O TSXG condena a IBERMUTUA a readmitir o director provincial de Lugo ao despedilo como represalia

A sentenza condena tamén a mutua a abonarlle unha indemnización polos danos morais causados
Lugo - 29 Xan 2021

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar sentenza confirmando a resolución  do Xulgado do Social nº 3 de Lugo, na que se condena a IBERMUTUA (resultado da fusión de Mutua Gallega e Ibermutuamur) a readmitir o Director Provincial, responsábel dos centros da mesma en Lugo e Celeiro, así como a pagarlle unha indemnización por danos morais, xa que considera que o despedimento se produciu como represalia e como reacción á súa declaración como testemuña nun proceso xudicial dunha compañeira de traballo.

Este fallo xudicial, dada a relevancia económica do despedimento e a dimensión da entidade, considera que o empregado, con máis de 37 anos de antigüidade na mutua e moi coñecido no ámbito empresarial da provincia, foi despedido “sen ser probados os feitos imputados” e como “represalia” pola súa intervención como testemuña no proceso xudicial iniciado por outra traballadora contra empresa por cesión ilegal.

O TSXG é rotundo declarando o despedimento como nulo por vulneración de dereitos fundamentais, condenando a mutua a readmitilo nas mesmas condicións laborais que tiña, ao pagamento dos salarios deixados de percibir dende a data da rescisións (25/06/2019) e a abonarlle unha importante indemnización polos danos morais sufridos. Ademais de imputarlle á empresa as costas procesais.

Comportamento inaceptábel

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, subliña o motivo do despedimento "claramente foi unha represalia" e cualifica esta conduta por parte da mutua de "inaceptábel e inquisidora", estando moi afastada "do que deberían ser os principios deste tipo de entidades sen ánimo de lucro" e que realizan unha función de colaboración coa Seguridade Social.

A este respecto, Niño valora que "en vez de dedicarse a perseguir os seus empregados e empregadas, a mutua debería ter máis preocupación por ofrecer unha mellor cobertura e protección aos traballadores/as, e máis aínda no ámbito galego, pois o proceso de fusión, lonxe de mellorar a asistencia e protección das persoas ás que da cobertura, o que está a provocar é unha continuada modificación substancial das condicións laborais e sociais para o persoal da entidade".