O TSXG ratifica a nulidade do despedimento dun traballador do GES de Guitiriz

A CIG agarda que a alcaldesa abandone as súas actitudes “caprichosas” e execute a sentenza

Lugo -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar a nulidade do despedimento dun traballador do GES de Guitiriz en outubro de 2017, ao desestimar o recurso de suplicación interposto polo Concello perante a sentenza de nulidade emitida no seu día polo Xulgado do Social nº1 de Lugo.

A resolución dos maxistrados do TSXG confirmar que o despedimento deste traballador estivo inequivocamente motivado polas denuncias que presentara diante da Inspección de Traballo e diante do Xulgado do Social por reclamacións en relación á seguridade e saúde laboral e ao dereito á formación profesional.

“Como temos denunciado en innumerábeis ocasións, este despedimento foi un despedimento represivo e antisindical, impropio dun goberno e dunha alcaldesa representantes dun partido político que se define obreiro e socialista”, asevera o secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto.

Esta nova resolución confirmar a irresponsabilidade da alcaldesa de Guitiriz na súa política de persoal, toda vez que a decisión vaille ter un custe de arredor de 20.000€, entre salarios de tramitación, máis os salarios que o traballador xa está a percibir actualmente, desde que saíu a sentenza do Xulgado Nº 1, no mes de abril, “pero que por capricho da alcaldesa está eximido de acudir ao seu posto de traballo. É dicir, que a señora Regina Polín ten a un traballador cobrando o salario na súa casa á vez que ten un servizo de emerxencias sen o persoal necesario”, censura.

E todo isto, “a conta dos cartos de todos e todas as veciñas de Guitiriz”. Por iso a CIG pregúntase “se mantería esta actitude soberbia se tivera que facer fronte ela aos gastos ocasionados polo seu capricho. Dubidamos moito que así fora”.

Con este novo revés, a CIG agarda que a alcaldesa de Guitiriz desista das súas actitudes caprichosas, sectarias e discrecionais en materia de persoal, e que execute de inmediato a sentenza dos tribunais reincorporando o traballador ao seu posto de traballo, “e se decida dunha vez a cumprir as condicións laborais que marca o convenio colectivo do persoal laboral do Concello, que ademais asinou ela mesma”.

 

Volver