O transporte en autobús chega á 11ª xornada de folga coa reclamación firme dun convenio digno
O sector do transporte de persoas viaxeiras cumpre a 11 xornada de folga cun elevado seguimento e coa mesma reivindicación que o primeiro día: un convenio digno que avance en dereitos laborais, salariais e sociais. Unha demanda no camiño contrario do preacordo asinado por UGT, CCOO e a patronal que o sector rexeitou de maneira contundente (70% de votos polo non), pero que agora os seus promotores queren revivir, ignorando a vontade maioritaria do persoal.
A folga reactívase na véspera da reunión da mediación fixada para este xoves, ás 13h, e na que, previsiblemente, UGT e CCOO avalarán un acordo que foi enterrado polo persoal, impoñendo así un convenio que ao sector non lle vale por insuficiente, pero sobre todo, por atacar dereitos xa recoñecidos e por precarizar máis ao colectivo de acompañantes.
Unha xornada con “sensación agridoce”, como definiu Ernesto López Rei, “porque a traizón de UGT e CCOO está presente”. Aludiu aos “ánimos caldeados” que se palpan entre as traballadoras e os traballadores “que o outro día votaron claramente que non ao preacordo e agora se senten humillados e desprezados polas dúas centrais sindicais que hoxe non están aquí, malia ser tamén promotoras desta folga”.
López Rei valorou que pechar os conflitos en falso só provoca frustración e indignación entre as persoas traballadoras do sector “que neste momento se senten desconcertadas pola actuación de UGT e CCOO e non ven satisfeitas as súas xustas reivindicacións”. Neste senso, cualificou de “cooperadoras necesarias da patronal” aos sindicatos españois e reiterou que mentres non haxa convenio, a CIG manterá a mobilización.
Incidiu en que, a pesar de todo, o seguimento nesta xornada de folga está sendo moi elevado, con algúns servizos mínimos saíndo pero pouca actividade nas estacións. Si hai unha maior presenza policial canda os piquetes informativos e a primeira hora da mañá, nas cocheiras de Monbús en Santiago, rexistrouse unha carga policial contra as persoas folguistas.
A este respecto, o responsábel de Transportes da CIG en Compostela, advertiu que “se alguén pensou que ía poder rematar con este conflito pegándolle aos traballadores e traballadoras en vez de negociando, está moi equivocado”. Pavón incidiu en que o sector está unido e, con independencia da posición de UGT e CCOO de asumir os postulados patronais, “segue en pé e reivindicando a plataforma unitaria” que a parte social puxo enriba da mesa ao inicio desta negociación.
Reunión este xoves no Consello Galego de Relacións Laborais
A folga continúa mañá xoves coa atención posta na reunión das 13h no Consello Galego de Relacións Laborais e de se se confirma a traizón de UGT e CCOO ao sector. “Agardamos que non se consume ese atropelo e poidamos avanzar nas condicións demandadas en materia de redución de xornada, incremento salarial, xubilación parcial, melloras do persoal acompañante, etc.”, salientou.
O representante da CIG puxo en valor a determinación amosada polas traballadoras e traballadores neste momento, a pesar da rotura da unidade sindical, "cunha unidade e a unha fortaleza inédita no sector".