• Nova

O TSXG condena o Concello de Monterroso a indemnizar as traballadoras do SAF por danos morais

O Goberno municipal obrigounas de forma ilegal a prestar servizos os días 24 e 31 de decembro de 2020
Monterroso - 24 Mar 2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar sentenza ratificando a sentenza do Xulgado do Social nº 3 de Lugo pola que se condena o Concello de Monterroso a indemnizar as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar por dano moral, despois de obrigalas de forma ilegal mediante unha Modificación Substancial das Condicións de Traballo (MSCT) a traballar nas xornadas do 24 e 31 de decembro de 2020. Así, o Concello deberá de indemnizar a cada traballadora coa cantidade de 50€ + xuros legais por cada un dos dous días que traballaron.

A propia CIG advertiulle por escrito ao Concello que os días 24 e 31 de decembro non eran laborábeis, e que estaban a incorrer nunha situación de MSCT, ao que o Goberno municipal respondeu reafirmándose na súa decisión e na legalidade desta, sen ofrecer ademais  alternativa de ningunha medida compensatoria, tal e como recolle a sentenza do TSXG.

A CIG amosamos a satisfacción por esta sentenza ao conflito colectivo presentado pola central sindical, posto que a adopción de dita medida fora un acto "de prepotencia, desprezo e caudillismo do Goberno municipal cara ás traballadoras do servizo". Agora esta resolución, subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, "entendemos que vén restaurar a honorabilidade e profesionalidade das traballadoras do servizo fronte ás difamacións vertidas publicamente, mesmo en pleno municipal, pola propia alcaldesa, Rocío Seijas, que durante o proceso de privatización do servizo utilizou dunha forma miserable a presentación desta demanda, presentándose ademais como vítima, e utilizando a mesma como un dos argumentos para xustificar a privatización do servizo".

A CIG entende, ademais, que a alcaldesa debe pedir desculpas  publicamente ás traballadoras no pleno municipal (foro que utilizou para difamar contra elas pola existencia desta demanda) polo dano moral que se lles infrinxiu e pola utilización perversa do seu dereito á defenderen o respecto ás súas condicións laborais para xustificar unha medida de privatización do servizo público, "utilizando unha decisión ilegal cometida pola alcaldesa para desacreditar o traballo e profesionalidade das traballadoras do servizo".

A CIG convida tamén o Goberno municipal a rectificar na súa soberbia e caprichosa política de persoal, posto que este tipo de practicas o único que fan é enrarecer o clima laboral.