O TS falla a favor da CIG e obriga a Xunta a entregar información da comisións de servizo que superen os dous anos
O Tribunal Supremo vén de ditar sentenza dándolle a razón á CIG e obrigando a Xunta de Galiza a informar aos sindicatos das comisións de servizo prorrogadas máis aló dos dous anos, que a normativa marca como prazo máximo neste tipo de provisión de postos na administración pública galega. A resolución do TS -en resposta ao recurso de casación presentado pola CIG- crea xurisprudencia para todas as administracións do Estado.
A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, o secretario de Organización do sector de Autonómica da CIG, Alexandre Prieto, e Manuel González Fernández de Tejada, delegado de persoal de Servizos Centrais na Xunta de Galiza, compareceron este mércores en rolda de prensa para dar a coñecer o contido e a transcendencia desta sentenza.
Burgos comezou explicando que no ano 2021, a CIG interpuxo unha demanda para que a Xunta facilitara a información sobre as 347 comisións de servizo que estaban prorrogadas superando o límite temporal xeral de dous anos. “O tempo máximo, segundo a normativa galega para as comisións de servizo, é de 1 ano máis outro de prorroga. Porén temos detectado comisións de servizo que superan os 11 anos”, advertiu. Con esta medida, a finalidade principal da CIG “era forzar a transparencia na xestión de persoal, frear a utilización da chantaxe ao funcionariado como consecuencia da implantación das comisións de servizo como forma habitual de provisión de postos e instar os concursos de traslados periódicos”.
Ante a negativa da Xunta a facilitar a información solicitada, a CIG presentou un recurso contencioso administrativo, entendendo que “como representantes dos traballadores e traballadoras tiñamos dereito a ser informados ao abeiro do artigo 10.3 de la Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical e do 40.1 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do persoal Empregado Público, aprobado polo Real Decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro”.
A Xunta ten dous meses para facilitar a información
Despois de varios anos de percorrido xudicial, o Tribunal Supremo veu a darlle a razón á CIG e agora a Xunta ten un prazo de dous meses para entregar unha copia das resolucións polas que se concederon as diversas prórrogas de cada unha das comisións de servizo dunha duración superior a dous anos, e os informes dos centros directivos competentes por medio dos que se xustificou ou motivou a necesidade e urxencia das prórrogas acordadas de cada unha das 347 comisións que figuraban na demanda.
“Pero este non foi un camiño sinxelo”, valorou Burgos, pois a Xunta tentou argumentar que “pola protección de datos persoais das persoas traballadoras non nos tiña que facilitar a información que solicitábamos”. Porén, o Tribunal Supremo sentenciou que a administración debe facilitar eses datos pseudoanonimizados, xa que mediante este proceder se respectaría o dereito á protección de datos das persoas traballadoras e o dereito da CIG á vixilancia sindical das cuestións laborais que o requiran.
“Para nós este é un paso máis na defensa do que debe ser a transparencia na xestión de persoal. Levamos tempo advertindo de que a Xunta de Galiza abusa da cobertura de prazas mediante a figura da comisión de servizos na vez de implementar os concursos de traslados cunha perioricidade axeitada”, salientaron. A propia sentenza o TS recoñece que a prórroga das comisións de servizo mais aló dos dous anos escapa ao principio xeral de provisión de postos mediante convocatoria pública e concurso (artigos 78.1 e 79.1 do EBEP) e xustifica a vixilancia sindical.
Resalta, ademais, que non debe esquecerse que as comisións de servizo escapan ao criterio xurídico xeral que consiste en que as Administracións Públicas provean os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade (artigo 78.1 EBEP), así como que o concurso debe ser o procedemento normal de provisión de postos de traballo (artigo 79.1 EBEP).
Por iso conclúe o tribunal que a petición da CIG resulta razoábel e as persoas delegadas sindicais poden solicitar información e vixiar a política de persoal nesta materia. “Cómpre lembrar que na Administración autonómica galega a provisións de postos por comisión de servizos é totalmente subxectiva e a Xunta négase a negociar un baremo para que non sexa unha cobertura ‘a dedo’”, criticou Burgos.
A representante da CIG destacou a importancia desta sentenza do máximo tribunal xa que senta xurisprudencia, “e é de aplicación á totalidade das administracións de todos os ámbitos do Estado”.
O 90% da comisións de servizo, en situación irregular
Pola súa parte, Manuel González apuntou que dende o 1 de xaneiro de 2021 (data na que a CIG presenta a denuncia) adxudicáronse 4.714 comisións de servizo, das que 2.472 foron na provincia da Coruña (onde están os servizos centrais da administración galega), 939 en Pontevedra, 591 na provincia de Lugo e 585 en Ourense. Explicou tamén que, segundo os datos recollidos, neste período renováronse 7.099 comisións “a maioría en situación irregular xa que superan os dous anos de antigüidade”. Salientou que a media de comisións de servizo que se adxudica por día é de 5 e a media das renovacións acada as 9. “É dicir, estamos falando dunha media de novas adxudicacións e renovacións de 14-15 comisións diarias”.
Para dimensionar o abuso desta fórmula de provisión, González tirou do seguinte dato: dende xaneiro de 2021 producíronse 10.000 actos administrativos polos que se deron comisións de servizos. Hai que indicar que o corpo xeral de persoal funcionario da Xunta (excluíndo persoal docente e persoal estatutario de Sanidade) está conformado por, cando menos, 15.000 persoas. “A día de hoxe podemos dicir que o 90% das comisións de servizo están en situación irregular porque son prórrogas que non tiñan que terse concedido”, denunciou.
Esta anomalía, incidiu, prodúcese porque a administración non convoca o concurso de traslados coa periodicidade que marca a normativa e ademais demora anos na súa resolución.
A CIG estará vixilante
Por todo iso, a CIG seguirá vixilante e “seguiremos insistindo en que as persoas traballadoras da Xunta de Galiza teñen dereito ao acceso a un sistema de provisión de postos con carácter definitivo que garanta a transparencia, a igualdade e a obxectividade e que non teña o persoal coa daga enriba da súa cabeza coa fin de que os funcionarios e funcionarias públicas sexamos máis servís”.
Neste senso, denunciouse que a practica de de gardar postos para “comisionar” é algo habitual na administración galega gobernada polo PP. “Non sacan todas as vacantes nos concursos de traslados, o que prexudica a mobilidade do persoal que ten que acudir a solicitar comisións de servizo para poder achegarse a casa ou promocionar”.
Máis control e presión sobre o persoal funcionario
A representación da CIG advertiu que o emprego das comisións de servizo “só é un chanzo máis no control do persoal funcionario ao que buscan presionar con todas as fórmulas posíbeis para que cumpran os obxectivos da Xunta do PP, moitas veces con intención partidista”.
Como exemplo expúxose a tentativa do Goberno galego de aprobar por decreto en pleno verán e apenas sen tempo para coñecer a proposta “e moito menos poder negociala”, unha Avaliación do Desempeño "que non busca que o persoal empregado público sexa máis efectivo, senón un maior control a través das xefaturas que de forma subxectiva van poder remover do posto ao funcionario/a, retirar o cobro do complemento salarial de carreira ou incluso condicionar vindeiras comisións de servizo”.