O sindicalismo de “agarrádeme que lle dou”

Suso Seixo -

As respostas duras que se deron na crise económica iniciada a finais de 2007 no terreo laboral, que tamén as houbo, na maioría dos casos fixéronse a pesar de CCOO e UGT, mesmo as folgas xerais que se terminaron convocando, algunha coa oposición destas dúas centrais

 O sindicalismo españolista, desde que se instalou na política do denominado Pacto Social, pero especialmente nos últimos anos en que a súa integración e absorción polo sistema é xa total, intenta compensar a súa práctica sindical de desmobilización e de colaboración co poder, cunha actitude de ameaza verbal, dirixida á patronal ou ao goberno, de desatar unha tormenta de conflitividade se non ceden ás súas reivindicacións, para finalmente quedar reducida esa tormenta a un pequeno orballo, no mellor dos casos.

 A min recórdame esa actitude á dos típicos fanfarróns que necesitan presumir de valentes diante do respectábel e bótanse cara ao adversario ao berro de “agarrádeme que lle dou”, esperando que haxa sorte e así suceda, evitando así descubrirse que van de farol.  Esta actitude pode que funcione á primeira vez, pero deixa de ter a máis mínima efectividade cando a repites de seguido, pois o teu adversario termina sabendo, desde o primeiro momento, que vas de farol, perdendo polo tanto toda a credibilidade. Isto último é o que leva sucedendo, desde hai moitos anos, entre a práctica sindical de CCOO/UGT e as súas “ameazas” á patronal e ao poder político no Estado español.

 Cómpre lembrar neste sentido, como exemplo desta práctica, a súa actitude durante os anos da crise económica iniciada a finais do ano 2007, período no que se adoptaron polo PSOE e especialmente polo PP, as medidas máis duras contra a clase traballadora desde o cambio de réxime (a chamada Transición). Refírome concretamente ás ameazas destas dúas centrais sindicais de promover “outonos quentes” que despois nunca chegaron. As respostas duras que se deron nesta etapa no terreo laboral, que tamén as houbo, na maioría dos casos fixéronse a pesar de CCOO e UGT, mesmo as folgas xerais que se terminaron convocando, algunha coa oposición destas dúas centrais, viñeron precedidas de mobilizacións e iniciativas promovidas polo sindicalismo nacionalista galego e vasco, así como sindicatos minoritarios españois.

 Durante estes anos de crise, de perda de emprego e de dereitos, estas dúas centrais sindicais terminaron asinando acordos, en materia de negociación colectiva, que supuxeron perda de poder adquisitivo para a clase traballadora (non dubidando, mesmo nalgún deles, en substituír o IPC, como índice de referencia á hora de negociar os incrementos salariais, por outros índices pouco fiábeis e confusos). O seu entreguismo chegou ao extremo de asinar, en xullo do 2014, un novo Pacto Social co Goberno do PP e a CEOE no que non aparecía ningunha crítica ás duras contrarreformas laborais realizadas neses anos, nin se adoptaba ningunha medida que supuxese a recuperación dalgún dos dereitos perdidos coas devanditas contrarreformas, todo o contrario: o devandito Pacto viña na práctica a branquexar e botar unha cortina de fume por riba das súas graves consecuencias para a clase traballadora.

 Este sindicalismo de fanfarronería e aparencia, moi acorde por outra banda co modelo de sociedade na que vivimos, é especialmente practicado pola dirección e os cadros de CCOO.  Manexan perfectamente esa verborrea radical herdada de épocas pasadas máis combativas, pero despois a súa práctica sindical supera moitas veces, en moderación e entreguismo, á da propia UGT, non tendo ningún tipo de escrúpulo á hora de chegar a todo tipo de acordos coa dereita máis conservadora, como é o caso do PP, co que aquí en Galiza teñen especial bo entendemento. Unha central sindical a nivel político “sen ataduras” e a nivel ideolóxico, totalmente integrada no sistema capitalista, buscando liberarse das connotacións derivadas do seu pasado vinculado ao PCE, para así obter o recoñecemento e aceptación dos poderes fácticos, tanto a nivel do Estado español, como internacional. En definitiva, todo un agasallo de luxo para o poder económico e político, que se encarga de premiar os favores dese sindicalismo cun apoio, máis ou menos explícito, nas eleccións sindicais e dándolle un especial protagonismo a nivel mediático. Un apoio que se manifesta con toda a crueza e descaro na Galiza, debido á forte implantación do sindicalismo nacionalista, buscando restarlle protagonismo e presenza á CIG.

 Esta práctica sindical, promovida desde a dirección de CCOO, reprodúcese por parte dos seus delegados/as, nos centros de traballo, perdendo en moitos casos a perspectiva de clase na resposta conxunta a dar, tanto no plano sindical como político. Serían numerosos os exemplos que poderiamos pór, máis eu voume referir a un conflito laboral importante que se está a dar neste momento, como é o caso de Alúmina-Aluminio de San Cibrao. Unha empresa fundamental no tecido económico da Mariña luguesa, que está a pasar por un futuro incerto, e que nestes momentos ten tomada xa a decisión do despedimento de 500 traballadores e traballadoras, só na empresa principal. Pois ben, neste contexto tan duro, a actitude do presidente do Comité de Empresa, de CCOO, nas imaxes que saíron na TV da entrevista que mantivo estes días co presidente da Xunta, e nas declaracións posteriores, parecía máis propias dun encontro entre colegas, que dunha reunión dun representante duns traballadores e traballadoras que poden perder o seu posto de traballo, para esixir da Xunta de Galiza alternativas a unha situación laboral e económica tan grave, así como responsabilidades ao presidente, o sr. Feixoo, por negarse a apoiar medidas como unha tarifa eléctrica galega máis baixa ou o rescate desta empresa para titularidade pública. Agora si, esa mesma persoa, este presidente do comité de empresa, non ten problemas, uns días antes, de facer unhas declaracións aos medios de comunicación, inchando peito e ameazando as autoridades públicas, se o conflito non se soluciona, con recorrer a accións de protesta durísimas. Como as devanditas accións non as promovan e leven adiante outros, como dependan de CCOO, nunca se farán.

 Estamos a falar pois dunha práctica sindical que ten consecuencias moi negativas para a clase traballadora. A efectos prácticos desmobiliza e dificulta levar adiante medidas de presión suficientes e continuadas que permitan gañar conflitos e mellorar en dereitos e condicións de traballo. No terreo ideolóxico, xera na clase traballadora perda de perspectiva de clase, confusión ideolóxica e política respecto de modelos económicos a defender e de quen son os verdadeiros inimigos de clase, así como frustración e desconfianza nas organizacións sindicais. Polo tanto, esa práctica sindical é un caldo de cultivo que facilita á dereita, e mesmo á extrema dereita, poder captar votos e adeptos entre a clase traballadora.

 

[Teo, xuño de 2020]

 

Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras e membro do Secretariado Político da UPG.

Volver