O sistema de puntuación da Xunta para as listas antiincendios deixará a case todo o persoal de SEAGA excluído

Convocan unha concentración diante da consellaría de Medio Rural este luns día 14
Nacional - 11 Xan 2019

Representantes da CIG nos comités provinciais de SEAGA compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para denunciar que o sistema de puntuación para elaborar as listaxes antiincendios  que pretende adoptar Medio Rural co beneplácito dalgunhas organizacións sindicais deixará á maioría das traballadoras e traballadores de SEAGA fóra.

Diana Rodríguez, representante da CIG-Servizos anunciou que, diante disto, convócase unha concentración para o vindeiro luns día 14 de xaneiro, ás 10:30 horas, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, onde está a consellaría (fronte á estación de autobuses).

Con esta mobilización a central sindical quere amosar o seu rexeitamento ás pretensións de modificar o Decreto que a consellaría e os sindicatos da administración están negociando.

A este respecto, Diana Rodríguez explicou que as distintas propostas baralladas por Función Pública para puntuar a experiencia en SEAGA deixa á inmensa mairoía do persoal desta empresa pública excluído.

Por iso exixiu, ao igual que os representantes dos comités provinciais unha solución para as e os traballadoras e traballadores que garanta que non queden sen os seus postos de traballo.