O traballo, ángulo cego na crise da covid-19

Laurent Vogel - 21 Dec 2020

Apareceu un sistema con dous pesos, dúas medidas entre a saúde nos espazos públicos e a saúde no traballo durante o confinamento. Para o espazo público, as regras de prevención foron drásticas. No caso do traballo, as actividades esenciais foron mantidas, mesmo en situacións nas que a prevención era insuficiente

 Ao longo da crise da covid-19, a cuestión do traballo aparece de forma paradoxal. É un dos principais vectores de contaxio. Como tal, desempeña un papel inmenso nas desigualdades sociais ao longo da pandemia. E, porén, seguiu sendo o ángulo cego das estratexias públicas. Este é sen dúbida un dos factores que contribuíron ao fracaso do desconfinamento na maioría dos países europeos.

 En Europa pódese considerar de forma sumaria que os poderes públicos abordaron a crise da covid en catro etapas. As tres primeiras ofrecen múltiples puntos de comparación co resto do mundo. No caso da etapa actual do reconfinamento, é demasiado cedo para distinguir o que sería propio de Europa e o que anticiparía a situación noutros lugares1/.

O tempo da gran negación e da pequena gripe

 O primeiro momento é o da negación. A expresión máis brutal foi ofrecida polo poder chinés ao comezo da epidemia. O virus aparece en Wuhan, aglomeración industrial que concentra millóns de obreiros dos que moitos se enfrontan á condición precaria de “migrantes internos” sometidos ao control permanente do Estado e aloxados en dormitorios de fábrica. As primeiras reaccións do poder consisten en impoñer o silencio e a proseguimento do traballo. Quen denuncia a situación é reprimido. Li Wenliang, oftalmólogo no hospital central de Wuhan, convocado pola policía o 3 de xaneiro de 2020, é obrigado a facer a súa autocrítica. Cae enfermo da covid o 10 de xaneiro e morre o 7 de febreiro de 2020. Durante semanas cruciais, as autoridades chinesas descartaron e logo minimizaron toda transmisión do virus de humano a humano. A explosión da epidemia entre os membros do persoal sanitario en Wuhan non autorizaba, con todo, ningunha dúbida. O 14 de xaneiro de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) comunicaba aínda que “as investigacións preliminares levadas a cabo polas autoridades chinesas non atoparon ningunha proba clara dunha transmisión de humano a humano”. O confinamento de Wuhan decídese finalmente o 22 de xaneiro ás 20 h como un xiro brutal cuxas condicións foron narradas de forma sobrecolledora pola novelista Frang Fang no seu diario publicado co título de Wuhan, cidade pechada.

 En Europa a negación inicial repousa noutras bases. A visión neoliberal da saúde pública xogou un papel importante. As políticas de austeridade combínanse en Europa cunha xerarquía de prioridades na que a prevención colectiva ocupa o último lugar. A meirande parte dos plans de preparación elaborados tras a pandemia de gripe H1N1 de 2009-2010 foron abandonados sen ningún debate. A expresión máis visíbel deste erro foi a non renovación dos stocks estratéxicos de máscaras de protección. O freado case total do financiamento da investigación fundamental sobre os coronavirus inscríbese na mesma tendencia. Esta investigación coñecera un auxe tras o SARS (síndrome de afección respiratoria severa) en 2003 e o MERS (Síndrome Respiratoria do Medio Oriente) en 2012. A nivel mundial, ningún deles superara o límite das mil mortes. Se se definen as prioridades da investigación a partir dun criterio de ganancia sobre os investimentos, parecía absurdo asignar medios importantes para unha ameaza así. Tal razoamento só ten en conta o pasado.  Os riscos podían ser avaliados de forma diferente á das compañías de seguros. A crise ecolóxica ponnos en contacto de forma moito máis masiva e directa con reservas de virus presentes na fauna. A industrialización da produción da carne crea inmensas unidades de crianza particularmente vulnerábeis aos axentes patóxenos. O recurso masivo ao transporte aéreo contribúe a aumentar os riscos de forma exponencial. Se nada permitía prever a data e o lugar da aparición do SARS-CoV2 (o virus que causa a covid-19), xa fora lanzada a alerta por un certo número de investigacións sobre o carácter inevitábel de pandemias infecciosas moito máis agresivas que no pasado. En canto ao sistema de saúde pública, está concentrado en institucións hospitalarias e descoida tanto a atención primaria como os niveis intermedios como a atención ambulatoria. Para as persoas de idade avanzada, a segregación en residencias, cada vez máis frecuementemente xestionadas por grupos privados, tende a impoñerse malia a demostración das vantaxes en calidade de vida das alternativas non segregadas en países como Dinamarca.

