O TSXG ratifica a nulidade do decreto municipal que impón condicións "escravistas" aos bombeiros de Vigo

O comité de folga presentará querela criminal contra o Concello por presunta prevaricación

Vigo -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar plenamente a anterior sentenza do Xulgado nº1 do Contecioso-Administrativo de Vigo que declaraba nulo de pleno dereito o decreto da  Concellaría de Seguridade a través do que o Concello impuxo gardas extraordinarias aos bombeiros municipais.

O comité de folga (CIG e CUT) xa anunciou que solicitará a execución provisional da sentenza e  que tamén presentará "unha querela criminal contra o Concello de Vigo por presunto delito de prevaricación". Neste senso, Miguel Ucles, delegado da CIG, denuncia que, a sabendas da súa ilegalidade, a concelleira de Seguridade, o xefe da área e o oficial xefe do servizo de bombeiros "están mantendo unhas medidas contra da saúde dos traballadores e que poñen en risco a seguridade da cidadanía".

Ucles lembra que os bombeiros/as municipais de Vigo levan máis de ano e medio nunha situación laboral insostíbel pola falta de persoal suficiente, tendo que desenvolver o seu labor "en condicións escravistas", realizando un continuado sobreesforzo e con dereitos fundamentais (como o de conciliación) vulnerados, ademais de sufrir un grave risco na súa saúde.

Con este novo revés xudicial na man, a representación da CIG agarda que o Concello mude de rumbo e asuma, dunha vez, a necesidade de abrir unha negociación para buscar unha solución urxente á “situación límite” que vive o corpo.

Volver