
O sistema do dólar: a máquina de producir desigualdade máis poderosa do mundo

O sistema do dólar é o xerador de desigualdade máis poderoso que endexamais se coñeceu. É o aparello que permite aos países capitalistas centrais, debilitados produtivamente, manter a súa prosperidade absorbendo o valor producido noutros países
A procura actual de alternativas ao sistema monetario internacional baseado no dólar está motivada principalmente pola súa utilización como arma mediante sancións ilegais e unilaterais.
Con todo, a medida que avanza esta procura, medra a conciencia acerca de que o sistema dólar nunca serviu ben ao mundo.
Por exemplo, o informe encargado polo goberno ruso antes da cimeira BRICS de 2024 en Kazán, titulado “Mellora do sistema monetario e financeiro internacional”, sinala que o sistema monetario e financeiro internacional baseado no dólar se caracterizou por «crises frecuentes, desequilibrios comerciais e de conta corrente persistentes, niveis elevados e crecentes de débeda pública e volatilidade desestabilizadora dos fluxos de capital e os tipos de cambio» e que «serve principalmente aos intereses das economías avanzadas».
Podería engadir que é posibelmente a causa máis importante de desigualdade no mundo, dentro das sociedades e entre elas.
En contraste coas opinións liberais que atribúen os conflitos internacionais a desviacións dos principios liberais, incluído o sistema monetario internacional baseado no dólar, ou o realismo que os atribúe a factores «políticos» e «xeopolíticos», este artigo sostén que o sistema do dólar desde a súa raíz produce a desigualdade internacional.
Neste sentido, aliñámonos con perspectivas críticas sobre o capitalismo e o imperialismo como as de Marx e Lenin, Polanyi e Hobson, nas que se basea o meu propio enfoque da economía xeopolítica.
As perspectivas destes teóricos explican como o imperialismo impediu historicamente o desenvolvemento e a igualdade e como o antiimperialismo é unha ferramenta de loita pola igualdade e o desenvolvemento.
Hoxe en día, poderíase dicir que o sistema do dólar é o xerador de desigualdade máis poderoso que endexamais se coñeceu. É o aparello que permite aos países capitalistas centrais, debilitados produtivamente, manter a súa prosperidade absorbendo o valor producido noutros países.
Segundo as estimacións da UNCTAD e Jason Hickel, eses fluxos de valor alcanzaron un máximo de entre 1 billón e 3 billóns de dólares, entre o 10 e o 15 por cento do investimento mundial, e a meirande parte da recente redución débese a que China se librou desa sangría, grazas, por suposto, ao seu desenvolvemento, o que significa, entre outras cousas, a capacidade de impedir aos países imperialistas apropiarse de ingresos gañados polo espolio.
Déixenme explicar.
Existe unha enorme literatura do FMI baseado no dólar, a maior parte dela comprometida cos Estados Unidos e contrariamente a toda evidencia, celebra o eficaz «servizo público do dólar ao mundo” e predí a súa lonxevidade.
Tamén existe unha enorme literatura sobre a financeirización e os seus danos. Con todo, até a miña Geopolitical Economy de 2013 ninguén falaba da súa íntima conexión.
Alí e noutras publicacións, como Capitalism, Coronavirus and War, argumentei que despois de 1971 o sistema do dólar apóiase nos alicerces volátiles de sucesivas financeirizacións, nunha serie de expansións da actividade financeira denominada en dólares, cada unha das cales involucra activos, actores, fluxos e regulacións. Cada unha destas financeirizacións era, por suposto, insostíbel, o que provocaba sucesivas crises.
Cada financeirizacion tivo que ser substituída por outra. Ao aumentar a demanda puramente financeira do dólar, contrarrestáronse a presión á baixa que exercían sobre a moeda os déficits fiscal, de conta corrente e comercial dos Estados Unidos. Esta presión expulsaría o dólar do seu desmesurado papel mundial, como Robert Triffin predixo na década de 1950.
