O TSXG declara nulas as encomendas de xestión a Tragsatec para a elaboración dos informes de patrimonio

Tras a demanda da CIG, o tribunal sentenza que estas funcións son competencia exclusivas do persoal funcionario
Nacional - 25 Xan 2022

A Xunta de Galiza acaba de recibir un novo revés xudicial na súa política de externalización das tarefas que son propias do seu persoal. O TSXG estimou completamente a demanda presentada pola CIG e a sala 2 do Contencioso Administrativo vén de anular a resolución do 21 de decembro de 2020, pola que foi publicada unha encomenda de xestión a Tragsatec para realizar os informes técnicos de obras e actuacións que afectan ao patrimonio cultural.

Dende o ano 2018 a Consellaría leva nove encomendas cuxo importe total, subliña o sector de Autonómica da CIG-Administración, xa ascende a máis de dous millóns de euros. A sentenza declara ilegal e anula o último contrato vixente, cargándolle ás costas á Xunta e evidenciando ao longo das súas 32 páxinas “o mal facer” da administración galega.

A Xustiza, engade a CIG-Autonómica, é clara cos seus argumentos neste fallo:

  • Afecta a competencias propias da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e do seu servizo de arqueoloxía, xa que están previstas prazas na RPT e a escala na LEPG.
  • Trátase de funcións exclusivas de persoal funcionario público (xa que estes informes técnicos teñen que garantir a salvagarda de intereses xerais e o valor probatorio dos informes).
  • Non se xustifica a urxencia cando se enlazan encomendas sucesivas.
  • As funcións encomendadas non concordan co obxecto social da empresa Tragsatec e tampouco ten a consideración de medio propio.
  • A empresa Tragsactec contratou a 16 das 17 persoas que tiñan que realizar as funcións encomendadas, polo que se demostra que non tiña suficiencia técnica nin persoal, constituíndo unha infracción aos requisitos de suficiencia, eficiencia e ideonidade.
  • Nas listas de contratación da Xunta había máis de 130 arqueólogos/as, polo que non se xustifica tampouco o argumento de falta de persoal.

A CIG-Autonómica valora positivamente esta sentenza “que pon freo á proliferación descontrolada de encomendas e asistencias técnicas da Xunta nos últimos tempos, xa que para dar validez probatoria a un informe de obras e actuación que afecten a intereses xerais como o patrimonio cultural, a saúde pública ou o medio ambiente, estes deben ser realizados por persoal  funcionario público”.

Cartos para Tragsatec cando faltan prazas estruturais

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no ano 2018, decidiu que para facer os informes técnicos de arqueoloxía era máis doado delegar en Tragsatec que crear prazas de arqueólogos na RPT, ou mesmo cubrir as que tiña vacantes.

A CIG xa advertiu da desfeita destas encomendas ao consideralas ilegais “por extraer da esfera pública un traballo que só debería facer o persoal funcionario”, pero a Dirección Xeral fixo caso omiso e repetiu as encomendas ano tras ano.

Ademais, por esta vía estase gastando unha inxente cantidade de diñeiro que podería servir para crear esas prazas estruturais en RPT da escala de arqueólogos/as, tan necesarias na consellaría.

Mención á parte da fraude que se lle facía ás persoas apuntadas nas listas de contratación, que eran directamente ignoradas nos seus dereitos ou mesmo contratadas de novo por Tragsatec; pero con peores condicións económicas e laborais.

A CIG denunciou esta situación e interpuxo o contencioso que acaba de resolverse, “botando por terra todo este amaño e anulando a encomenda de xestión feita por Patrimonio Cultural, que ilegaliza todos os actos e institúe as funcións de inspección, elaboracións de informes e asesoramento técnico nos corpos funcionariais.  Neste caso tocou a escala de arqueólogos, pero serve de advertencia para outras consellerías (Política Social, Mar, Medio Rural) que andan practicando a mesma dinámica de externalización do traballo”.