O TS analizará o réxime de incompatibilidades dos contratos fixos descontinuos en períodos de inactividade

Admitiu a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Administración Autonómica
Nacional - 23 Out 2023

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Administración Autonómica para dirimir se o réxime de incompatibilidades se aplica nos períodos de inactividade dos contratos fixos descontinuos. Continúa así a “liorta xudicial” polo dereito a traballar no sector público nos períodos de inactividade do persoal atinxido por este tipo de contratos.

No 2020, a instancias da CIG, un traballador fixo descontinuo de 6 meses do SPIF gañara unha sentenza que lle outorgaba o dereito a traballar no concello durante o período de suspensión do seu contrato. Naquel momento a Xunta recorreu perante o TSXG e gañou, abocando ao traballador a non poder traballar nos períodos de suspensión do seu contrato ao denegarlle a compatibilidade.

Para a CIG-Administración Autonómica, a interpretación “retorcida” da norma de incompatibilidades que fai a Xunta de Galiza “para asoballar e abusar sobre o seu persoal atenta contra o dereito ao traballo das persoas, o que as aboca a unha vida de miseria xa que teñen que subsistir por debaixo do IPREM (o indicador da pobreza para o 2023 está nos 600 euros brutos mensuais)”.

Por iso, a notificación, o día 17 de outubro,  da admisión a trámite polo Tribunal Supremo do recurso de casación interposto pola CIG sobre o réxime de incompatibilidades do persoal temporal descontinuo é “unha boa nova”.

En concreto, o Tribunal Supremo deberá pronunciarse sobre:

“Determinar se o período de inactividade laboral nas relacións laborais do persoal temporal descontinuo, debe considerarse como desempeño de actividade no sector público e, como tal, suxeito en consecuencia ao réxime de incompatibilidades regulado na Lei 53/1984, de 26 de decembro, de Incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas.”

Ao abeiro desa boa nova, o mesmo día 17 de outubro, na mesa xeral de Orzamentos, a CIG exixiulle de novo á Administración que permita compatibilizar e traballar ao seu persoal fixo descontinuo nos períodos de suspensión do contrato.

A CIG-Administración Autonómica agarda agora “que se faga xustiza” e que o Tribunal Supremo cree xurisprudencia para que a Xunta “non lle negue nunca máis a ningún outro/a compañeiro/a o poder traballar no período de inactividade do contrato”.