De feito, o sistema financeiro do dólar aumentou enormemente a desigualdade internacional. A seguir, ofrécese unha listaxe incompleta das formas en que isto ocorreu:
- Subvalúa sistematicamente as moedas da Maioría Mundial, o que permite aos posuidores de dólares mercar produtos e servizos da Maioría Mundial a prezos moi baratos.
- Baséase en desequilibrios persistentes que provocan o subdesenvolvemento, xa que non existe un imperativo que impoña a autosuficiencia nin aborde a falta de competitividade.
- Ofrece aos gobernos e empresas da maioría mundial crédito, a taxas de xuros usurarias, non cando o necesitan senón só cando os acredores en dólares necesitan prestar (habitualmente non de forma contracíclica senón procíclica).
O sistema dólar induciu crise de débeda cando as autoridades monetarias occidentais aumentaron os tipos de xuros, como nos anos 1980 e novamente hoxe.
Nas reestruturacións de débeda que seguiron, o principio de responsabilidade dos acredores foi borrado polo FMI e o Banco Mundial, que actuaron exclusivamente como xendarmes das institucións financeiras occidentais, o que deu lugar a nefastos fluxos inversos de capital mediante os cales os países pobres pagaron moitas veces a débeda que orixinalmente contraeran, impondo un atraso económico a millóns de persoas.
Coas crises o sistema dólar exixe o levantamento dos controis de capital para liberar os fluxos de capital que transfiren aínda máis riqueza dos países da maioría mundial aos países capitalistas centrais, xa que os ricos transfiren riqueza para evadir impostos no seu país e participar na actividade especulativa que abunda no sistema financeiro internacional denominado en dólares.
Os estudos empíricos definen que os fluxos de investimento dos países da maioría mundial cara aos países avanzados son un problema importante xa que o sistema desviou o investimento da produción á especulación, debilitando os esforzos de desenvolvemento.
Inflou sistematicamente burbullas de activos: as máis recentes foron a burbulla punto.com, as burbullas inmobiliaria e crediticia e a actual «burbulla de todo».
Un bo número destas burbullas de activos ocorren nos mercados de materias primas, que elevan os prezos dos produtos máis comercializados polos países da maioría mundial.
O estalido das burbullas provoca dolorosas crises financeiras nas que os pobres –persoas e países– son os que máis sofren, mentres que os ricos –países e persoas– obteñen paracaídas dourados.
Estes rescates fornecidos polos gobernos en forma de subsidios e polos bancos centrais como diñeiro fácil, só sentan as bases para a próxima financeirización.
Os paracaídas gobernamentais regularon os sectores financeiros, incluíndo a autorización de libres fluxos de capital, NON para promover a produción e o desenvolvemento senón a especulación, non para unha economía de creadores senón para unha economía de especuladores, non para a xeración de emprego senón para a preservación do valor das reservas ociosas de riqueza.
Esta listaxe das formas en que este sistema xera desigualdade entre países non só é incompleta, senón que exclúe as formas en que xera desigualdade dentro dos países, o que tamén contribúe á desigualdade internacional, en particular ao reducir o mercado mundial e dificultar o desenvolvemento.
Nos Estados Unidos, a desigualdade xerada por este sistema é responsábel da división social, a polarización política e a confrontación cultural que sofre o país e que o levou á beira dunha guerra civil.
Esta crise dos EUA debería ser un sinal para calquera país que pense que pode substituír o dólar pola súa propia moeda e non por unha cesta de moedas.
Hai que lembrar que o sistema tamén promoveu guerras contra países como Iraq e Libia simplemente porque buscaban saír do sistema dólar.
O sistema dólar está a piques de se derrubar polo seu propio peso: razón de máis para idear alternativas. Xa é hora de que avancemos nese proxecto.
[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 12 de xaneiro de 2025]