O SOG, cerna do sindicalismo nacionalista

Manuel Mera -

A fundación do SOG amosaba que o nacionalismo galego, malia as súas debilidades iniciais e as limitacións impostas polo réxime, ampliara a súa base, malia o retroceso que implicou a dura represión contra as folgas obreiras de 1972 en Vigo e Ferrol

 O 1º de Maio de 1975, hai agora 45 anos, nacía o Sindicato Obreiro Galego (SOG) erguendo as bandeiras da unidade, a democracia, a loita contra a explotación, a soberanía nacional e o internacionalismo. A constitución do SOG era lóxica, xa que a Unión do Povo Galego (UPG), co obxectivo da acadar a liberación nacional e social de Galiza, pretendía organizar as clases populares a todos os niveis, e moi especialmente a clase obreira. O primeiro paso foi a creación da Fronte Obreira pola UPG, na primavera de 1973, e ao ano seguinte xurdirían os "xermolos sindicais" que expresaban o rápido espallamento da iniciativa. Estes últimos terían como voceiros boletíns comarcais, que servían de comunicación directa coa clase operaria, tanto para informar como para formar: Xerme na Coruña, Adiante en Vigo, Galego en Compostela, Ferramenta en Ferrol e Obradoiro en Ourense. Neste proceso, entre outros/as, tivo un papel relevante Moncho Reboiras, que foi asasinado pola policía franquista no Ferrol o 12 de agosto de 1975.

 O voceiro nacional do SOG sería o Eixo. Mantíñase deste xeito unha cabeceira que identificaba o sindicalismo nacionalista, xa que este era o nome dun boletín de formación existente, do que saíron seis números, o primeiro en xuño de 1974 e o último en maio de 1976. Polo tanto, durante un ano sairían do prelo estas dúas publicacións en paralelo co mesmo nome e unha finalidade distinta, mais que era complementar. Tamén durante un tempo conviviron co Eixo os voceiros comarcais. En maio de 1977 saíu o último número de Xerme na Coruña, que era o noveno

 O intre escollido para a constitución do SOG non foi ao chou, xa que aproveitaba o simbolismo da data, o Día do lnternacionalismo Proletario. Tamén coincidía no tempo coa convocatoria por parte da ditadura, no marco do “sindicalismo vertical”, de eleccións nas empresas, para o 30 de xuño dese ano. A oposición á ditadura mantivo distintas posturas en relación a este tema. Así CCOO, daquela a maior expresión sindical da oposición ao réxime, participou activamente no proceso, coa escusa de facer entrismo no “vertical”, no que foi gañando presenza. Pola súa banda o sindicalismo nacionalista manifestaba no Eixo de maio dese ano unha oposición rotunda: “boicot á farsa sindical, non á colaboración cos explotadores!”. E denunciaba “a postura vacilante e oportunista doutras forzas que colaboraban coa oligarquía e abandonaban a loita”. Cómpre lembrar que no mes de abril constituíase a Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG) en Portugal, no exilio, que buscaba ampliar a base social do proxecto político para a ruptura na Galiza.

 A fundación do SOG amosaba que o nacionalismo galego, malia as súas debilidades iniciais e as limitacións impostas polo réxime, ampliara a súa base, malia o retroceso que implicou a dura represión contra as folgas obreiras de 1972 en Vigo e Ferrol. Así se reflectiu por exemplo nas nos resultados das eleccións sindicais de 1975 en empresas como Finsa, Genosa e Freire, onde a presenza do nacionalismo logrou unha abstención do 80%, 70% e 69% respectivamente. Un dato: en Finsa traballaba daquela o autor deste artigo, en Genosa e Freire fixérano Elvira Souto e Anxo García Méndez respectivamente.

 Dado que se trataba de empresas de certa importancia en Compostela, A Coruña e Vigo, o SOG saíu reforzado na que foi a súa presentación pública en todo o país. Como xa se dixo Comisións chamaba a participar neste proceso electoral. Outro tanto fixo USO, sindicato vinculado coas HOAC, autoxestionario e de matriz cristiá, que daquela tiña unha certa implantación nalgunhas cidades e empresas na Galiza. Mentres que a UGT, practicamente sen incidencia no noso país, optou por non participar nas eleccións sindicais. Como resultado Comisións Obreiras pasaría a controlar “numerosos postos de vogais e presidentes de distintas agrupacións nas Xuntas Xerais das Unións de Traballadores e Técnicos, sobre todo nos sindicatos provinciais do metal nas provincias da Coruña e Pontevedra (As Comisións Obreiras de Galicia, Gómez Alén, Xerais).