 Cando a ameaza se fixo innegábel en Europa, o peso da patronal foi determinante para acumular os atrasos. O exemplo italiano é o máis revelador. Foi o país europeo máis temperamente afectado. Os dous primeiros casos detectados estaban relacionados con turistas chineses o 31 de xaneiro de 2020 pero, desde a segunda metade de febreiro, numerosos novos casos aparecían sen a menor relación directa con China. A circulación interna do virus manifestouse moi en particular nas rexións industriais do nordeste (Lombardía e Venecia). A patronal lanzouse a unha campaña mediática a gran escala para evitar toda medida de confinamento. En Bérgamo, que se volverá o epicentro máis tráxico da pandemia, Confindustria (a confederación patronal) difundía un vídeo a partir do 28 de febreiro para repetir teimudamente contra toda evidencia: “As nosas empresas non foron afectadas e seguirán adiante, coma sempre”. O hashtag patronal vólvese obsesivo durante todo o mes de marzo: #yeswework. Serán precisas folgas masivas para que o goberno italiano acabe por pechar unha parte das empresas industriais.

O confinamento: unha volta ao esencial?

 A partir da segunda metade do mes de marzo de 2020 foron adoptadas medidas de confinamento na maior parte dos países europeos máis afectados pola covid-19. Estas medidas estaban xustificadas pola propagación moi rápida do virus, a ausencia de terapia eficaz e de vacina, a multiplicación dos falecementos. Pero a desfeita dos sistemas de saúde pública, golpeados por decenios de austeridade, contribuíu tamén a iso. O sistema sanitario corría risco de naufraxio. A traxedia dos falecementos masivos nas residencias de maiores inscríbese neste marco. Ao longo de todo o ano 2019, folgas e manifestacións do persoal das residencias de maiores en Francia denunciaran a degradación das condicións de traballo e dos métodos de administración fundados nunha especie de industrialización desta actividade de traballo incompatíbel co seu sentido real. Persoal insuficiente, aumento da intensidade e a estandarización do traballo, estatus precarios, ausencia de democracia no traballo, estes elementos mortíferos estaban presentes.

 Apareceu un sistema con dous pesos, dúas medidas entre a saúde nos espazos públicos e a saúde no traballo durante o confinamento. Para o espazo público, as regras de prevención foron drásticas. Nunca na historia da humanidade se puxeran en pé no mundo durante un lapso de tempo tan curto medidas tan esixentes de saúde pública. No caso do traballo, as actividades esenciais foron mantidas, mesmo en situacións nas que a prevención era insuficiente. En Europa, a banalización dos riscos no traballo expresouse en primeiro lugar na crise das máscaras de protección. En lugar de recoñecer a súa responsabilidade na non renovación dos stocks estratéxicos constituídos en 2009-2010, a meirande parte dos gobernos pasaron semanas explicando que utilizar máscaras era algo inútil, mesmo contraprodutivo, na maior parte das situacións. Así, o 2 de abril de 2020, Anthony Smith, un inspector de traballo en Francia, foi suspendido pola súa dirección por querer impoñer a distribución de máscas ao persoal dunha asociación que efectuaba atención domiciliaria2/. En Dinamarca, durante varias semanas, proseguiu o traballo nos hospitais mentres a inspección renunciaba a efectuar controis neles considerando que expoñería os seus axentes a un perigo demasiado elevado.

 A definición do que eran as actividades esenciais foi un tema conflitivo. Ninguén puxo en cuestión a necesidade de manter en actividade o sector da saúde ou o da produción de alimentos. Os gobernos adoptaron criterios demasiado amplos de forma que se mantivese a actividade de sectores industriais como a produción aeronáutica ou se permitise a xigantes do e-comercio como Amazon desenvolver a súa actividade.

