O TSXG recoñéce o dereito á exención de tributación pola indemnización por despedimento

Obrígase a tributar cando se volven prestar servizos, en 3 anos, nesa ou noutra empresa do grupo

Compostela -

A Asesoría Xurídica da CIG na Comarca de Compostela vén de gañar un xuízo contencioso-administrativo á Axencia Tributaria no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece ao traballador afectado o dereito á exención de tributación pola indemnización por despedimento. No caso de que un traballador ou traballadora sexa despedido e volte prestar servizos na mesma empresa ou noutra do mesmo grupo nun período de 3 anos, a administración presume que non existe desvinculación real da empresa, agás proba en contrario, e obriga aos traballadores e traballadoras a tributar por dita indemnización.

O traballador esgotara xa todos os recursos administrativos e alentado pola CIG interpuxo un recurso contencioso-administrativo, que finalmente veu dar a razón.

A Axencia tributaria, en todos os casos nos que os traballadores voltan prestar servizo na mesma empresa no período de 3 anos , presume que non hai desvinculación real, e obriga ás traballadoras e traballadores a acudir á vía xudicial, polo contencioso-administrativo. Isto conleva uns elevados gastos para estas traballadoras e traballadores, que teñen que dispor de procurador/a ademais de avogado/a, e aboar as costas xudiciais no caso de perder, o que fai que a maioría “acaben aboando as cantidades que facenda lles exixe por este concepto e desbotan acudir á via contenciosa”.

A CIG-Compostela entende que esta sentenza é de moita importancia para as traballadoras e traballadores, e anima a quen se vexan afectados por esta inxusta norma, a reclamar até o final e demostrar no xulgado a súa desvinculación real para que non ter que tributar pola inmdemnización por despedimento.

Volver