A automoción galega paraliza a actividade tras varios días de resistencia das empresas

As principais compañías están a negociar a aplicación de ERTE
Nacional - 17 Mar 2020

As principais empresas do sector galego da automoción están a paralizar a actividade ao non poder garantir a seguridade dos seus cadros de persoal como consecuencia da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus. As direccións de boa parte das compañías, que levan días resistíndose a adoptar esta decisión, negocian agora a aplicación de ERTE.

A maioría das empresas auxiliares da industria do automóbil atopábanse á espera do que facía finalmente PSA Citroën, o seu principal cliente, que hoxe mesmo detivo a liña de produción. O grupo galo estivo intentando gañar tempo dende o primeiro momento, implementando medidas de seguridade que o comité de empresa considerou insuficientes, polo que solicitou a paralización da actividade e instou a Inspección de Traballo a que velase polo cumprimento das directrices fixadas polo Goberno español para loitar contra o Covid-19. 

Os peches temporais de empresas precipitáronse tras a decisión de PSA Citroën 

Ao día seguinte a empresa convocou a representación dos traballadores/as para anunciarlles que o a dirección do grupo decidira pechar temporalmente todas as fábricas, fixando a paralización da actividade no centro de traballo de Vigo para este mércores. O comité retrucou que o peche debera facerse de xeito inmediato, solicitude que finalmente a compañía aceptou. A paralización da produción fíxose de xeito progresivo até que hoxe ás 14:00 horas se detivo a liña principal.

A previsión inicial é que a fábrica permanecerá pechada até o vindeiro 27 de marzo e a empresa habilitará un teléfono de contacto para que os traballadores/as poidan ter información mentres dure a parada. Ademais, estableceuse que o persoal que durante estes días de corentena dea positivo en coronavirus terá que poñelo en coñecemento da empresa.

O comité paralizou a actividade

Mais non en todas as empresas se agardou a ver o que facía PSA. No caso de Faurecia Asientos de Galicia, con sede en Vigo, foi o propio comité de empresa, a través dos delegados/as de prevención o paralizou a actividade o domingo ao non garantirse a seguridade do persoal. O protocolo da empresa incluía a limpeza dos postos e de maquinaria, desinfección, medidas para evitar que coincidisen as quendas de entrada e de saída, etc, pero non se garantía a distancia mínima recomendábel entre as persoas para evitar contaxios. 

O comité de Furecia optou por paralizar o traballo ao non garantirse a seguridade do cadro de persoal

Así que a representación dos traballadores/as decidiu paralizar a actividade en base ao artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que establece que se poderán tomar as medidas oportunas e mesmo abandonar o posto de traballo cando non se garanta a seguridade dos traballadores/as. Tamén se puxo en contacto coa Inspección de Traballo para que instase a empresa a aplicar as medidas necesarias.

En base a isto, a maior parte do persoal das distintas quendas optou por non acudir ao seu posto de traballo, polo que a fabricación viuse afectada. De feito, Citroën tivo que montar vehículos cun só asento para evitar ter que parar a liña. Despois disto continuaron os contactos coa empresa, que segue sen garantir a distancia de seguridade, polo que o comité mantén a medida até que Faurecia cumpra as medidas.

Outras empresas, como Plastic Omnium, en Redondela, ou Lear, no polígono de Valadares, tamén paralizaron a actividade hoxe ás 14:00 horas. Grupo Copo tampouco produce hoxe, e está a negociar un ERTE co comité. Ao igual que Copo Galicia, que maña comezará a negociar un ERTE, aínda que neste caso traballa unicamente a quenda de mañá; a de tarde e a de noite xa non producen dende hoxe. Denso remata hoxe de traballar, polo que a partir de mañá paralizará a actividade. Gestamp tampouco traballa, e tamén está a negociar un ERTE.

Finalmente, tanto GKN Driveline, en Vigo, como Treves Galicia, en Pontevedra, están a negociar aínda coa representación do persoal tanto o xeito de paralizar a actividade como a presentación de ERTE.

En Ourense tamén paran

No caso da industria da automoción da provincia de Ourense, a decisión de Citroën precipitou tamén os acontecementos e as principais compañías auxiliares optaron por paralizar a actividade e iniciar a negociación de ERTE. Como por exemplo Megatech, Hispaplasti, Incalplast ou Gaesa. En Faurecia aínda hai actividade, pero hoxe mesmo está prevista unha xuntanza para abordar a paralización. A única que ao parecer traballa con normalidade é Rodríguez López, dedicada á fabricación de ambulancias, na que se sigue un estrito protocolo de seguridade.

Finalmente, dende a CIG-Industria reiteran, tal e como denunciou hoxe o propio secretario xeral da CIG, que se seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo poida quedar na casa, xa que “nin se lle dispón dos medios para que as traballadores/as que teñan que ir traballar poidan facelo coas necesarias medidas de seguridade”. Xunto isto, as empresas que están ofrecendo o teletraballo non garanten nunhas condicións mínimas de respecto aos dereitos laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer o traballador/a gratuitamente todos os medios materiais para o desempeño do traballo no domicilio.

Neste sentido, critican “que a policía e o exército se estean despregando para labores de control social mais que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de alimentación, SAF, residencias, etc”.

Xunto a isto, critican “que non se dote de medios á Inspección de Traballo e que esta non desenvolva o labor de control necesario para garantir esa protección ás traballadores/as que non poden quedar na casa e están obrigados/as a traballar”.