A CIG no sector de Arqueoloxía alerta dunha grave desprotección do patrimonio galego pola Lei de acompañamento aos Orzamentos

Nacional - 09 Dec 2025

A representación da CIG no sector de Arqueoloxía oponse radicalmente ao Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas de outubro de 2025 que acompaña á Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para 2026, e que suprime a autorización previa necesaria para intervencións en bens patrimoniais catalogados da Xunta de Galiza, transferindo esta competencia directamente aos concellos, entre outras medidas.

A representación da CIG no sector entende que estas entidades locais non posúen na actualidade os medios necesarios, tanto humanos como técnicos ou financeiros, para desenvolver as accións de control, revisión e inspección que implicarían estas autorizacións. Polo tanto, advirten, na práctica “estase producindo un deixamento de funcións por parte da Xunta, que tampouco prevé un financiamento axeitado para esta delegación de competencias, como xa advirte a FEGAMP”.

Na opinión deste colectivo, isto derivará nunha discrecionalidade total nas autorizacións previas ás intervencións, cun grave desleixo na vixilancia e conservación do patrimonio galego en beneficio de intereses urbanísticos ou particulares. “Isto débese a que os concellos están máis sometidos ás presións de poderes económicos, redes clientelares e outros grupos privilexiados que á salvagarda do noso rico patrimonio, competencias que, por outro lado o propio Estatuto de Autonomía atribúe á administración autonómica”, sinalan.

Ademais destas modificacións na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, que data de apenas uns anos (2016), a nova proposta contén diversos cambios que reducen drasticamente a protección de certos bens patrimoniais, así como os seus espazos de cautela, atrevéndose mesmo co Camiño de Santiago. “Dado que a Lei impide certas actuacións de grande impacto no territorio protexido, cámbiase a Lei, empregando a dubidosa fórmula de Acompañamento duns orzamentos, nunha actuación que non podemos máis que definir como vergoñenta”, denuncian.

Rolda de contactos institucionais

Neste contexto, o pasado venres 5 de decembro, a representación da CIG mantivo un encontro co BNG no Parlamento Galego coa deputada responsábel de Patrimonio, Mercedes Queixas, e co de deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé L. Penas, para coñecer a súa postura ante o trámite deste Proxecto de Lei de acompañamento.

Previamente solicitouse unha reunión coas autoridades de Patrimonio Cultural polas modificacións legais que introduce a Lei de acompañamento dos Orzamentos, ao ser a CIG a organización asinante do III Convenio colectivo de ámbito autonómico de Galiza para a actividade arqueolóxica (anos 2025-2030) e maioritaria no país. Porén, a día de hoxe non se recibiu resposta, polo que o sector continúa cos contactos cos grupos políticos do Hórreo.

Na reunión coincidiuse na análise da desprotección que o Proxecto de Lei implicará para o noso patrimonio. “Trátase dunha visión compartida tamén polo Consello da Cultura Galega —cun informe moi crítico ao respecto—, polo propio funcionariado da Consellería e por persoal das universidades públicas. Ante este clamor social e institucional, a Xunta do Partido Popular non só desatende as peticións de reunión coa organización sindical maioritaria no sector, senón que mesmo veta a comparecencia do director xeral de Patrimonio na Comisión de Cultura do Parlamento do día 12 de decembro, solicitada polo BNG para explicar o dito Proxecto de Lei”, aseveran.

Oferta de emprego de Tragsatec

Pero todo este terremoto legal contra o Patrimonio non queda só nisto, apunta a representación da CIG, posto que á par da modificación da Lei de Patrimonio, a empresa Tragsatec publica unha oferta de emprego para a “Elaboración de Informes Técnicos” patrimoniais, practicamente calcada á que xa fora denunciada no seu momento pola CIG, que TSXG estimou completamente.

A raíz da demanda, a sala do contencioso administrativo anulou a resolución do 21 de decembro de 2020 -cunha encomenda de xestión a Tragsatec para realizar os informes técnicos de obras e actuacións que afectaban ao patrimonio cultural-, declarando ilegal e anulando último contrato vixente, cargándolle ás costas á Xunta e evidenciando ao longo das súas 32 páxinas “o mal facer” da administración galega.

Un ‘mal facer’ que se repite “e que resulta máis grave porque, primeiro, mentres que no caso anterior había unhas encomendas cunha contraprestación económica, non se fala de prover con recursos financeiros aos concellos que satisfagan estas novas competencias, o que conlevará informes que sexan papel mollado; e porque a Xunta insiste no comportamento cando ten unha sentenza en contra, pois acaban de facerse públicas ofertas de traballo en Tragsatec cos mesmas características que no seu caso xa foran anuladas: pídese "Experiencia laboral acreditábel na elaboración de informes de afectación patrimonial para entidades públicas e/ou administración pública".

Desde a representación da central no sector, ante a gravidade que suporá a aprobación desta Lei de acompañamento aos Orzamentos da Xunta, manterán os contactos cos distintos grupos políticos, co funcionariado da Consellería, coas institucións educativas e coa patronal do sector, así como con organizacións sociais e culturais, non descartando mobilizacións ante un deixamento de funcións que incumpre mesmo convenios internacionais asinados polo Estado español.