Superando momentos complexos

 Aínda que a ditadura tamén tiña postos os seus ollos represivos sobre o nacionalismo galego, en 1975 procedería cunha maior contundencia. Co gallo do 1º de Maio, a policía detivo o día anterior numerosos militantes da UPG e de ERGA. La Voz de Galicia dáballe cobertura informativa ao tema e reproducía unha foto do material requisado entre os que estaba un cartel que dicía: “Viva o primeiro de maio, liberdade pro povo”. Este xornal relataba que foran detidos 15 estudantes, e que se lles incautou propaganda ilegal, unha multicopista e molotovs. Entre os detidos estaba o anterior secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Este período represivo tivo seu momento máis violento no asasinato de Moncho Reboiras o 12 de agosto. Esta acción policial estivo ligada á detención dalgúns militantes, e o exilio doutros en Portugal, que se sumaron aos que xa estaban nese país irmán. Estes feitos déronlle a UPG un papel destacado diante do sector máis activo na oposición contra a ditadura, e moi especialmente entre a mocidade. Unha repercusión que superaba en moito a súa militancia organizada.

 Mais, este protagonismo mediático do nacionalismo tería sido efémero se o movemento nacional-popular galego (mn-pg) non se tivese centrado nas tarefas reivindicativas, divulgativas, formativas e organizativas das clases populares. Foi quen de rexeitar no estratéxico calquera acción que hipotecase o traballo de masas. O 20 de novembro de 1975 morría Franco, abríndose un novo período político, por máis que houbese sectores do réxime que se negaban a mudar ren, porén a realidade económica e social, tamén o contexto internacional, xogaba na súa contra.

 No período que transcorre entre o nacemento do SOG e a súa primeira Asemblea Xeral, ou sexa, dende maio de 1975 até abril de 1976, o Eixo salienta a conflitividade laboral en empresas como: Barreras, Vulcano, Astano, Psiquiátrico de Conxo, etc. Porén, gran parte do voceiro está centrado na oposición á conxelación salarial e ao pacto social, na readmisión dos despedidos/as, na amnistía total para os presos e presas políticos, na problemática migratoria e en conseguir a unidade obreira coa convocatoria dun Congreso Sindical Galego.

 Á primeira Asemblea Xeral do SOG asistiron como convidados representantes das Comisións Mariñeiras, das Comisións Labregas e da Unión de Traballadores do Ensino (UTEG). Ademais da situación política, laboral e social interna, no documento aprobado analizábase como negativa para Galiza a entrada no Mercado Común, especialmente para o sector agrario. O documento incorporaba unha táboa con reivindicacións no político, sindical e social, para a etapa (vai anexo un pdf cos acordos da asemblea).

O SOG deslígase da AN-PG

 A destitución de Arias Navarro e o nomeamento de Adolfo Suárez amosaba a forza da presión social, especialmente da clase obreira, e que as clases dominantes estaban obrigadas a facer cambios se querían manter a hexemonía. A tendencia confirmouse coa "Lei de Asociacións Sindicais" de decembro de 1976, que abría as portas á liberdade sindical.

 Neste contexto, e co obxectivo de avanzar cara á constitución da central sindical galega, tómase a decisión de desvincular o SOG da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), ou sexa, da fronte política, na que estaba integrado dende o seu nacemento, dando lugar a un intenso debate. Uns poñían o acento no sindicato como forza de vangarda e parte do suxeito político para a liberación nacional, e outros na necesidade de que fose a matriz dunha central sindical de masas nacionalista, dunha organización de base. Pretendíase isto último de xeito que no SOG se ligasen as loitas concretas co proxecto estratéxico, dándolle un maior arroupe popular á construción da liberación nacional e social.

 Esta última sería a postura triunfante, e o tempo amosaría que fora a correcta. Era lóxico que este fose o camiño escollido porque era coherente coa política de masas que viña desenvolvendo o MN-PG. Definiuse o SOG como un sindicato combativo, nacionalista de clase e reivindicativo, podéndoo integrar traballadores e traballadoras que non estivesen vencellados ao nacionalismo político, sempre que coincidisen co programa da organización. Un sector da UPG, autodenominado “liña proletaria” opúxose á constitución dunha central sindical, e afastouse do partido e da futura construción da ING (Intersindical Nacional Galega).

 Estes debates coincidían no tempo coa desaparición do Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), que tivo un curto percorrido, o ano 1976. Nacera coa finalidade de ser un polo alternativo á Platajunta, como proposta galega para acadar a ruptura democrática. O CFPG estaba integrado nun principio pola UPG, Partido Socialista Galego e o Partido Galego Socialdemócrata; posteriormente incorporaríanse o Partido Carlista e o Movemento Comunista de Galicia. O documento inicial recoñecía que a AN-PG era unha alternativa non partidaria de institucionalización do poder popular galego. O proxecto político do CFPG ficou reflectido no documento: Bases Constitucionais para a Nación Galega. As contradicións entre a liña da UPG e a do MCG rematarían con esta experiencia, mais a AN-PG seguiu a reivindicar as Bases Constitucionais como o seu proxecto para a ruptura democrática.