 Para a actividades que se podían efectuar en teletraballo, esta modalidade foi feita obrigatoria ou fortemente recomendada segundo os países. O teletraballo constitúe un factor de protección efectivo contra a circulación do virus. Presenta, porén, outra faceta diferente: a de desigualdades moi fortes que derivan da posibilidade de adaptar a actividade real a esta organización, das condicións de vivenda e dos accesos tanto ao material adecuado como a conexións de calidade, das dificultades ligadas ao cúmulo de traballo remunerado e do traballo familiar non remunerado. Este último factor pesa de forma moi particular sobre as mulleres. O peche das escolas, a discontinuidade de numerosos servizos relacionados coas persoas con discapacidades, doentes ou de idade avanzada implicaron unha forte agravación da dobre xornada de traballo das mulleres. As tensións psicolóxicas e o “retorno” masivo a tempo completo dos homes ao fogar contribuíron a exacerbar violencias intrafamiliares.

 Dúas opcións se ofrecían para as actividades non esenciais incompatibles co teletraballo: o paro temporal, con asunción de cargas específicas pola seguridade social, e o mantemento de certas actividades non esenciais asumindo o respecto de regras de hixiene (con frecuencia reducidas só ao mantemento da distancia física).

O fracaso do desconfinamento: culpa da xente nova de festa?

 A partir de mediados de maio de 2020 a maioría dos gobernos europeos opta por unha volta progresiva á normalidade. O confinamento produciu resultados alentadores. A taxa de reprodución do virus (Ro) pasou a estar por baixo do nivel 1. As hospitalizacións e falecementos coñeceron unha diminución moi significativa. A finais de maio de 2020 a impresión que prevalecía era que Europa saía da fase máis crítica aínda que unha parte da comunidade científica puxese en garda contra un exceso de optimismo. A pandemia causa estragos entón principalmente no continente americano. É exacerbada alí en parte por factores políticos. Os presidentes dos dous países máis poboados dese continente (Estados Unidos e Brasil) manteñen actitudes de negación moito máis radicais e duradeiras que as súas homólogos europeos3/. Son sobre todo as moi fortes desigualdades sociais as que amplían o impacto da enfermidade. En América latina, para ducias de millóns de traballadoras e traballadores pauperizados no sector informal, confinarse é renunciar a comer. Os poucos mecanismos específicos de axuda social postos en pé son insuficientes. Nos Estados Unidos, as carencias da seguridade social privan a numerosos traballadores e traballadoras de remuneración en caso de ausencia por enfermidade. Isto fai difícil a posta en corentena en canto aparecen os primeiros síntomas. O peso máis masivo das desigualdades sociais pode contribuír a explicar o contraste entre Europa e América. En Europa, o confinamento produciu unha caída moi forte da mortalidade nalgunhas semanas. Da outra beira do Atlántico, redúcese máis lentamente. Hai unha desincronización entre os Estados Unidos, onde a redución da mortalidade é forte de finais de abril a mediados de xuño, e o resto do continente onde o número de falecementos continúa crecendo ata agosto. Asia e África non presentan un cadro homoxéneo: hai zonas particularmente críticas (A India, Medio Oriente e África do Sur) e outras nas que a pandemia prosegue a un nivel relativamente baixo ou parece ser freada.

