limpeza.

Anuncian ademais que van preparar un calendario de mobilizacións que será debatido, xunto coa folga, nas asembleas de

  • A Coruña- Luns 28 de dceembro, ás 11:00 horas e ás 18:00 horas, no edificio sindical.
  • Ferrol-

Martes 29 de decembro, ás 11:00 horas, no local sindical da CIG

Martes 29 de decembro, ás 18:00 horas, no local sindical de CCOO.

  • Santiago de Compostela- Mércores, 30 de decembro, ás 11:00 horas e ás 18:00 horas, no edificio Cersia