O TSXG desestima o recurso de Pescanova contra a anulación da sanción a unha traballadora que denunciou acoso sexual e laboral 

A sentenza recoñece a vulneración do deber de protección e ratifica indemnización por dano moral
O Porriño - 22 Abr 2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso presentado por Nueva Pescanova contra a anulación da sanción imposta pola empresa a unha traballadora que denunciou acosa sexual e laboral por parte dun encargado. A sentenza condena a compañía de alimentación por vulnerar o dereito e deber de protección e ratifica a indemnización por danos morais para a afectada.

O Xulgado do Social número 5 de Vigo anulara o ano pasado a sanción a unha empregada do Centro Industrial do Porriño que denunciara diante da empresa acoso sexual e laboral por parte dun encargado, condenando a compañía por vulnerar o seu dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo e fixando unha indemnización para a afectada de 6251 euros. 

A empresa activou un protocolo de acoso pensando máis nos seus propios intereses que na vítima

A partir da denuncia da traballadora Nueva Pescanova activou un protocolo de acoso “moi particular, pensando máis nos seus propios intereses que na vítima, denunciara no seu día Ester Mariño, técnica de Igualdade e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo. Durante o proceso a compañía cometeu “todos os erros” que se poden cometer neste tipo de procedementos, “comezando por vitimizar dobremente a compañeira afectada, á que chegan incluso a cambiar de posto de traballo, mentres que o denunciado segue no seu”.Ademais a empresa fixo todo o posíbel para entorpecer a comisión de acoso encargada de investigar a denuncia, que se pechou asegurando que non existían probas que demostrasen o acoso.

A partir de aí a dirección decide amoestar por escrito a traballadora acusándoa de entorpecer o traballo da comisión de acoso, feitos que a compañía cualifica como moi graves. ”Obviamente impugnamos a amoestación no xulgado reclamando a súa nulidade, e o xuíz non só nos dá a razón senón que condena tamén a empresa por vulneración do dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo e fixa unha indemnización para a traballadora”. Esta sentenza foi contra a que Nueva Pescanova presentou o recurso no TSXG que agora vén de ser desestimado.

A resolución xudicial que se vén de coñecer incide en que a sanción imposta pola empresa vulnerou o dereito da traballadora a non ser discriminada polo feito de ser muller, establecendo que esta amoestación ataca directamente este dereito fundamental. Ao mesmo tempo, evidencia que Nueva Pescanova incumpriu o deber de protexer os dereitos desta traballadora ante o acoso e a discriminación por cuestión de sexo.