O seguimento da folga por un convenio digno na sanidade privada “supera as expectativas”

Aínda que os centros hospitalarios non dan datos, en hospitais como o Quirón ou o Modelo, foi do 100%
A Coruña - 14 Dec 2023

O persoal da sanidade privada secunda hoxe unha nova xornada de folga superando mesmo as expectativas que había. Tamén foi numerosa a participación nas concentracións convocadas diante dos centros hospitalarios, malia os abusivos servizos mínimos decretados polas direccións que, segundo denuncia Miguel Tizón, até contrataron seguridade privada para “amedrentar” ao persoal.

“Para nós é importante o seguimento que houbo da folga porque quere dicir que a xente está moi concienciada para reclamar os seus dereitos e fai o esforzo de perder o salario destes días”, explica Tizón, quen atribúe o enfado das e dos traballadores do sector á tan precaria situación laboral que teñen.

Aumento da presión

Con todo, o representante da CIG denuncia que os centros hospitalarios aumentaron a presión sobre o persoal, tanto aumentando a vixilancia dos centros, como pola vía de incrementar os servizos mínimos. Un incremento que xa avanzou que se está estudando para poder presentar un recurso porque vulnera o dereito fundamental do persoal á folga.

A pesar disto, as concentracións –que se sucederon nos principais centros hospitalarios da provincia da Coruña- foron secundadas de xeito significativo por traballadoras e traballadores dos centros hospitalarios que, a viva voz, cun “aquí está, aquí se ve a sanidade privada en pé”, manifestaron a súa intención de loitar polos seus dereitos porque, como lembraron, entre as moitas consignas coreadas, “non chegamos a fin de mes”.

Patronal desaparecida

As mobilizacións iniciáronse hai uns meses para presionar á patronal e reclamar unhas condicións dignas, melloras salariais e sociais no novo convenio. Tizón lembra que a súa resposta “foi chantaxearnos coa retirada de tres dos puntos que xa tiñamos conseguidos, hai moitos anos, entre outros os trienios ou os tempos de cobro das baixas”.

Fronte a isto, o representante da CIG apuntou que “porén seguen se propor nada no referido á redución de xornada, que segue sendo a maior do estado no noso sector nin ao cobro dos domingos”. Neste sentido explicou que o persoal cobra por traballar en festivos pero non en domingos, que se pagan como se fose un día da semana calquera.

O desencadenante final para iniciar as mobilizacións e convocar as xornadas de folga foi que a patronal decidiu desconvocar as negociacións e a día de hoxe, dous meses despois, “seguimos agardando pola súa chamada para volver a sentalos e negociar o convenio. Foron eles quen se levantaron e marcharon e non temos noticia algunha desde o outubro”.

As traballadoras e traballadores dará un tempo razoable para que respondan ás súas peticións de negociación do convenio e as súas demandas de condicións dignas. Senón, advirten, “as mobilizacións continuarán, sen descartar novas xornadas de folga”.