O Tribunal Supremo vén de darlle á razón á CIG no conflito colectivo presentado contra Mercartabria (Gadis) por obrigar ao persoal de caixa, repoñedor, dependente ou encargado a facer tarefas de limpeza dos baños e das zonas comúns alleas ao seu posto de traballo. O alto tribunal, que estima parcialmente o recurso da CIG, condena a empresa a pasar por esta resolución e a cesar nestas prácticas.
A sección sindical da CIG en Gadis leva tempo demandándolle á empresa que remate con este proceder, xa que entre as funcións do persoal definidas no convenio colectivo de comercio de alimentación da provincia da Coruña para os diferentes grupos profesionais non figura a limpeza das zonas comúns, os baños ou os vestiarios dos estabelecementos.
Malia que Gadis pretendía xustificar a realización destas tarefas nunha cláusula adicional do contrato de traballo, o TS aclara que as actividades de limpeza están limitadas ás seccións que o persoal ten asignadas (caixa, panadería, peixería, carnicería etc.) e non poden estenderse a outras zonas das tendas.
O TS aclara que as actividades de limpeza están limitadas ás seccións que o persoal ten asignadas
Neste senso, a sentenza salienta que estes traballos se viñan realizando sen instrucións claras sobre o momento, a forma e os medios; que se empregaba a mesma roupa usada en caixa, reposición e seccións, sen equipamento específico; que non existía unha retribución singular por esta actividade; e que as avaliacións de riscos unicamente contemplaban a limpeza das zonas de traballo propias, pero non as zonas comúns como baños e aseos que ademais “teñen particularidades dende o punto de vista preventivo e incluso de saúde pública”.
De feito, a Inspección de Traballo, tras as denuncia da CIG, xa levantara acta de infracción contra Gadis por falta grave da lei de prevención de riscos laborais, impóndolle a sanción no grao máximo.
A sentenza do TS, que estima parcialmente o recurso de casación presentado pola CIG e anula en parte a sentenza 4374/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, afecta ao persoal encargado, caixeiro, dependente e repoñedor encadrado no Grupo III do convenio colectivo de comercio de alimentación da Coruña que executa traballos que requiren iniciativa, especialización e coñecemento total (técnico e profesional) do oficio desempeñado.
Esta é a segunda vez que a CIG gaña un conflito colectivo na provincia por esta problemática, pois o pasado ano a central recibiu sentenza favorábel do TSXG contra Distribuciones Froiz por obrigar o seu persoal a realizar tarefas de limpeza impropias ao seu posto.