 En Europa, se a propagación do virus e ralentizou, a pandemia permanece ben presente. Tende a estenderse xeograficamente con subas nos Balcáns, en Europa central e en Portugal, onde o seu impacto fora reducido durante o período precedente. Ao longo do verán, o papel das condicións de traballo e de emprego aparece en múltiples ocasións. Esas alarmas son constantemente ignoradas. As políticas públicas teñen a mirar a outra parte: cara á xente que celebra festas, cara aos comportamentos efectivamente pouco solidarios de cantidade de persoas que intentan compensar a angustia do período precedente. Un xeito de lectura moralizadora parece superpoñerse aos datos sobre os contaxios. Os lugares de lecer son vistos como focos de contaminación que mostran a inmadurez de moita xente nova mentres que os lugares de traballo pasan a un segundo plano. Agora ben, as infeccións no medio profesional seguen sendo importantes en todos os sectores que implican unha actividade de gran proximidade coas persoas. É evidentemente o caso dos coidados sanitarios, pero tamén dos servizos sociais, as prisións, a policía, os transportes colectivos, etc. A partir de setembro de 2020, o ensino engadirase a esta lista. Por outra banda, a multiplicación de focos de infección (clusters) noutros sectores remite á interacción entre malas condicións de traballo, formas de emprego precarizado e a infección. En Polonia e en Chequia, o traballo nas minas estivo na orixe de importantes focos locais ou rexionais. En todo o mundo os matadoiros foron sinalados como centros de propagación da enfermidade. O traballo temporeiro agrícola que se caracteriza por unha extrema precariedade das condicións de traballo, de aloxamento e de transporte está igualmente na orixe de numerosos focos locais4/. A negativa a regularizar incondicionalmente as e os traballadores sen papeis en Europa xogou un papel tanto neste sector como entre as traballadoras domésticas.

 É rechamante o contraste entre a progresión dos datos científicos e a insuficiencia da prevención no traballo. Desde o mes de febreiro hai estudos que alertan sobre a persistencia do virus nas superficies. A transmisión por aerosol está tamén establecida en diferentes estudos a partir de abril. O 6 de xullo de 2020, 239 científicos e científicas lanzan un chamamento demandando á OMS que teña en conta este risco nas súas recomendacións. Sobre o terreo, cando se examinan as prácticas de prevención nas empresas, vese que estes riscos raramente son tidos en consideración.

 Se se observa a curva de falecementos en Europa5/, esta alcanzara o seu nivel máis elevado contra mediados de abril de 2020. Baixa con forza a continuación para remontar aos poucos a partir da segunda quincena de agosto e dispararse en outubro. No curso da última semana de outubro supérase a barreira dos mil falecementos diarios de novo malia unha mellora notábel da asunción terapéutica das afecciones graves.

 A vontade de retomar as actividades económicas a calquera prezo non estivo acompañada polos medios técnicos e humanos para detectar e trazar os contactos das persoas diagnosticadas como positivas. Numerosas e numerosos responsábeis políticos compartiron a ilusión de que as aplicacións informáticas descargadas permitirían substituír un traballo humano minucioso de observación e investigación. Tal traballo tería tamén sido unha ocasión de intercambio de informacións sobre as circunstancias precisas dos contaxios no traballo, a vivenda, os transportes, etc.

 A adhesión á prevención foi reducida pola multiplicación de sinais contraditorios. O traballo era xeralmente presentado como pouco problemático cando a experiencia cotiá deste, nas súas condicións reais, desmentía estas afirmacións optimistas. Doutra parte, demandábase, con razón, manter a garda no resto da vida cotiá tanto se se trataba de actividades festivas como de contactos interpersoais. Se no traballo as regras foron raramente respectadas, por que o foron nas demais actividades? Esta cuestión remite a un problema máis fundamental que atravesa todas as fases da pandemia: unha formulación moi autoritario da prevención.

Reconfinamentos parciais

 A partir de comezos de outubro de 2020, non queda ningunha dúbida sobre a realidade dunha segunda vaga en Europa. Está testemuñada por un ascenso das hospitalizacións, despois dos falecementos, no Estado español desde o mes de agosto. A segunda vaga esténdese sobre territorios máis amplos que os que foran afectados con forza pola primeira ola. O espectro dun afundimento dos servizos hospitalarios volve á palestra cunha inquietude agravada pola constatación dos estragos ligados a un tratamento insuficiente das demais patoloxías. A meirande parte dos gobernos europeos resígnanse a novas medidas de confinamento. Esta vez, no terreo do traballo, todo parece resumirse a unha dicotomía entre actividades que poden ser exercidas en teletraballo e as que deben continuar de forma presencial. Cando unhas actividades son suspendidas, a razón de ser destas medidas non é a protección das e os traballadores como tales senón a limitación dos contactos públicos (peche de establecementos de comercio non esenciais, de ximnasios ou lugares culturais, paso parcial ao ensino a distancia...). Se o paso ao teletraballo se efectuou de forma precipitada en marzo e sen encadramento acaído na lei ou nas negociacións colectivas, a situación seis meses máis tarde non é moito mellor.

