O Siderometal ourensán bótase á rúa por un convenio xusto con salarios dignos
Varios centos de traballadores/as do Siderometal ourensán desafiaron as adversidades meteorolóxicas e mobilizáronse o pasado xoves convocados pola CIG-Industria para reclamar un convenio colectivo provincial digno con salarios dignos. Dende a central sindical anunciaron que nos vindeiros días anunciarán novas protestas ante o bloqueo nas negociacións por parte da patronal do sector.
A marcha arrincou dende a Casa Sindical a última hora da tarde e rematou diante da estación de servizo de Pérez Rumbao tras pasar pola sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), onde os manifestantes se detiveron para berrar consignas reclamando un acordo que permita actualizar os soldos e mellorar as condicións e traballo.
Dende a CIG-Industria sinalan que a principal reivindicación ten que ver precisamente con “algo tan básico” como a actualización salarial para que os empregados/as do sector non sigan a perder poder adquisitivo, ao tempo que lembran que a manifestación “foi un paso máis” no calendario de mobilizacións previsto ante o bloqueo das conversas por parte da patronal.
Ao mesmo tempo, censuran que os medios de comunicación optasen por non dar conta da protesta a pesar de que congregou elevado número de persoas e que percorreu as principais vías da cidade”. “Temen o efecto contaxio nun contexto en que as reivindicacións de actualización salarial constitúen un perigo para o empresariado”, indican.
Lembran que recentes procesos de mobilización por todo o país “se traduciron en vitorias, en avances para os compañeiros/as doutros sectores; sabemos que para traballar o metal hai que quentalo e bater duro nel para levalo ao sitio, así levaremos á patronal ao rego”.
Porque segundo explicaron, a resistencia do empresariado a asumir que os salarios deste ano suban acordo ao IPC do ano 2021 “fai que non quede outra opción que demandar a cláusula de revisión salarial”. Xa que doutro xeito “non faríamos máis que perder poder adquisitivo en plena suba brutal dos prezos”, ao tempo que marcaría a pauta a seguir “para temos o mesmo problema en 2023”.
Finalmente, dende a CIG-Industria de Ourense adiantan que nos vindeiros días anunciarán novas mobilizacións e fan un chamamento aos traballadores/as do sector a continuar reclamando na rúa os seus dereitos laborais e sociais.