O TSXG ratifica a condena á Autoridade Portuaria de Vigo por vulneración do dereito de liberdade sindical

Desestimou o recurso presentado contra a sentenza do Xulgado do Social por discriminación dunha delegada da CIG nun proceso interno
Vigo - 26 Mai 2023

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso de suplicación presentado pola Autoridade Portuaria de Vigo (APV) contra a sentenza do Xulgado do Social que en decembro de 2022 condenou o organismo estatal por vulnerar o dereito de liberdade sindical ao discriminar a unha delegada da CIG nun proceso interno. De xeito que o TSXG ratifica tanto a “nulidade radical” dun nomeamento que foi feito a dedo como a correspondente indemnización á traballadora afectada.

Dende a sección sindical da CIG indican que “o resultado é o esperado, pois o tema estaba ben claro. A Autoridade Portuaria, coa complicidade de UGT e CCOO, sáltase sistematicamente o modelo de xestión por competencias co fin de vulnerar os dereitos das delegadas/os da CIG. O feito no é illado, aínda que si foi o único que acabou denunciado no xulgado”. 

A Autoridade Portuaria, coa complicidade de UGT e CCOO, sáltase o modelo de xestión por competencias para vulnerar os dereitos da representación da CIG

Din non entender ademais como o presidente da APV, Jesús Vázquez Almuíña, recorreu no seu momento unha sentenza “clara e contundente, permitindo que a irregularidade perdurase no tempo, facendo caso omiso do fallo do xuíz do Xulgado do Social”. En consecuencia, o recurso fixo que a cantidade a indemnizar aumentase de maneira considerábel, duplicándose ademais o gasto, “pois o traballador mobilizado de maneira irregular segue ocupando a día de hoxe o posto de xefe de servizo e percibindo unha diferencia salarial que, en todo caso, tiña que ser percibida pola delegada da CIG, xa que a sentenza do Xulgado do Social anulara o nomeamento”.

Con todo, na central sindical sospeitan que o secretario xeral da APV, José Ramón Costas Alonso, recorrerá novamente a sentenza, algo que, en palabras do voceiro da CIG no organismo estatal, Diego González, “sería outra gran irresponsabilidade, pois estamos a falar de diñeiro público”. Neste senso, sinala que se tras a sentenza do Xulgado do Social o secretario xeral e o presidente tivesen acatado o fallo, o gasto veríase reducido considerablemente. 

Posíbel prevaricación administrativa

“Tampouco nos resulta estraño que o fagan, pois vén sendo habitual que os mandatarios do PP deixen de lado a xestión dos recursos humanos, delegando as decisións nun secretario que adoita pensar que é amo e señor da Administración, vulnerando continuamente os dereitos das nosas delegadas/os, con represalias continuas a fin de tentar intimidarnos e limitar a nosa actividade sindical, actitude que, contra a CIG, non lle vai dar resultado”, advirte.

Dende a sección sindical da CIG na APV denuncian que as irregularidades non cesaron e que a empresa “conta coa complicidade de CCOO e UGT”, polo que activarán todas as vías posíbeis e seguirán a loitar para que se respecte o III Convenio Colectivo e o modelo de xestión por competencias. Finalmente, adiantan que ante a gran cantidade de irregularidades que tiveron lugar na APV nestes últimos dous anos a central está barallando “ir un paso máis alá” porque “pensamos que certas irregularidades poden superar xa o ámbito social, pois hai prácticas que, ao noso parecer, encaixan na definición da prevaricación administrativa”.