FGAMT-CIG: O transporte sanitario do Arquitecto Marcide semella "un servizo de ambulancias low cost"

Esixe do SERGAS que obrigue a empresa adxudicataria a cumprir coas condicións dos pregos

Ferrol -

A FGAMT-CIG de Ferrol reclámalle ao SERGAS que adopte as medidas necesarias para que a empresa adxudicataria do servizo de transporte sanitario do Hospital Arquitecto Marcide, a UTE  Ambulancias Ortigueira, cumpra coa dotación de vehículos e de persoal establecida nos pregos de condicións e non siga pretendendo facer deste servizo "un servizo de ambulancias low cost".

Hai ambulancias para o traslado urxente de doentes que non contan con condutor asignado"

A CIG subliña que o transporte sanitario  presenta numerosas deficiencias e que mesmo hai ambulancias para o traslado urxente de doentes a outros hospitais que non contan con condutor asignado. Isto implica que calquera dos condutores ou condutoras que está de garda teña que deixar as funcións noutro vehículo para realizar dito traslado, o que pode supor demoras. Ás veces, engade Francisco Cartelle, secretario confederal de Emprego, utilízanse as UVI móbiles para trasladar até tres doentes á vez, co conseguinte risco para as/os pacientes. Esta situación, sinala, dáse cada vez con maior frecuencia. 

Xunto a isto, denuncia que as ambulancias de tipo A1 que deberían formar parte do servizo "son inexistentes, agás unha á que nin sequera lle funciona o aire acondicionado". Cartelle matiza que este tipo de ambulancias son de transporte programado -é dicir, non urxente-, e utilízanse para o traslado individual de persoas enferma que non requiren asistencia médica en ruta. Ao non dispor deste tipo de vehículos, a empresa recorre ás ambulancias de tipo A2, que son de transporte colectivo e están acondicionadas para o transporte conxunto de doentes cuxo traslado non revista carácter de urxencia, nin estean padecendo enfermidades infecto-contaxiosas.

"En ocasións as/os enfermeiras/os do Hospital acompañan os/as enfermos/as en ambulancias básicas A2 ( de transporte colectivo) cando o propio sería facelo nas de Tipo C (destinadas a proporcionar Soporte Vital Avanzado)", alerta.

Carencias tamén en equipamento e material

A toda esta falta de medios e á pésima utilización dos mesmos, hai que engadirlle as enormes carencias de equipamento e material, deficiencias na organización e funcionamento do servizo, así como que as ambulancias non cumpren coas características técnicas dos pregos da contratación pública.

A empresa incumpre o prego de condicións na dotación de vehículos e persoal"

 "En definitiva, asevera Cartelle, estase a incumprir o prego de condicións en canto á dotación de vehículos e persoal, así como se está a obviar a lexislación vixente sobre o uso dos vehículos e as características técnicas que estes teñen que cumprir. Estas malas prácticas supoñen un grave risco para os usuarios e usuarias e un deterioro evidente do servizo de transporte sanitario, un servizo fundamental do sistema público de saúde".

Por iso, a FGAMT-CIG de Ferrol reclama o SERGAS que actúe de inmediato e adopte as medidas necesarias para que a empresa adxudicataria "non siga a pretender facer do servizo de transporte hospitalario do Marcide un servizo de 'ambulancias low cost'".

Volver