O Supremo ratifica a nulidade do acordo polo que o Goberno de Lugo pretendía suprimir o límite de horas extras do pesoal funcionario

A CIG opúxose por afondar no abuso dos servizos extra e a falta de control sobre a súa prestación
Lugo - 17 Feb 2021

A sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo vén de emitir sentencia desestimando o recurso de casación presentado polo Concello de Lugo. Deste xeito, a xustiza dá a razón novamente á CIG no longo proceso xudicial iniciado aló polo ano 2016, en relación á eliminación do límite para a realización de horas extraordinarias polas funcionarias e funcionarios desta administración municipal.

Na mesa xeral de negociación celebrada o 7 de marzo de 2016, aprobouse a modificación do Regulamento Interno do Persoal Funcionario do Concello de Lugo que, entre outras cousas, supoñía a eliminación do límite na realización de horas extras para o persoal funcionario do Concello de Lugo, co único voto en contra da CIG.

Dende a sección sindical da CIG subliñan que, tal e como ten expresado en numerosas ocasións, "un dos obxectivos e razón de ser fundamentais da Administración Pública é ofrecer servizos públicos de calidade á cidadanía", para o cal é requisito fundamental ter un corpo de traballadoras e traballadores públicos en número suficiente que permita desenvolvelos con eficacia e eficiencia. É misión das organizacións e entidades que actuamos en representación das traballadoras e traballadores públicos velar pola creación de emprego nas Administracións Públicas".

Afondar na distribución irregular dos servizos extras

A eliminación deste límite, ía agravar os problemas que foran denunciados de xeito reiterado pola CIG, co abuso e irregular distribución dos servizos extraordinarios nalgúns servizos municipais, ou a falta de control sobre a efectiva prestación destes. Porén, "o Goberno municipal decidiu naquel momento elevar o acordo acadado na mesa negociadora para a súa aprobación en Xunta de Goberno Local, furtando a posibilidade de debater este asunto co resto de formacións políticas no Pleno, no que lembremos non contaba cunha maioría suficiente que lle permitira levar o acordo cara adiante", sinala a sección sindical.

Esta aprobación foi recorrida pola CIG ao considerar que non se axustaba a dereito, tal e como recoñeceu o xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo en maio de 2018, declarando nulo o acordo da Xunta de Goberno Local por consideralo contrario ao ordenamento xurídico.

Logo desta primeira sentenza favorábel que foi recorrida polo Concello, e mentres o procedemento xudicial avanzaba, o Goberno municipal tentou sen éxito a aprobación deste mesmo acordo polo Pleno. Finalmente, deu marcha atrás nas súas pretensións, elevando ao Pleno en xaneiro de 2019 o proxecto de modificación do Regulamento Interno do Persoal Funcionario do Concello de Lugo, que foi e aprobado nos termos defendidos pola CIG dende un principio, conservando o límite aos servizos extraordinarios.

Nulidade do acordo por invadir competencias do Pleno Municipal

A sentenza do xulgado Contencioso-Administrativo de Lugo, que xa fora confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi agora ratificada polo Tribunal Supremo logo do recurso de casación presentado polo Concello. Na súa sentenza do pasado 25 de xaneiro, o Tribunal Supremo novamente da a razón a CIG na súa demanda, invalidando aquel acordo da Xunta de Goberno Local por invadir competencias que, segundo o alto tribunal, corresponden ao Pleno Municipal, que é quen exerce a potestade regulamentaria.

Este novo revés xudicial ao Concello, que confirma a sentenza en contra do Concello de Lugo, é firme e senta xurisprudencia.

A representación da CIG no Concello de Lugo reitera que "estamos a favor da creación de emprego, non da aprobación sen límite de servizos extraordinarios. Feito que, a día de hoxe, segue a producirse nalgúns servizos baixo a escusa das situacións de forza maior, cando este extremo debera limitarse aos sucesos extraordinarios e imprevistos".

Hai que retomar a negociación

Fronte a esta actuación, defenden a necesidade de retomar a negociación do regulamento de control horario, así como executar, á maior brevidade posíbel, as ofertas de emprego público pendentes de anos anteriores. "A inxusta e dramática diminución de efectivos que está afogando ao noso Concello, coa aplicación nos últimos anos das taxas de reposición, non pode verse agravada pola lentitude na execución dos procedementos selectivos, que fomentan a temporalidade e precarizan a función pública", conclúen.