O TSXG anula o proceso polo que se enchufara a 69 funcionarios/as da Deputación de Ourense

Fixa un prazo de dous meses para que os beneficiados con postos de alto nivel volvan aos seus traballos
Ourense - 19 Set 2019

A Sala Especial do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso de casación interposto pola Deputación de Ourense contra a sentenza do propio TSXG que confirmara a decisión do Xulgado contencioso administrativo de anular as bases reguladoras e a convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo no ente provincial.

Dende a central lembran que se trata da cuarta resolución xudicial que lle dá a razón á CIG sobre a ilegalidade do concurso ordinario que dende finais de 2016 organizou e convocou a Deputación de Ourense para adscribir a 69 funcionarios/as en postos de traballo de alto nivel. 

No caso de que a Deputación non cumpra o prazo a CIG poderá pedir a execución forzosa da sentenza

Trátase dun auto e firme contra o que non caben máis recursos, polo que a Deputación ten un prazo de dous meses para cumprir o disposto na sentenza orixinal, do xulgado do contencioso administrativo número 2 de Ourense, que ordenaba anular as bases reguladoras e a convocatoria do concurso ordinario organizado.

No caso de que non se cumpra este prazo a CIG poderá solicitar a execución forzosa da sentenza e, mesmo que se impoñan multas coercitivas aos responsábeis políticos/as que a acaten.

Categoría, posto e soldo anterior ao concurso

O cumprimento da sentenza supón que a Presidencia da Deputación ten que ditar unha resolución acordando a anulación das bases e do concurso e, consecuentemente, anular tamén as 69 adxudicacións de postos de traballo e de categorías realizadas a favor dos funcionarios/as que participaran nel; atribuíndolle ademais a categoría, soldo e posto que tiñan antes do concurso.

Esta resolución anulatoria afectará a 69 funcionarios/as, que deberán volver aos seus postos de orixe e perder os beneficios que irregularmente lle concedera a Deputación.

Dende a CIG amosan a súa satisfacción polo pronunciamento xudicial, ao tempo que agardan que a Deputación “non nos obrigue a ter que executar forzosamente a sentenza, porque iso implicaría que nos atopariamos na obriga de presentar denuncia contra os gobernantes que non cumpran o mandato xudicial”.