O sector de ambulancias mobilízase polo seu convenio coa vista posta na folga que arranca o 8 de febreiro

Traballadores e traballadoras concentráronse de xeito simultáneo diante dos hospitais de referencia
Nacional - 31 Xan 2019

Traballadores e traballadoras das ambulancias mobilizáronse este xoves de maneira simultánea diante dos centros hospitalarios de referencia de toda Galiza para demandar un convenio digno no sector e sinalar a responsabilidade do Goberno de Feijoo na precarización das condicións laborais e no paulatino deterioro deste servizo público. As protestas enmárcanse no calendario de mobilizacións previas á folga que CIG, CCOO e UGT teñen convocada no transporte sanitario a partir do 8 de febreiro, tras a patronal rachar definitivamente a mesa de negociacións ao propor unha redución dun 10% do convenio, coa posibilidade mesmo de impagos a partir do mes de marzo.

Esa rebaixa, explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, concrétase nunha redución do 6-7% dos salarios xunto coa retirada dos complementos por IT; a redución dos días de asuntos propios; a creación de tres escalas salariais, á baixa; e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes, "que completaría ese 10%".

Fronte ás pretensións patronais, a representación social reclama que o novo convenio contemple melloras laborais e incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido dende 2015; o recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; a redución do número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e melloras en materia de prevención de riscos e saúde laboral. A este respecto, Xesús Pastoriza sinala que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, neste sector, malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas –na inmensa maioría por problemas músculo-esqueléticos- sitúase no 13%.

Xunto a isto, tamén se quere limitar o abuso da contratación en prácticas, posto que as empresas están completando os seus cadros de persoal mediante esta fórmula, por ser máis barata, xa que durante o primeiro ano as/os traballadores/as cobran o 60% do salario base e no segundo o 70%.

Responsabilidade da Xunta no deterioro das condicións e do servizo

O convenio do transporte sanitario de Galiza vénse negociando dende hai tres anos pero a patronal non avanzou ningunha proposta asumíbel, limitándose a formular recortes e ameazar con descolgues. Diante deste bloqueo continuado, neste tempo, a CIG desenvolveu folgas e protestas que intensificou durante 2018 coa convocatoria de seis xornadas de folga e multitude de mobilizacións en todas as áreas sanitarias para esixir tanto o desbloqueo do convenio colectivo, como a intervención da Xunta no conflito, "pois a pesar da súa responsabilidade nesta situación, a Administración galega está totalmente desaparecida e nin nos atende nin nos recibe".

Pastoriza apuntou á Xunta como principal causante da precarización das condicións laborais no sector e do desmantelamento do servizo público, por sacar os contratos a concurso por debaixo do seu custo e  aceptar as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas, "sabendo que isto provocaría rebaixas nos salarios das traballadoras e traballadores".

Pero ademais, a Consellaría de Sanidade nin sequera está obrigando as empresas a cumprir co recollido nos contratos, de maneira que o servizo se presta con menos persoal e vehículos dos establecidos nos pregos e, en moitos casos, as ambulancias atópanse en condicións nefastas, non teñen a dotación necesaria e as empresas tampouco fan a hixienización dos vehículos e dos uniformes obrigados por lei.

"A Xunta é coñecedora destes incumprimentos dende hai anos, porque así llo temos trasladado en diversas ocasións, pero inhíbese das súas responsabilidades tanto cos traballadores/as como coa cidadanía", denuncia Pastoriza. A este respecto puntualiza que "se neste momento o transporte sanitario continúa en funcionamento e os usuarios e usuarias non perciben este deterioro non é pola estrutura deseñada pola Xunta de Galiza, senón pola profesionalidade dos traballadores e das traballadoras", asevera.

Folga dende o 8 de febreiro

A mobilización deste xoves precede á convocatoria de folga no sector convocada por CIG, CCOO e UGT, que se desenvolverá de forma intermitente do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 de febreiro; do 4 ao 10 de marzo e, a partir de aí, terá carácter indefinido.