O TSXG ratifica a condena á empresa de augas de Ames por vulneración da liberdade sindical
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar a condena á empresa pública de augas de Ames (EPEL) por vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical ao non respectar a condición de representante sindical do delegado da CIG no Consello de Administración.
O alto tribunal galego desestima o recurso interposto pola compañía, confirmando a sentenza do Xulgado do Social 1 de Compostela que declarou a “nulidade radical deste comportamento” e fixou unha indemnización de 7501€ netos para o delegado que naquel momento representaba a CIG na empresa, e a mesma cantidade para o sindicato.
Os feitos remóntase ao ano 2024, cando o alcalde de Ames, como presidente do Consello de Administración da EPEL, lle encomendou ao delegado de persoal que convocase unha reunión para que as persoas traballadoras da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames elixiran en votación quen as ía representar no Consello de Administración.
Porén, segundo os estatutos da EPEL, este nomeamento debe recaer sobre o delegado ou a delegada de persoal elixido nas eleccións sindicais, polo que non cabía a posibilidade de escoller outro traballador ou traballadora, ao estar vixente o mandato do delegado da CIG.
Antón Cebey, da CIG-Industria de Compostela, explica que así se lle indicou ao presidente do Consello de Administración da EPEL, e aínda así unhas semanas despois realizouse unha votación “que non cumpría co marco lexislativo correspondente”, sendo elixida para o Consello de Administración unha persoa distinta ao delegado de persoal.
Diante disto, a central sindical presentou denuncia na Inspección de Traballo por vulneración do dereito á liberdade sindical e posteriormente unha demanda de tutela de dereitos fundamentais, ao non atenderse as súas lexítimas reclamacións. O xulgado deulle á razón á CIG, deixando en evidencia que o alcalde, na súa calidade de presidente do Consello de Administración da EPEL, manobrou para apartar o delegado da CIG “e substituílo por unha persoa máis afín aos seus intereses”.
Malia a contundente sentenza do Social, José Blas García insistiu neste tipo de práctica antisindical e está pendente de sentenza outra demanda presentada pola CIG por vulneración da liberdade sindical do actual delegado de persoal.
Cebey critica estas prácticas ilegais por parte do representante público dun partido que se di progresista, reclama o cese inmediato deste comportamento e que se respecten os dereitos sindicais das traballadoras e os traballadores desta empresa en todas as súas vertentes.