O TSXG obriga a restituír como membro do comité de Megasa o delegado da CIG que fora excluído pola UGT

A sentenza considera que se vulnerou a súa liberdade sindical e condena os demandados a abonarlle unha indemnización
Ferrol - 27 Out 2021

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de recoñecer a condición de delegado do persoal pola CIG a Alberto Airado, obrigando ao comité de Megasa a restituílo como membro de pleno dereito no órgano de representación unitario e condenándoo, xunto coa UGT, a abonarlle unha indemnización por vulnerar a súa liberdade sindical.

Cómpre subliñar que o traballador saíu elixido representante do persoal nas últimas eleccións sindicais en Megasa, celebradas en 2019, nas que a CIG obtivo dous delegados despois de moitos anos nos que a UGT era sindicato único no comité. Posteriormente, o traballador solicitou unha excedencia voluntaria, mais sen renunciar a súa acta de delegado e sen que o resto do comité iniciara o proceso para solicitar a súa revogación.

Non obstante, no pleno extraordinario convocado en xaneiro de 2021 para tratar a constitución da comisión negociadora do convenio, o presidente do comité -da UGT-, impediulle ao delegado da CIG poder participar ao non recoñecelo como representante do persoal. Polo mesmo motivo, tampouco se lle deixou asistir á reunión do comité que tivo lugar un mes despois.

 A UGT deu de baixa na OPR ao delegado

De feito, non hai que perder de vista que a UGT xa comunicara en decembro de 2020 á Oficina Pública de Rexistro das Eleccións Sindicais a baixa do compañeiro como membro do comité de empresa, sen contar, consultar, nin informar previamente o traballador afectado.

Diante desta esta manobra antisindical e ilegal que só buscaba apartar a Airado do órgano de representación polo seu carácter reivindicativo, crítico e moi combativo, a CIG presentou denuncia no xulgado do Social que fallou a favor do comité, mais agora o TSXG dálle a razón ao delegado da CIG, confirmando a súa condición de membro do comité.

Na propia sentenza aclárase que estar en situación de excedencia non implica a perda da consideración de representante dos/as traballadores/as, ratificando que se vulnerou a liberdade sindical do afectado e obrigando ao presidente do comité, ao comité, e a UGT a cesar nos comportamentos que atentan contra a liberdade sindical, a restituírlle a súa condición de membro do órgano de representación unitario e condenando os demandados a abonarlle unha indemnización de 2000 euros.

Diante da difícil negociación do convenio que ten que afrontar o persoal de Megasa polas pretensións da compañía de denegar melloras reais nas condicións laborais, salariais e sociais, a CIG-Industria agarda que a representación de UGT "medite sobre o que viñeron facendo até o de agora e encamiñen os seus esforzos e enerxías na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras, sen perder máis tempo en leas que só serven para crear tensión e desunión entre compañeiros/as".