O TSXG estima a demanda da CIG concedendo a traxectoria profesional ao persoal interino

Obriga á Administración a substituír os artigos anulados por outros que fixen ese dereito

Nacional -

O TSXG vén de estimar a demanda interposta pola CIG, recoñecendo o dereito do persoal funcionario interino á traxectoria profesional. Unha sentenza que non afecta en modo algún ao persoal titular que xa está a cobrar a traxectoria, tal e como o especifica o propio Tribunal.

O pasado outubro a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG emitía sentenza estimando o recurso interposto pola CIG contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza, do 30 de xuño de 2020, pola que se fixo público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, alcanzado o 10 de xuño entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CCOO para a implantación dun sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía ao persoal interino.

A Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima a demanda e anula as disposicións impugnadas pola CIG por ser contrarias a dereito. Declara, expresamente, o dereito do persoal funcionario interino a participar na traxectoria profesional deseñada pola resolución do 30 de xuño e obriga ademais á Administración a substituír os artigos anulados por outros que fixen o dereito do persoal funcionario interino da Administración de Xustiza de Galicia a participar no sistema de traxectoria profesional en igualdade de condicións que o persoal funcionario de carreira, así como o seu dereito para acceder aos réximes ordinario e extraordinario de acceso aos distintos graos do sistema.

Xunto a isto, o TSXG condena á Administración á publicación dos acordos de anulación e substitución no DOG.

A CIG-Xustiza considera que esta sentenza reforza outras moitas xa ditadas por distintos xulgados do contencioso-administrativo de todo o país, en demandas individuais do persoal interino afiliado á CIG, nas que se condena á Administración a tramitar as súas solicitudes presentadas e que no seu día lles foron denegadas por non ser funcionarios de carreira.

“Sálvase, con estas sentenzas gañadas pola CIG, a traizón e desprezo ao persoal interino dos
sindicatos ‘colaboracionistas’ asinantes do acordo de implantación da traxectoria profesional que, de xeito intencionado e para contentar á Administración, os excluíron do acordo”, afirman. 

Con todo denuncia que “algún, actuando en contra dos seus propios actos, quíxoo remediar dicíndolles ás compañeiras e compañeiros interinos que recorresen e ofrecéndolles os seus servizos xurídicos (primeiro asino o acordo e exclúote e despois ofrézome a facerche o recurso)”.

Volver