Un ángulo cego común

 As políticas sanitarias postas en marcha estiveron centradas nas barreiras: distancia entre as persoas, máscaras, desinfección. Normalmente, ditáronse polas autoridades públicas. O reparto dos roles entre as persoas responsábeis e as expertas foi raramente transparente e con frecuencia foi conflitivo. Unha das ensinanzas esenciais da loita contra a SIDA foi desbotada en beneficio dunha volta con forza dun hixienismo moi reticente cara á achega dos coñecementos non expertos das persoas afectadas. Na maior parte dos grupos de expertos que rodearon a toma de decisión das e os executivos, as ciencias humanas estiveron reducidas á súa mínima expresión.

 Nesta óptica, o traballo redúcese a un lugar de concentración de individuos da mesma forma que pode selo unha cerimonia relixiosa ou unha actividade deportiva. No caso da covid-19, o contaxio por vía respiratoria implica forzosamente que o traballo debe ser considerado como un vector importante de transmisión do virus. É unha actividade colectiva por esencia que implica interaccións múltiples entre persoas e materias. Cnha simple utilización de regras de hixiene destinadas a establecer barreiras espaciais non abonda. Algunhas regras son inaplicábeis, outras supoñerían modificacións importantes da organización do traballo, das normas de produtividade, da marxe de manobra das e os traballadores sobre a súa actividade.

 Os dispositivos estatísticos xogan un papel importante na xestión da pandemia. Constrúen a realidade tanto como a describen. A recollida dos datos foi modelada pola OMS. Trata dos datos individuais (sexo, idade, residencia, factores de comorbilidade6/, hospitalización, eventual falecemento...) e non produce ningún dato sobre a actividade profesional das persoas afectadas ou outros indicadores socioeconómicos. Todo ocorre coma se se tratase de xestionar unha masa socialmente indiferenciada de individuos susceptíbeis de transmitir o virus dunha persoa a outra. Os datos sobre a dimensión profesional só emerxeron progresivamente, de forma moi desigual dun país a outro, combinados ás veces con outros elementos sobre as desigualdades sociais de saúde7/.

 Existe, ao noso ver, unha relación estreita entre estes límites e a vontade política de non situar a cuestión das desigualdades sociais no centro da prevención contra a covid-19. Abrir a prevención á especificidade do traballo, é tamén intervir sobre a correlación de forzas entre as e os traballadores e a patronal nas empresas.

Dúas perspectivas diametralmente opostas

 A protesta desde abaixo despregouse en dúas vertentes. Unha é reaccionaria e apóiase en interpretacións conspiracionistas. Atópase nela unha mestura de racismo (contra as comunidades asiáticas, sobre todo durante as primeiras semanas da pandemia), de reivindicación da liberdade individual como un dereito absoluto, de exaltación viril da toma de riscos, un culto do Produto Interior Bruto (unha baixada deste implicaría máis mortes que a covid-19 na versión académica deste discurso) e unha desconfianza instintiva cara a toda valoración científica. Os partidos políticos de extrema dereita non lograron en xeral encadrar estas reaccións, agás se cadra no Estado español onde Vox, coas súas alianzas rexionais coa dereita clásica, xogou un papel máis activo que a Lega italiana ou o Rassemblement National francés. Esta protesta aliméntase de críticas xustificadas contra a insuficiencia dos dispositivos de protección social (sobre todo en Italia) ou contra a xestión autoritaria da crise. Non presenta ningunha alternativa de sociedade. É unha queixa virulenta pola volta á antiga orde.

 A outra protesta veu do traballo. Ten un potencial radical. En todo o mundo as mulleres estiveron nas primeiras filas na loita contra a pandemia. Nos hospitais, nas residencias de maiores, nos supermercados... foron abandonadas en condicións de prevención desastrosas, aseguraron a supervivencia das e os demais normalmente ao prezo da súa propia saúde. houbo xente que quixo virilizar esta dinámica decretando que se trataba de heroínas. En realidade a resistencia do persoal sanitario apóiase en loitas anteriores nas que se forxaron identidades colectivas.

