O Sergas, sen plan contra a covid-19

Nacional -

A mediados de agosto, a CIG-Saúde dirixíase á Consellaría de Sanidade para demandar a negociación dun plan de continxencia no que se contemplaran as necesidades de contratación de persoal ante posíbeis gromos de covid. Propoñía para iso tomar como referencia as ratios de persoal necesario para atender a carga de traballo derivada dos coidados que esta doenza require do período anterior. A día de hoxe non hai plan. Os gromos multiplícanse pola xeografía galega e o SERGAS afronta esta situación co persoal de vacacións, a Atención Primaria desbordada e os hospitais sen teren unha previsión.

 

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, responsabiliza o propio presidente da Xunta do actual descontrol. “Deu por rematada a covid e presentou un plan de desescalada para poder convocar as eleccións. O SERGAS asumiu que en Galiza a covid non volvería até o outono e obrigou o persoal a coller as vacacións en xullo e en agosto. Non contemplou sequera a posibilidade de que houbese gromos durante o verán. O problema é que si os houbo”.

A sanidade pública galega enfróntase agora á esta situación coa Atención Primaria afogada pola falta de persoal estrutural que ten, con parte do persoal de vacacións, sen que se contratase ningún reforzo e co que está traballando asumindo o seu cupo máis o das súas compañeiras e compañeiros. Xornadas con até 50 ou 60 consultas ás que se engade a responsabilidade de facer seguimento ás máis de 4.000 persoas que permanecen nos seus domicilios con positivo en covid.

Falta de rastrexadores/as

Lonxe da propaganda á que adoita recorrer Feixoo, que afirmou en xullo que en Galiza tiñamos 6.000 rastrexadores/as, a realidade era ben outra. A proba é que un mes despois anunciou que recorrería a persoal do exército. Unha decisión que para Abuín é “incrible e vergoñenta”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que hai unhas listas de contratación con miles de persoas inscritas, persoal altamente cualificado, ao que non se recorre. Por iso denuncia que “é indecente que no canto de contratar a este persoal formado se traia ao exército”.

Por iso a CIG-Saúde é contundente: non se pode dar resposta á pandemia sen unha boa asistencia sanitaria e non se pode garantir esa asistencia sen o persoal necesario, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria.

Volver