O siderometal ourensán clama por un convenio digno para o sector

A CIG e a UGT mobilizáronse o venres na inauguración do Car Outlet e para o martes teñen convocada unha manifestación
Ourense - 12 Mai 2025

Persoas traballadoras do siderometal ourensán mobilizáronse este venres coincidindo coa inauguración do VII Car Outlet para reclamar un convenio colectivo provincial digno, xa que a patronal insiste nunha proposta insuficiente que non garante o poder adquisitivo nin contempla reducións de xornada. Diante do bloqueo das negociacións a CIG e a UGT anunciaron unha campaña de protestas que comezou o venres pasado diante do recinto feiral Expourense e que continuará este martes día 20 cunha manifestación dende a casa sindical ás 20:00 horas.

A proposta achegada polo empresariado na xuntanza celebrada o pasado xoves día 8 contempla un convenio a tres anos cunha suba de soldos do 3,5% para 2025 e do 2% para 2026 e 2027, sen redución de xornada e cunha cláusula de revisión salarial que como moito sería do 15% no conxunto dos tres anos. A oferta inclúe tamén un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros diarios en 2026 e de 3,5 euros en 2027, o que non permitiría compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Pola súa banda, a CIG e a UGT consensuaron unha plataforma conxunta ante a posibilidade de que o sector vaia ao conflito que recolle un convenio a dous anos con suba salarial de 100 euros lineais con cláusula de revisión e unha redución de xornada até as 37,5 horas.

Mais dende a central nacionalista insisten na necesidade de contar cun convenio galego para o sector que blinde a negociación provincial aproveitando a modificación lexislativa que lle dá prioridade aos acordos autonómicos sobre os estatais.

Finalmente, advirten que as persoas traballadoras do sector están dispostas a levar a cabo medidas de presión “máis drásticas” no caso de que a patronal non acepte pactar cun convenio que contemple unha suba salarial digna e con cláusula de revisión salarial e unha redución de xornada.