O TTIP e os seus interrogantes: o 2016 como ano decisivo, que non concluínte

Adoración Guamán H -

Ábrese un ano no que as negociacións do TTIP se van manter como o eixe fundamental da política do comercio da UE co mandato explícito de pisar o acelerador, e chegar á metade das negociacións para verán de 2016

 O 2015 non foi doado para o TTIP. A medida que avanzaba o ano, as negociacións sobre o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento entre a Unión Europea e Estados Unidos (TTIP, polas súas siglas en inglés) foron atopando atrancos importantes que puxeron en dúbida as posibilidades de que un Tratado da magnitude do inicialmente promovido poida aprobarse nos prazos estimados no principio das negociacións. É evidente que a pretensión de finalizar a negociación do TTIP no 2015 para conseguir someter o texto á aprobación do Parlamento Europeo e do Consello en abril-maio de 2016 (e así asegurar a súa entrada en vigor en xaneiro de 2017, coincidindo coa fin da Presidencia de Obama) é xa imposíbel, pero tampouco parece probábel que o 2016 facilite o camiño para conseguir pechar as negociacións do Tratado, polo menos non dun igualmente ambicioso.

 As dificultades coas que se veu enfrontando o TTIP son diversas e mantéñense in crescendo. Por unha banda, o rexeitamento cidadán segue aumentando e, tras a demostración de forza que se escenificou coa presentación o 7 de outubro da Iniciativa Cidadá Europea autoorganizada contra TTIP e CETA apoiada por 3.284.289 sinaturas recollidas nun ano, as campañas Stop TTIP incrementaron o aumento de accións no conxunto da UE. Este rexeitamento crecente está levando a Comisión a investir un esforzo considerábel en publicitar as virtudes que, segundo diversos informes, van derivarse do Tratado, pero esta publicidade está batendo cunha resposta tanto no ámbito da sociedade civil como no ámbito universitario e político/sindical.

 En concreto para o caso español, a Comisión publicou como textos chave para entender o TTIP un informe titulado “O impacto na economía española do asinamento da asociación transatlántica sobre comercio e investimento (TTIP) con EE.UU.” financiado pola CEOE e mais o documento titulado “TTIP: unha gran oportunidade para as pemes españolas”. Na mesma liña que outros informes anteriores encargados pola Comisión Europea, o realizado polo CEPR por exemplo, e utilizando o mesmo método, o primeiro documento prognostica un efecto do TTIP que podería chegar a supoñer unha elevación do PIB de máis de 36.000 millóns de euros ou a creación de máis de 334.000 postos de traballo. No entanto, e como afirmaron outros expertos, o informe español financiado pola patronal e pola Cámara de Comercio, e adoptado como “oficial” pola Comisión, peca das mesmas carencias que os informes de ámbito europeo. Entre outras razóns, distintos académicos indicaron que o modelo utilizado acolle predicións excesivamente optimistas que descansan en asunción de que tanto a UE como EEUU son capaces de eliminar as normas ou regulacións que obstaculizan o comercio sen oposición política, o cal non é en absoluto probábel. Por riba, nin os estudos de ámbito europeo nin o español computan os potenciais efectos negativos que tería unha desregulación como a que se propón. Tamén pasa por alto que as distintas ferramentas incluídas no tratado para conseguir a cooperación reguladora probabelmente causarían un descenso dos estándares laborais, sociais e ambientais. En sentido contrario, outros estudos prognosticaron graves consecuencias no ámbito económico e, desde logo, son numerosos os e as autoras que sinalan o posíbel impacto do TTIP no ámbito socio-laboral.

 O impacto do TTIP nas PYMES é outro dos eixes a través do cal a Comisión intenta xerar un apoio cidadán respecto do Tratado. Máis aló dos datos concretos da reducida porcentaxe do comercio con EEUU que levan a cabo as PeMES, sobre o que se remite por exemplo ao informe do Instituto Veblen ou a diversos artigos aparecidos recentemente sobre a cuestión, é importante sinalar as imprecisións que contén o folleto publicado pola Comisión. En efecto, o caderniño publicitario realiza afirmacións como as seguintes: “O TTIP reducirá ou, na maioría dos casos, suprimirá os aranceis que se aplican actualmente entre a UE e os EE.UU”, ou “o TTIP tamén proporcionará acceso ao mercado estadounidense en ámbitos que até o de agora estaban practicamente pechados para as empresas da UE” ou mesmo “o TTIP ampliará a listaxe de denominacións xeográficas protexidas”. Pero a realidade é que ningunha destas afirmacións pode considerarse asegurada neste estado das negociacións. Así, é evidente que a redución total de aranceis nalgúns sectores parece ben improbábel, do mesmo xeito que é totalmente incerto que EEUU acceda a abrir o acceso de xeito significativo ao seu mercado de contratación pública ou que finalmente sexa posíbel esa ampliación da listaxe de denominacións xeográficas protexidas. Non hai dúbida de que tales pretensións foron postas sobre a mesa dun xeito ou outra pola Comisión Europea, pero isto non implica a aquiescencia da contraparte.

