O siderometal de Ourense inicia o proceso para a negociación do novo convenio provincial

Unha denuncia da CIG evita a prórroga do actual a tres meses de que expire
- 28 Set 2018

Iníciase o proceso para a renovación do convenio provincial do sector do siderometal de Ourense, e todo tras unha denuncia que evitou a prórroga dun ano do actual, con vixencia desde decembro de 2013 e que vence dentro de tres meses. Así o explicou a CIG-Industria de Ourense aos delegados/as do sector que asistiron onte a unha asemblea no local comarcal da central nacionalista, onde tamén se abordaron os eixos da plataforma negociadora.

Segundo indica Indalecio Gómez, secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, a asemblea de delegados/as serviu tanto para ratificar a sinatura como para elixir a comisión representativa dos traballadores/as que negociarán o convenio. Neste sentido, puxo en valor o respeito escrupuloso da central nacionalista á participación dos traballadores/as na negociación colectiva, en contraste cos sindicatos estatais.

A respeito das reivindicacións principais para o novo convenio, indicou que se avogará por unha vixencia de dous anos e incremento salarial liñal non inferior aos 600 euros. Ademais, por unha maior cobertura en IT e a mellora en aspectos da conciliación entre a vida familiar e laboral. Outra meta importante é reducir a implantación das empresas de traballo temporal no sector, ás que responsabiliza da precarización que padecen moitos traballadores/as. Neste aspecto, responsabiliza a UGT e CCOO, que en 2011 asinaron un convenio que remataba coa limitación de cubriren unicamente substitucións de baixas e vacacións.

Tamén puxo en valor a experiencia de loita vivida no sector en 2016, onde despois de dúas xornadas de folga a patronal acabou por retirar a proposta involucionista en materia de xornada, na que pretendía ampliar a xornada aos sábados. Indica, asemade, que o convenio vixente rematou por asinarse en outubro de 2017, coa vixencia desde o 31 de decembro de 2013 ao fin de 2018, logo de pactarse unha mellora na suba salarial.

Convenio Galego

Á asemblea asistiu tamén o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, que explicou a necesidade de reivindicar un convenio galego que unifique nos contidos máis favorábeis os catro existentes. Esta proposta estratéxica, detallada nunha plataforma que elaborou o secretariado nacional da federación de Industria, foi explicada con detalle aos asistentes.