O Tribunal Constitucional suspende o plan da Xunta que unifica as solicitudes de dependencia e discapacidade

A CIG-Autonómica reivindica a creación de novos equipos e o incremento de persoal, espazos axeitados para traballar e formación
Nacional - 30 Xan 2026

A CIG xa advertira do despropósito que introduciu a Xunta a través da lei  de medidas de acompañamento, xa que baixo as escusa de axilización dos trámites suprimía as  mínimas garantías do procedemento da dependencia e discapacidade na vez de aumentar  persoal nas equipas de valoración. Agora o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso contra estes cambios legais “metidos con calzador” na lei de medidas fiscais e administrativas de 2025 nos artigos referidos ao sector eólico e ao plan para a dependencia e discapacidade.

A admisión implica a suspensión destas resolucións do Goberno da Xunta por atribuírse competencias impropias ao aprobar a Xunta unha norma para obrigar as empresas eléctricas a repontenciar os parques eólicos pasado un prazo de 25 anos; e coa homologación directa pretendida no Plan de axilización e simplificación dos trámites da dependencia e discapacidade, outorgando de facto un grado de discapacidade directamente ás persoas usuarias que teñan concedida a dependencia.

A CIG, ao igual que colectivos sociais e profesionais, xa daquela alertaba que este plan “non era máis que unha lavada de cara ante a opinión pública” diante dos atrasos de máis de 2 anos para a resolución dos expedientes de dependencia. A central informou tamén da dúbida formulada polo goberno do Estado sobre varios artigo da lei e a posibilidade de rematar no TC.

“A improvisación feita de cara á galería sen entrar no fondo da problemática remata coa cualificación de inconstitucionalidade dos mencionados artigos”, critica a CIG-Autonómica. Salientan que esta mudanza no procedemento se tomou “sen contar coa opinión do persoal técnico das equipas de valoración, sen un reforzo efectivo do persoal, desprofesionalizando as traballadoras sociais ao eliminar os até agora prescriptivos informes sociais, permitindo valoracións telefónicas como acontece na actualidade e apostando na realidade por uns incentivos a través dun plan de produtividade que consideramos ineficaz posto que o persoal está sobrecargado e evidencia a necesidade de máis equipas”.

A CIG-Autonómica apunta que se precisa dunha “implementación real da dependencia para todas as persoas que a necesiten, con servizos sociais públicos de coidados de xestión directa, e que tanto a tramitación, a asignación dos recursos e a súa xestión non pretendan o desprestixio do servizo e a súa privatización”. Todo iso, engaden, pasa necesaria e ineludibelmente pola creación de novos equipos e o incremento de persoal, espazos axeitados para traballar, formación específica para todo o persoal e formación inicial para o persoal de nova contratación.