 Outro dos debates importantes do momento foi a saída da militancia da clandestinidade, na que moitos/as levaban anos realizando tarefas políticas. Ademais, sendo unha decisión correcta, tiña certo risco xa que se mantiñan actitudes represivas; como exemplo, a manifestación do 1º de maio en Vigo de 1977 e noutras cidades foi disolvida pola policía e houbo numerosos/as detidos. Porén a inmensa maioría da militancia comprendeu que era un paso necesario, porque implicaba un maior contacto co pobo, e disputar abertamente a rúa significaba un salto político. A militancia que non seguiu está decisión foi unha minoría.

 En xullo de 1977, o SOG fixo pública a composición da súa Dirección Nacional, con Francisco Montes como secretario xeral, acompañado de varios membros da anterior "Permanente" (Xosé Lois Ríos Paredes, María do Carmo Pérez Carballo, Manuel Fernández Rodríguez, Xan Carballo Rodríguez, Margarida Vázquez Vera, Xosé Manuel Fernández Vázquez). Así mesmo, foron cooptados para a Dirección: Miguel Campuzano, Francisco Xabier Alonso, Eladio Pérez González, Antón Arias Curto, Xosé Ramón García Loureiro, Antón Sánchez Rivero, Xosé Casal Rosende e Carlos Neira Suárez.

 Despois das asembleas comarcais favorábeis á autonomía do SOG respecto da AN-PG, xurdiron novas diverxencias no sindicato, que se expresaron na Segunda Asemblea, realizada o 25 de setembro de 1977. Neste caso o debate centraríase na creación da ING, xa que a dirección entendía que o pluralismo sindical era unha realidade sen marcha atrás. Nesta asemblea, a comarca de Ferrol presentou un documento crítico coa creación dunha central sindical e “o abandono do obxectivo da central sindical única e galega”, acusando a UPG de “esquecer a importancia de Galicia Socialista como xermolo do sindicalismo nacionalista”.

 Sen dúbida, o conflito derivaba tanto da escisión da UPG de sectores que daban por fracasada a “ruptura democrática” e que deron lugar ao Partido Obreiro Galego e despois a Unidade Galega, como de sectores afíns ao PSG que se integraran no SOG. Uns e outros non se incorporarían na ING. A ING legalizaríase en maio 1977, coas leis da ditadura sobre a creación de organizacións sindicais aínda en vigor: "O 25 de setembro realizouse en Vigo unha numerosa e tempestuosa asemblea de delegados, aprobándose por amplísima maioría uns estatutos que convertían o SOG en ING, de xeito que se producía a afiliación directa a esta formación". (Do libro: O sindicalismo nacionalista galego (1972-1982), do apartado de Bernardo Máiz).

 Neste período que vai da primeira á segunda asemblea do SOG, o sindicato deu un enorme paso adiante, tanto pola participación nas reivindicacións laborais, como polo aumento da propaganda e axitación, e pola participación nas loitas populares, o que implicou dar o salto dunha organización de activistas a unha cunha afiliación importante para alén do activismo político.  Axudou neste avance que todo o MN-PG axía como un corpo único nos conflitos sociais e políticos: cota empresarial agraria, a loita das Encrobas e a oposición á central nuclear en Xove, etc.. Mais, foi especialmente no eido laboral, onde as organizacións de masas do nacionalismo tiveron un papel chave dado a importancia dun movemento obreiro en ascenso na loita pola xustiza social e a democracia. Por exemplo en conflitos como: Metalúrgica; Cablerías Conductoras; Metal de Lugo; Astano; Endesa nas Pontes; Alúmina-Aluminio; construción, transporte e comercio de Lugo; transporte de Pontevedra; construción de Ourense; Corfi; Planosa; minas da Penouta; etc.

Constitución da ING

 No número 7 do Eixo, de xaneiro de 1977, sinalábase que a dirección do sindicato tomara o acordo de "unirse cos sindicatos de clase galegos e patriotas cos que compartimos un mesmo proxecto de unidade sindical e de liberación da nosa clase". Un mes despois fúndase a lntersindical Nacional Galega, integrada polo SOG, a UTEG (ensino), o SGTM (mar), a UTSG (sanidade) e a UTBG (banca e aforro). No número 10 do Eixo, de maio de 1977, o SOG aparece como integrado na ING, mais aínda haberá sobre o tema os debates internos xa analizados anteriormente. Sería despois do 1° Congreso da ING, realizado o 8 e 9 de outubro en Patos (Nigrán), cando a integración do SOG pasaría a ser definitiva. Coa ING comezaba unha nova etapa no sindicalismo nacionalista. Sen dúbida, o SOG foi un contribución esencial á forza actual do sindicalismo de clase e nacionalista, e sería a estrutura orgánica na que moitos cadros e dirixentes iniciaron a loita a prol da soberanía nacional e a xustiza social na Galiza.

 

 

[Vigo, 9 de xuño de 2020]

Volver