O TXUE considera que no caso de subrogación na seguridade privada as débedas van á nova empresa

A sentenza dálle a razón á CIG, que agarda que o TSXG actúe en consecuencia
Nacional - 17 Xul 2018

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza elevou unha consulta pre-xudicial ao Tribunal de Xustiza Europeo para que este valorara se é de cumprimento, sobre a normativa laboral do Estado español, unha Directiva Europea e se é de aplicación, sobre un convenio colectivo, o Estatuto dos Traballadores/as. A consulta viña causada por unha demanda presentada pola CIG pola que se reclamaba a responsabilidade subsidiaria da empresa entrante, con respecto das débedas adquiridas pola empresa saínte cara a un traballador de seguridade privada. Na súa resposta, o Tribunal de Xustiza Europeo dá a razón á central sindical considerando que si existen responsabilidades subsidiarias, cando hai débedas cos traballadores/as nunha subrogación, que ten que asumir a empresa entrante ou, o que é o mesmo, que é de aplicación, neste caso, a Directiva Europea.

Segundo explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos, o TSXG elevou esa consulta porque hai sentenzas do Tribunal Supremo (TS), como a do 17 de abril de 2016, que di que prevalece o convenio colectivo sobre os límites que se introduzan nel. “Limita a responsabilidade das débedas coa anterior contratista”.

A este respecto, Pérez chama a atención sobre o feito de que o convenio de Seguridade Privada estableza un dereito de subrogación “peor” que o que contempla o artigo 44 do Estatuto dos Traballadores/as. E non só iso, senón que tamén se contrapón á Directiva 2001/23CE. Tendo isto en conta, o representante da CIG-Servizos afirma que o TS aténdose á literalidade do convenio “non ten en conta nin o artigo 44, nin a Directiva Europea”.

Man de obra como entidade económica

A consideración do Tribunal Europeo atinxe a aquelas actividades nas que o peso da man de obra subrogada constitúa en si mesma unha entidade económica, como sería o caso das empresas de seguridade ou de limpeza nas que o 90% dos custos da concesión van destinados a ese concepto. Polo tanto “loxicamente entendemos que si existe a aplicación da Directiva nos termos que marca a Unión Europea”, afirma Pedro Pérez.

Respecto da prevalencia de normas, o representante da CIG lembra que o artigo 3 do ET, que contempla que un convenio colectivo non poderá establecer condicións laborais diferentes ás normas de rango superior. “Entendemos, como sempre fixemos, que o tribunal español foi contrario a isto aplicando ou poñendo por riba do ET e da normativa da UE o pacto do convenio colectivo, eludindo, xa que logo, as normas de rango superior”.

Por iso aplaude que agora a UE lle dea a razón á CIG considerando que “si existen responsabilidades subsidiarias cando hai débedas cos traballadores nunha subrogación que ten que asumir a empresa entrante”.

Interpretación do TSXG

Coa resposta do tribunal europeo na man, a CIG entende que o TSXG “pode ditar unha sentenza resolvendo que é de aplicación o Estatuto dos Traballadores/as, en base ao artigo 44 e aplicando tamén o artigo 3, que establece que o ET é xerarquicamente superior ao convenio colectivo xunto coa Directiva Europea”.

Isto, para a CIG, tería un importante alcance do momento en que afectaría a todas as contratas nas que, nos seus custos, sexa sempre o da man de obra o máis elevado.