O siderometal de Ourense toma as rúas por un convenio digno

Centos de persoas traballadoras participaron na manifestación para reclamar salarios xustos e unha redución de xornada
Ourense - 21 Mai 2025

Varios centos de persoas traballadoras do siderometal ourensán percorreron onte pola tarde as rúas da cidade en manifestación para reclamar un convenio colectivo digno cunha suba salarial que compense a perda de poder adquisitivo e unha redución de xornada que permita avanzar cara a conciliación laboral e familiar.

A mobilización- que se desenvolveu entre a Casa Sindical e a sede da CEO- foi convocada pola CIG e a UGT en resposta ao bloqueo das negociacións por parte da patronal, cuxa última proposta contempla un convenio a tres anos cunha suba de soldos do 3,5% para 2025 e do 2% para 2026 e 2027, sen redución de xornada e cunha cláusula de revisión salarial que como moito sería do 15% no conxunto dos tres anos.

A oferta inclúe tamén un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros diarios en 2026 e de 3,5 euros en 2027, o que non permitiría compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Pola súa banda, os dous sindicatos consensuaron unha plataforma conxunta ante a posibilidade de que o sector vaia ao conflito que recolle un convenio a dous anos con suba salarial de 100 euros lineais con cláusula de revisión e unha redución de xornada até as 37,5 horas.

Con todo, dende a central nacionalista insisten na necesidade de contar cun convenio galego que blinde a negociación provincial aproveitando a modificación lexislativa que lle dá prioridade aos acordos autonómicos sobre os estatais.