O TSXG impídelle a Alcoa San Cibrao facer efectiva a parada das cubas

A CIG reclama accións inmediatas dos Gobernos para evitar que a empresa desmantele a factoría

Cervo -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir auto polo que estima en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, ordenándolle a Alcoa "absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas" en tanto non haxa sentenza de impugnación do ERE.

Fronte ao discurso de Alcoa, a decisión do TSXG reforza a evidencia do dano irreversíbel que suporía a parada das cubas de electrólise, así como a complexidade técnica e o elevado custe deste proceso. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que tras deste auto "o Goberno non pode agardar máis para actuar, xa non ten escusas para impedir que o terrorismo patronal de Alcoa campe as súas anchas ameazando con executar os despedimentos e desmantelar a fábrica".  

Carril reitera que as solucións para a fábrica de San Cibrao non están nos xulgados senón que dependen unicamente das decisións políticas do Goberno español e da Xunta de Galiza. Por iso, insta a ambas administracións a aproveitar o tempo e pór en marcha de inmediato os mecanismos legais para efectivizar a nacionalización da planta.

"Alcoa xa demostrou que non interese ningún en vender a fábrica, senón ao contrario, está boicoteando todas as propostas de solución. Neste punto, a única garantía de futuro industrial para A Mariña está na intervención pública, xa sexa mediante unha expropiación ou  outro mecanismo alternativo. Esta medida é viábel, legal e non hai nada na lexislación galega, española ou europea que o impida, tal e como quedou acreditado no informe elaborado pola UdC a petición da CIG.  O que está claro é que os Gobernos deben actuar para impedir que a multinacional poida executar o plan de desmantelamento e despedimentos, que inevitabelmente levarían ao peche da fábrica e á ruína da comarca", asevera.

Neste senso, reclama que se fixe xa a data da reunión da Mesa Multilateral para abordar en común os seguintes pasos a dar e que se concrete un calendario de actuacións para a intervención efectiva da planta.

Volver