• Nova

O Transporte de viaxeiros/as prepara as xornadas de folga dos días 27 e 28 de abril cunha manifestación en Santiago

Mañá mércores, 26 de abril, reunirase a Mesa Galega do sector a petición dos sindicatos
Nacional - 25 Abr 2023

Representantes do sector do Transporte de viaxeiras e viaxeiros concentrábase esta mañá diante da estación de autobuses de Santiago para saír posteriormente en manifestación cara o parlamento de Galiza. Con esta mobilización, previa as xornadas de folga convocadas para os días 27 e 28 de abril, lembraban que a súa principal reclamación segue sendo que se negocien os convenios provinciais e que a folga será indefinida a partir do 8 de maio se non se atenden as súas demandas.

As dúas xornadas de folga que terán lugar a finais desta semana atinxen ao transporte interurbano de toda Galiza mais tamén ao transporte urbano no caso das cidades de Lugo e Santiago, que están co mesmo convenio, mentres que no resto teñen convenio propio.

Mesa Galega

Previo ás dúas xornadas de folga está convocada a Mesa Galega do sector, que terá lugar mañá mércores día 26 de abril. A xuntanza foi solicitada polas organizacións sindicais porque, segundo explica Xesús M. Pastoriza, responsábel de Transportes na FGAMT-CIG “entendiamos que sendo unha folga galega, a Mesa Galega é o foro no que temos que negociar o conflito, independentemente de que, segundo se vaia desenvolvendo, sexa necesario despois trasladar a negociación as mesas provinciais”.

Pastoriza lembra que a CIG sempre apostou polos convenios galegos, por un marco galego de relacións laborais, por iso defende que sexa nesta mesa onde se traballe. Afirma que o ideal para o Transporte sería conseguir un convenio galego mais matiza que “sabemos que agora mesmo é difícil, porque as diferenzas son moi grandes. Non se pode comparar Ourense con Coruña, por exemplo”.

Por iso entende que neste marco negociador se poden ir aproximando posturas, de maneira que “nun prazo razoable de tempo se chegara a iso”. Neste sentido subliña que na anterior mesa galega o que conseguiron foi “igualar en todos os convenios o tema da subrogación e agora temos idea de igualar algunhas outras cuestións, sen facer desaparecer os convenios provinciais pero si aproximando posturas de cara a un futuro”.

Poucas expectativas de cara a mañá

O representante da CIG non ten moitas expectativas de que da xuntanza deste mércores vaia saír ningún principio de acordo. “Descoñecemos con que intención vén a patronal”, di, mais engade que “se temos que negociar durante 24 horas para conseguilo, facémolo”.

En todo caso, considera que vai ser máis unha reunión “de preparación de posteriores, de preparar un calendario, de cada quen explicar as súas posturas e facer as súas propostas”. Pero reitera, “se a patronal vén con intención de traballar nós estamos dispostos”.

Complicada situación de partida

A situación de partida é complicada porque nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense as mesas estanse reunindo pero non se producen avances, mentres que en Lugo a comisión negociadora nin sequera se xunta dende o ano 2017. Ademais a patronal parte dunha proposta de incremento salarial que as organizacións sindicais cualifican de “miserenta” por se limitar a un 0.8% para os anos de vixencia dos convenios, sen cláusula de revisión, nun contexto de crise e de alarmante perda de poder adquisitivo por mor da galopante inflación.

As organizacións sindicais reclaman ademais melloras laborais para o persoal acompañante, maioritariamente mulleres que padecen condicións de absoluta precariedade, con contratos de até media hora. Xunto a isto demandan melloras na xornada laboral, no dereito á conciliación laboral e familiar ou nos permisos retribuídos.

O sector do Transporte en Galiza ten cadros de persoal “mal dimensionados”. CIG, CCOO e UGT denuncia incumprimentos reiterados do convenio e “malísimas condicións laborais” que provocan que cada vez haxa menos xente que queira traballar nel.

Responsabilidade da Xunta de Galiza

Coas convocatorias de folga, ademais de avanzar na negociación dos convenios colectivos provinciais e conseguir melloras salariais, laborais e sociais para o persoal, queren tamén apuntar á responsabilidade da Xunta de Galiza polas deficiencias na prestación do servizo e a precarización das condicións de traballo.

Por iso denuncian a negativa de Mobilidade a convocar a comisión de seguimento dos contratos e os concursos deficitarios que sacou o goberno galego,  aos que as empresas concorreron rebaixando as ofertas até un 30% respecto do prezo de saída, co obxectivo de obter os beneficios a conta de rebaixar as condicións laborais do persoal e empeorando o servizo.

Mesmo denuncian o lamentábel estado da flota de autobuses, con vehículos moi vellos, aos que non se lle fai o mantemento adecuado, e que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade de usuarias/os e condutores/as. Autobuses con antigüidades que, nos máis dos casos, non se corresponden co que ofertaron as empresas nos concursos para obter mellor puntuación. Cuestións que tiña que ter en conta a Xunta exercendo o seu labor inspector para garantir que se cumpren os pregos e a seguridade viaria.