 A visión hixienista adoptada polos poderes públicos enfróntase constantemente ás esixencias do traballo real e á esixencia patronal de manter a produtividade. A análise dos clusters aparecidos tras o desconfinamento mostra que, en certas actividades, a protección ofrecida por simples barreiras hixiénicas é ilusoria. Noutras actividades impoñen un traballo diferente. Ensinar, facer teatro, conducir un autobús respectando os xestos de barreira crean con frecuencia situacións insostíbeis e unha desestabilización das identidades profesionais. En gran medida, é o traballo real o que alimenta un inmenso potencial de resistencia.

 Este manifestouse de forma intermitente e desigual en función dos países. Aparece, desde o domingo 1 de marzo de 2020, no Museo do Louvre de París onde o exercicio dun dereito de retirada colectivo polo persoal impón un mínimo de medidas de prevención. En Italia do Norte, sucédense moitas folgas en marzo e obrigan a parar un certo número de fábricas mentres que unha revolta desesperada se apodera de certas prisións. Algunhas semanas máis tarde, novos conflitos se desenvolven en Francia para decidir que é esencial ou non desde o punto de vista das e os traballadores. Ás veces son seguidos por decisións xudiciais como na fábrica Renault de Sandouville ou en diferentes centros de loxística Amazon. En Bélxica, é unha esmagadora maioría do persoal condutor de autobuses e tranvías a que exerce o seu dereito de retirada en maio. A dirección puxera en cuestión unha parte das medidas de prevención a fin de preparar o aumento do tráfico ligado ao desconfinamento. Outras loitas colectivas desenvolvéronse en particular entre as e os obreiros agrícolas en Italia para a regularización das e os senpapeis. A característica común destes movementos é facer converxer as esixencias da saúde no traballo coas da saúde pública.

 A democracia no traballo podería ocupar un lugar singular na actualidade dos próximos meses. É unha aposta moito máis que unha certeza. O traballo real non pode ser reducido a un simple espazo no que se poderían aplicar tal cal barreiras hixiénicas. Recoñecer isto é permitir aos colectivos tomar a iniciativa sobre as condicións de produción, valorizar a súa experiencia e repensar o traballo en todos os seus aspectos tendo en conta tanto os imperativos sanitarios como o interese real que representa para a sociedade. Máis aló da covid-19, está en cuestión a esencia da democracia permitindo ás persoas deliberar e decidir cotiamente en que debe consistir a súa actividade produtiva.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

1/ A redacción deste artigo terminou o 1/11/2020. Se se consideran as cifras dispoñíbeis a finais de outubro, Europa é, cos Estados Unidos, a rexión do mundo na que a segunda vaga da covid-19 golpea con máis intensidade.

2/ Baixo a presión dos sindicatos, a ministra francesa de traballo autorizou a recuperación das actividades do inspector o 13/08/2020, pero foi trasladado a 200 km do seu domicilio. Nunha queixa dirixida conxuntamente á Organización Internacional do Traballo, os sindicatos franceses sinalan unha trintena de casos de presións exercidas sobre inspectores de traballo pola súa dirección.

3/ En México, terceiro país máis poboado do continente, a posición do presidente Andrés Manuel López Obrador é moito menos tallante que a de Trump ou Bolsonaro. Concede, así e todo, unha prioridade ao mantemento da actividade económica en detrimento das esixencias sanitarias.

4/ Desde antes da apertura das fronteiras no interior da Unión Europea, concedéronse derrogacións para facer vir masivamente persoal traballador temporeiro agrícola proveniente en particular de Romanía.

5/ Disponse de datos dunha calidade variábel sobre os falecementos declarados que son atribuídos á covid-19. Os excesos de mortalidade global constatados en 2020 en relación aos anos anteriores permiten afinar a análise e ter en conta mellor os límites do rexistro de falecementos pola covid.

6/ O papel das condicións de traballo en certos factores de co-morbilidade como as afeccións pulmonares non foi obxecto de investigación sistemática até o momento. Constitúe, porén, un factor potencial importante de desigualdade ante a morte.

7/ O Instituto Sindical Europeo publicará proximamente un informe sobre os datos dispoñíbeis sobre a covid-19 como risco profesional.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 18 de decembro de 2020]