O trío constituínte de América latina

Alfredo Serrano - 03 Xun 2016

Están de moda os golpes. O golpe de estado en Honduras sacou a Zelaya en 2008; o golpe en Paraguai fixo o mesmo con Lugo; e hai días, en Brasil, produciuse un golpe parlamentario contra Dilma.

 En Arxentina, non necesitaron golpe aínda que si houbo unha incesante martelada xudicial e mediática contra Cristina Fernández de Kirchner até lograr que Macri vencese na última cita electoral. Non é unha casualidade que Venezuela, Bolivia e Ecuador sexan os únicos tres países que sobreviven a esta restauración neoconservadora en América latina. Isto logrouse tendo que superar moitas dificultades, mesmo intentos de golpes de estado. Por que será? Por que foron capaces de superar golpes de estado? Por que continúan gobernando Maduro, Evo e Correa a pesar do vento en contra?

 Ninguén pode negar as adversidades que afrontan actualmente estes tres países. Cada un debe lidar de xeito cotián cun escenario interno e externo altamente complexo. En Venezuela, despois de moitas vitorias consecutivas, o 6 de decembro do ano pasado, a Revolución Bolivariana perdeu as eleccións lexislativas. En Bolivia, en febreiro deste ano, Evo Morales foi derrotado nas urnas no referendo de re postulación. En Ecuador, a Revolución Cidadá aínda non sufriu un revés electoral aínda que é certo que na última contenda electoral a nivel municipal, en febreiro de 2014, se perderon cidades importantes, tales como Quito, Guayaquil e Cuenca. É Ecuador precisamente o país que máis preto ten as eleccións presidenciais (febreiro 2017) no que se pon en xogo a continuidade da Revolución Cidadá. O Presidente Rafael Correa manifestou que polo de agora non ten ningunha intención de se presentar, e iso abre un novo escenario electoral.

 Cada país vive a súa propia disputa política nun clima de alta tensión. Venezuela afronta a emerxencia económica derivada da caída dos prezos do petróleo, a insuficiencia produtiva interna e a guerra económica que sofre dentro e fóra. Ecuador enfronta dificultades para superar a restrición externa. A súa economía dolarizada ponllo aínda máis complicado. E Bolivia, a pesar que non ten grandes dificultades económicas, aínda non logra dixerir a recente derrota electoral. Por primeira vez, Evo perdeu. É época para entender por que pasou, e como se pode mirar cara a diante.

 Ningún dos tres países están libres de erros ao longo destes anos de goberno. Porén, o que fora chamado eixo do mal sobrevive á treboada a diferenza de Brasil ou Arxentina. Seguramente, moito ten que ver o proceso constituínte como fortaleza para esta etapa repleta de adversidades. Pasar por alto esta cuestión é descoñecer o significado transcendental na disputa política dunha Asemblea Constituínte. As novas constitucións son a garantía dun novo pacto político, social e económico. Son salvagardas en moitos casos para evitar golpes de estado en chave parlamentaria. A democratización do poder xudicial, como consecuencia da implementación das novas cartas magnas, tamén é determinante para a defensa da democracia. As transformacións institucionais constitúen outro cinto de seguridade en tanto reciclan dos novos e claves espazos, as vellas herdanzas ditatoriais do pasado.

 No económico, as novas constitucións son garantía de soberanía en sectores estratéxicos. Aínda que non o puidesen facer na súa totalidade, si lograron romper cadeas o que os dotou de maior independencia dos poderes económicos en comparación co que sucede con outros países que nunca cuestionaron os Tratados Bilaterais de Investimento e nin sequera procuraron saír das arbitraxes internacionais. Doutra banda, en relación aos dereitos sociais, estes son parte fundamental do novo contrato social. Son innegociábeis. As políticas públicas ficaron en moitos casos plenamente constitucionalizadas.

 Pero tamén hai algo que vai mais alá da cuestión institucional, xudicial e económica. E é que hai unha maioría social que sentiu protagónica desde o comezo constituínte, identificando como propias as novas constitucións. Séntense partícipes do cambio de época. Isto supón unha gran forza simbólica que aínda serve para trazar unha liña divisoria co pasado, co que non se quere a pesar do malestar e cansazo relativo da actual xestión gobernamental.

 Non é momento para durmir tranquilo. Nin moito menos para pensar que está todo feito. Con todo, esta fortaleza constituínte non debe ser menosprezada. Até o momento, a arremetida destituínte en América latina non pode con este trío constituínte. Oxalá dure.

 

[Artigo tirado do sitio web da ‘Celag’, do 28 de maio de 2016]