O SERGAS pon en marcha a prescrición enfermeira sen dotar de máis persoal a Atención Primaria

CIG-Saúde denuncia a falta de planificación e a improvisación por parte de Sanidade
Nacional - 09 Ago 2022

O SERGAS vén de anunciar que a partir do mes de outubro estará habilitada a dispensación de medicamentos relacionados coa hipertensión, diabetes ou queimaduras por parte do persoal de enfermería. A CIG-Saúde considera que é un avance no desenvolvemento da profesión enfermeira, mais afirma que “o primeiro que precisa a profesión para desenvolverse é aumento na dotación de persoal”.

Para a CIG-saúde, coa dotación actual das/os enfermeiras/os dos centros de saúde “é inviable asumir máis carga de traballo”. Por iso afirma que “o SERGAS non pode seguir obviando as necesidades de incremento de profesionais e sobrecargar máis a unha categoría que xa está pedindo auxilio”.

Explica que é frecuente a implantación de programas, protocolos e outras cuestións,  por parte do SERGAS, sen que isto vaia acompañado “dunha dotación orzamentaria en materia de persoal”. De feito asegura que cada vez que medra a carteira de servizos e se ofrece á poboación unha nova prestación e/ou servizo, “nunca vai acompañado cunha dimensión do traballo e coa dotación de persoal necesaria, é dicir, sae gratis”.

CIG-Saúde exixe tamén ao SERGAS que a implantación destes protocolos leven consigo un programa formativo dentro da xornada laboral, xa que os profesionais necesitan tempo, dentro da súa xornada, para estudar e desenvolver os protocolos que se pretenden implantar.

“O SERGAS debera de ter no seu cadro de mando unha Subdirección Xeral de Enfermería que planificara todo o relacionado cos cambios que se van facer, que contara cas/os profesionais que van a realizar este traballo, e deixarse xa de titulares de prensa que lonxe están de axudar a desenvolver a profesión, e o que fan é poñela en cuestión”, conclúe.