• Nova

O TSXG ratifícalle a condición de persoal laboral fixo a un traballador do GES da Pontevenova

Ao operario, que accedeu á praza tras un proceso público de selección, renovábanlle o contrato ano a ano
A Pontenova - 29 Xul 2020

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar a sentenza do Xulgado do Social nº 3 de Lugo que decretou a condición de persoal laboral fixo dun operario do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova. O TXSG desestimou o recurso presentado polo Concello en outubro pasado, validando así o criterio adoptado polo xulgado do social que determinou a fraudulenta contratación deste traballador polo Concello da Pontenova, ao estárenlle renovando o contrato ano a ano desde o ano 2013.

Segundo o alto tribunal galego, a fraudulenta contratación, a realización de funcións estruturais e o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á súa praza, tras superar un proceso público de selección, converte o traballador en persoal laboral fixo do Concello da Pontenova. Na mesma situación que este traballador están todos os operarios do GES deste municipio, habendo outro compañeiro que está á espera do fallo do TSXG despois que o xulgado do social 3 de Lugo tamén decretara no seu día a súa condición de persoal laboral fixo en base aos mesmos criterios.

Irresponsábel concepción destes servizos de emerxencias

O secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, chama a atención sobre o feito de que esta situación fraudulenta da contratación do persoal dos GES "dáse de forma xeneralizada en todos os concellos que dispoñen destes grupos e deriva dunha concepción irresponsábel por parte das administracións implicadas, tanto da Xunta, como das deputacións provinciais, FGAMP e os Concellos sede, deste servizo de emerxencias".

Sinala que por unha banda o obxectivo da Xunta é dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas nas que non chegan os parques de bombeiros e, por outra,os concellos, co visto bo de deputacións e FGAMP, acollen estes grupos co obxectivo de dispor "de peóns baratos" para a realización de todo tipo de labores. En calquera caso, para todas estas administracións, advirte Neto, "o de menos é que a poboación conte cuns servizos de emerxencias eficientes, profesionais e correctamente equipados".

A situación dos contratos fraudulentos debe estar na axenda do comité

Para a CIG, a regularización dos contratos fraudulentos debe de estar na axenda do comité de empresa do Concello que se conforme a partir do vindeiro venres, cando se celebran as eleccións sindicais do persoal laboral do Concello da Pontenova, ás que a CIG presenta candidatura por vez primeira. Por iso, avanza, de obter representación, "a central levará a debate no seo do comité a situación tanto dos traballadores e traballadoras do GES coma do resto de persoal do Concello que puidera ter os seus contratos en situación fraudulenta".