O SERGAS satura máis os centros de saúde con tests da covid-19 "inútiles" nos centros escolares

CIG-Saúde denuncia que pretenden dar unha falsa sensación de seguridade
A Coruña - 01 Set 2020

O Sergas sobrecarga máis a atención primaria ao obrigala a facer os tests do virus SARSCoV-2 ao profesorado e o resto de persoal dos centros escolares. A Coruña vai ser a única área sanitaria onde a gran maioría destas probas se farán nos propios centros escolares, obrigando á enfermaría ao desprazamento correspondente.

A atención primaria está nunha situación insostible, onde a falta de profesionais é superior a anos anteriores e soportando a situación asistencial derivada da pandemia covid-19. Así o denuncia a secretaria comarcal da CIG-Saúde da Coruña, Lucía Peón, quen subliña que serán 7.000 as persoas ás que hai que facer os tests e despois citar para darlles o resultado, xunto coas actuacións que correspondan. Ademais “nos colexios que teñan máis de 12 traballadores (case todos) o persoal de enfermaría terá que facer o desprazamento”.

Este tipo de medidas, ademais do traballo que supón para o persoal, producen un desgaste mental importante xa que a cidadanía, e máis en concreto á comunidade educativa, que “debe saber que esta actuación é inútil”, indica Peón. Neste sentido, a secretaria comarcal da CIG-Saúde da Coruña apunta que “a ninguén lle gusta facer algo que sabe que é inútil, pero máis aínda cando, por facelo, sabes que van aumentar as listas de espera para analíticas ou para ver pacientes que realmente o necesitan”.

Baixa fiabilidade dos test

A baixa fiabilidade dos test que a Xunta decidiu facer neste caso “non valen para tomar decisións”, explica Lucía Peón, porque “se sae positivo, haberá que facer outras probas para confirmalo, e se saen negativos non hai ningunha garantía de que a persoa non teña a infección”.

Entende, ante isto, que “toda esta montaxe, con molestias tanto para os centros educativos como para a atención primaria é para nada”. Asegura que hai outros test fiables e de garantía que poderían facerse se o obxectivo fose a seguridade dos centros (PCR, test ELISA de anticorpos) “pero non o fan, o que demostra que o único que queren é aparentar que fan algo e transmitir unha falsa tranquilidade á sociedade”. A modo de exemplo sinala que nos centros de maiores fanse test PCR ás traballadoras e traballadores, “non se lles fan tests que está comprobado que non valen”.

Para a CIG-Saúde isto só responde a cuestións de apariencia política, “dar unha falsa seguridade a nais e pais para mandar ás súas crianzas aos colexios cunha suposta garantía, no canto de contratar profesorado, aumentar medidas de protección e as infraestruturas necesarias nas escolas”.

As medidas que garanten distancia de seguridade, hixiene de mans e uso de máscara son as únicas que reducirán o impacto do virus, e non uns tests puntuais, de baixa fiabilidade que non van supoñer nada na diminución da transmisión do virus. A Xerencia sanitaria da Coruña é a que produce maior carga na atención primaria de toda Galicia xa que obriga ao desprazamento do persoal.

CIG-Saúde advirte que continuamos en momentos sanitarios delicados. Por iso considera que “temos que exixirlle seriedade e rigor ás nosas autoridades, ao goberno galego e, na Coruña, á dirección sanitaria. Non estamos para xogos nin para facer fotos aparentando que se fai o que na realidade non vale para nada”.