 Máis aló desta dinámica interna para gañar o apoio da cidadanía, pero sen dúbida con esta presión como pano de fondo, durante o 2015 abríronse outros escenarios complicados para a Comisión europea. Se cadra o máis complexo de todos foi o mantemento ou non do ISDS (sistema de resolución de controversias investidor-Estado). Con vistas a contentar a opinión pública e a salvar a (lograda in extremis) Gran Coalición no Parlamento Europeo, a Comisión propuxo unha modificación do mecanismo de resolución de controversias, que pasa a chamarse ICS (Investment Court System). A nova proposta recibiu tamén numerosas críticas, fundamentadas en que se mantivo invariábel tanto os obxectivos e os resultados posíbeis do mecanismo de arbitraxe: o ICS segue orientándose ao establecemento dunha vía paralela e privilexiada para que os investidores estranxeiros protexan os seus investimentos, eludindo a normativa estatal e os tribunais nacionais. Ademais, a proposta da Comisión xera dous problemas fundamentais: por unha banda, a UE manifestou a súa vontade de non modificar o sistema de arbitraxe proposto no CETA, polo que a través de Canadá segue aberta a porta á utilización do sistema “tradicional”. Por riba, a primeira reacción de Estados Unidos ante a publicación, informal, da proposta foi o rexeitamento claro a este novo sistema, aínda que non houbo aínda un pronunciamento oficial todo parece indicar que a contraparte americana manterá o contido dos seus acordos de investimento, moito máis esixentes, como punto de partida e rexeitará o ICS.

 No medio deste conxunto de incertezas o 2015 acababa con outro escenario sen resolver posto que a aprobación do TPP tamén se complicou. Neste sentido diversas fontes estadounidenses sinalan que as críticas ás que a administración Obama debe facer fronte respecto do Tratado Transatlántico impiden que poida implicar todo o seu capital político no TTIP, polo que o rexeitamento dun tratado pode implicar o pospoñer o outro até máis aló do 2016. Pero posibelmente a cuestión que podería supoñer un atraso moito máis considerábel ou mesmo un posíbel abandono do TTIP é a súa consideración como Tratado Mixto, é dicir, como un Tratado que por afectar ás competencias dos Estados membros debe ser aprobado tanto no ámbito da UE como no plano nacional, abríndose a porta a 28 procesos de ratificación. Curiosamente, nos últimos meses do 2015 a Comisión parecía inclinarse por esta posibilidade, aínda antes de que o Tribunal de Xustiza se pronunciase ao respecto, o que significaría sen dúbida un importante paso para que a cidadanía europea puidese pronunciarse sobre o TTIP e implicaría evidentemente un atraso, máis que xustificado, da súa posíbel aprobación.

 Así as cousas, e deixando moitos temas por tratar, ábrese un ano no que as negociacións do TTIP se van manter como o eixe fundamental da política do comercio da UE co mandato explícito de pisar o acelerador, e chegar á metade das negociacións para verán de 2016, pero con multitude de interrogantes de difícil resolución. A dicotomía que se produce, xa de xeito claro, é a seguinte: van preferir as negociacións un Tratado con contido reducido pero cuxas negociacións poden finalizar no prazo que politicamente lles convén? Van optar, en troca, por manter as expectativas e atrasar o momento da adopción do TTIP?

 Dúas citas están xa no calendario. A primeira é a visita de Obama a Merkel en abril do 2016 para avanzar nas negociacións; a segunda, de data incerta pero proposta sen dúbida para este ano é a aprobación do CETA, cuestión de máxima importancia sobre as que debería informarse convenientemente á cidadanía.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Euractiv’, do 4 de xaneiro de 2016]

Volver