O TSXG obriga a incluír ao persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta na carreira profesional

A CIG presentou a demanda tras CCOO e UGT sacrificar a este persoal nun acordo discriminatorio

Nacional -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de obrigar a incluír ao persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta de Galiza no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional. A sentenza, ditada a raíz da demanda presentada pola CIG-Administración Autonómica, foi cualifica pola súa responsable nacional, Zeltia Burgos, como “demoledora”.

O Acordo de concertación asinado entre a Xunta CCOO e UGT e o seu desenvolvemento co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional, excluía ao persoal funcionario interino e laboral temporal do dereito a solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional e, polo tanto, de cobrar a mesma. O determinante para acceder, segundo a sentenza, non é se o posto se desempeña con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.

Esta foi unha das razóns polas que a CIG non asinou este acordo que, ademais, condicionaba ao persoal laboral fixo coa obriga da funcionarización para acceder ao sistema extraordinario. “Unha chantaxe pola que tamén interpuxemos outra demanda ante o TSXG, e da que estamos pendentes do xuízo”, sinala Burgos.

Sentenza “demoledora”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimou a demanda nunha sentenza “demoledora”. A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica entende que “con este novo golpe xudicial á Xunta, demostramos que non valen as chantaxes e que non se pode excluír ao persoal laboral temporal e funcionario interino do dereito á carreira”.

Tamén no caso do Consorcio emitiuse xa a primeira sentenza gañada recoñecendo o dereito ao persoal fixo a acceder ao sistema extraordinario de carreira profesional, algo que con esta nova sentenza do TSXG cobra máis forza.

Dos fundamentos de dereito despréndese que a aplicación do sistema extraordinario ten que abranguer con carácter universal a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra os requisitos de ter cinco anos de antigüidade e os fixados no artigo 2 do acordo, sen que caiba discriminar por razón da existencia dun vínculo temporal ou permanente coa administración.

A sentenza non declara a nulidade da Orde, polo que todo o persoal que xa accedeu ao sistema extraordinario conserva os seus dereitos e seguirá cobrando a carreira profesional, pero si anula “... por contraria ao ordenamento xurídico, a mencionada Orde, na medida en que se exclúe ao persoal laboral temporal e aos funcionarios interinos…”, e por tanto obriga a incluír a este persoal no seu ámbito subxectivo.

Por iso Burgos afirma que “parece inconcibible que CCOO e UGT sacrificaran a este persoal nun acordo discriminatorio”.

A CIG-Administración Autonómica  exixe á Xunta de Galiza que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito subxectivo do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2019.

De paso, apunta Zeltia Burgos, “que isto serva de acicate para sacar a CCOO, UGT e á Xunta do limbo da inacción e se poña en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2”.

Xunto a isto exixen que non se recorra a sentenza no Tribunal Supremo, “tendo en conta xa a clara xurisprudencia ao respecto, exposta nos propios fundamentos da sentenza”, e “que non se trate de prolongar a denegación dun dereito ao persoal que eles, CCOO e UGT excluíron”.

Nese sentido, Burgos apunta que “os nosos servizos xurídicos están a estudar as posibilidades para que se faga efectiva esta sentenza, xa sexa mediante negociación o mediante accións individuais”.

Volver