O TSXG rexeita o recurso de HEDEGASA S.L. contra a sentenza que declaraba nulo o despedimento de Nélida Pisco

A CIG denuncia que mantén á traballadora sen traballo efectivo desde decembro de 2017

Compostela -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza rexeitou o recurso de HEDEGASA S.L. contra a sentenza que declaraba nulo o despedimento de Nélida Pisco, declaraba tamén a vulneración dos seus dereitos fundamentais e impoñía unha indemnización por danos morais na contía de 10.000 €. O TSXG confirma integramente a sentenza do Xulgado do Social nº 2 de Santiago e impón a HEDEGASA S.L. o pagamento das costas deste procedemento na cantidade de 600€.

Nélida Pisco fora despedida logo de que a empresa solicitara a apertura dun expediente na Dirección Xeral de Tráfico por suposta incapacidade para a condución de vehículos de pasaxeiros/as. Un expediente que foi posteriormente pechado pola propia DXT que restituíu a Pisco todos os permisos habilitantes para o desempeño do seu traballo como condutora de autobuses.

Porén, a empresa non a readmitiu o que obrigou á traballadora a solicitar máis unha vez a nulidade do despedimento e a denunciar a vulneración dos seus dereitos fundamentais por empregar informes falsos para tratar de que un organismo como a DXT lle facilitara o despedimento dunha traballadora que non conseguía pola vía laboral.

Nélida Pisco padece desde o ano 2006 o acoso laboral, que incluíu outro despedimento anterior tamén declarado nulo, por ter solicitado unha redución de xornada para atender á súa filla recén nacida que, por prematura, precisaba coidados especiais.

Toda esa situación conlevou episodios que a propia Inspección de Traballo cualificou como “terrorismo psicolaboral” e de “acoso” por parte da empresa. Por iso está aberta, neste momento, unha causa penal pendente de sinalamento de xuízo logo de rematar as dilixencias previas na que se solicitan penas de prisión para os responsábeis empresariais.

Neste intre, e malia non se ter admitido a trámite o recurso da empresa, Nélida Pisco continúa apartada do seu posto de traballo porque a empresa se nega a facer efectiva a readmisión mentres non remate todo o proceso xudicial. HEDEGASA S.L. presentou un recurso de casación no Tribunal Supremo a sabendas de que tamén nesta instancia vai ser inadmitido.

Diante desta situación o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, denuncia que “a empresa está dilatando artificialmente a volta efectiva ao posto de traballo de Nélida Pisco, o que constitúe unha forma de acoso dentro de todo o proceso que leva vivido nestes anos”.

Malia isto, Pavón lembra que “a traballadora sempre rexeitou calquera clase de indemnización e reclamou unicamente o seu dereito a conducir un autobús e ser nai”.

Novo concurso de transporte de viaxeiros

O representante da CIG advirte que toda a central sindical fará un seguimento específico para vixiar as listaxes de subrogación para evitar que alguén teña a tentación de empregar este proceso para tentar pechar este conflito pola porta de atrás. “Tanto a empresa saínte, como a entrante e a propia administración teñen que garantir que a traballadora mantén o seu posto de traballo tras na nova concesión que se faga”.

Pavón lembra que xa no seu momento esta empresa veu prorrogado o seu contrato coa administración onde se valoraba a presenza de mulleres como condutoras cando das tres que tiñan dúas foran despedidas e a outra, Nélida Pisco, estaba represaliada por exercer o seu dereito a conciliar e responsabiliza directamente á Xunta de Galiza do que poda suceder agora.

Volver